Caxigalines nella Reguera'l Campizu

12 giugno 2007

ATA SEMPRE, ERASMUS

Estes días son de despedida. Vanse Katja, Laurent, Valentina, Jonah, Céline, Fabio. Os erasmus deste ano. Tamén se van Joseph e Jude, os estudantes de Carolina do Sul que compartiron aulas con nós. A chegada destes estudantes é para a nosa universidade unha fonte de riqueza extraordinaria. Enviamos arredor dun centenar de alumnos ao estranxeiro (un dicir, para entendermonos, porque xa non é estranxeiro) e acollemos outros tantos. Nalgunhas clases hai máis alumnos alleos que propios. Esto pode distorsionar a marcha do curso, pero tan axiña coma pasan os primeiros días, a situación repercute moi positivamente en todo.
Están moi afeitos ao traballo continuado e non tanto ao sistema clásico de exames. Aínda que xa a facultade non é por natureza moi proclive a ese sistema obsoleto, o certo é que contribúen a acelerar o cambio de modelo. Son alumnos preocupados, recurren con frecuencia ao profesorado, cousa que non se estila entre o alumno propio. Os estadounidenses, dentro deste grupo, son exemplares: non perden ocasión para deixar claro que é o que teñen que facer. Preguntan sempre ata que consiguen comprender o tamaño da súa tarefa (mesmo con negociacións moi hábiles: será cousa do pragmatismo?).
O nivel de lingua é desigual, pero adoitan aprender moi axiña: en todo caso, os/as polacos/as son excelentes. Dominan a lingua case mellor (podo escribir "mellor", sen remorsos) que moitos dos alumnos propios. Os italiáns, seguindo a súa vella tradición de furbi, tentan facer que fan; os franceses son aplicados e cumplen con notable disciplina o seu labor; os ingleses, coma non están obrigados a cursar materias concretas porque o seu sistema só quere que estean un ano fóra, pois están, simplesmente. Algún portugués que ten chegado ata as aulas amosa unha extraordinaria capacidade de traballo e un interés moi grande polas materias impartidas. Comezan a chegar rumáns, checos, búlgaros ao noso carón. Todos eles, desde logo, son a substancia dunha nova xuventude, máis preparada, máis resolta que abre o mundo de forma imparable. A mín, digo a verdade, danme a vida. Xa me tardan que cheguen os do ano que ven.
Outro día falarei doutro tipo de alumnos que alegran co seu entusiasmo tamén a docencia: os maiores de 55 anos.
[Cadro: Franz Marc, Cabalos azuis, 1911]

5 commenti:

Anonimo ha detto...

Sempre é un gustazo ter alumnos interesados por aprender de verdade. Son coma auga fresca nun día caloroso. :)

Ana Bande ha detto...

A todos nos enriquece moito o contacto cos Erasmus, eu tamén botarei de menos a moitos deles aínda que podo dicir que algun@ del@s teño relacións moi estreitas. Eu lle daría outra vez o premio ese que leva nome de príncipito, é unha experiencia moi boa, si señor.

Anonimo ha detto...

O dos erasmus é o fenómeno máis interesante, máis fascinante e máis enriquecedor dos últimos 50 anos en Europa. Fundamental. Case obrigatorio. Mágoa que moitos dos nosos alumnos sexan tan recelosos (e non é por cartos, ollo).

Nuca ha detto...

supoño que o dos cartos tamén contribúe nonsi? A beca é ben cativa e os salarios dos pais galegos sonche, de media, un 60% menor dos de un alemán

Anonimo ha detto...

Xa sabemos o cativo da bolsa, os baixos salarios, etc. Porén, esta xeración viaxa moito (onde sacarán os cartos???) adiosgrhacias, e eu vexo roupas e aparellos electronicos varios que non son baratos precisamente.
Eu fun pre-Erasmus sen bolsa...unah das mellores expriencias da miña vida.
Os problemas a meirande parte das veces son preguiza, non deixar ao mozo ou moza (non saben o que perden fóra ;), etc.
Erasmus obrigatorio e becado xa!!!
Susana C.