Caxigalines nella Reguera'l Campizu

3 giugno 2007

FORGES

Son lector de sempre de EL PAÍS, pero hoxe quedeime sen el. A culpa é toda de Forges. As súas tazas atraen a compradores (non lectores) ata os kioskos. Tanto foi así que puiden coller o semanal, porque a xente só quería o xornal para mercar a taza. As ofertas dos xornais contribúen, dun xeito ficticio, a enmascarar os tristes resultados de lectura. A baixada é notable, pero a tódolos efectos os números aínda poden falar de mantemento de vendas. Pero non é diso do que quero falar, senón de Forges. Agora leva un tempo xa grande baixo a páxina do editorial de EL PAÍS, ou sexa, na máis eminente páxina de opinión do diario: tal é a estima que ten para os editores do xornal "independiente de la mañana" a figura excelsa de Forges. Estivo tamén durante moito tempo en EL MUNDO, creo que foi socio fundador do diario, tras o seu paso por Diario 16, pero deixouno por discrepancias abertas con Pedro J. Debuxa tamén para o Lecturas: teño marchado como un vergonzante chourizo dunha consulta coa páxina arrancada de Forges baixo o brazo. Forma parte, sen dúbida, da miña educación sentimental e aínda engado intelectual. Porque contemplar o mundo con ese sentido do humor supón unha deliberada forma política de comprendelo. Poucas persoas, ademáis, son capaces de conquerir un grao de xenialidade tan prolongado no tempo: é doado ser irregular, estar máis brilante un día ou amosar durante tempo unha medianía aceptable, pero nada sobresaínte. Pero Forges, agás casos moi esporádicos, borda sempre a súa visión certeira do mundo, sobre todo cando engarza co cotián, coas relacións familiares, de parella ou de angueiras persoais. Forges é hoxe, para mín, o máis grande humorista gráfico que ten este país, tan pródigo, por outra parte, neste capítulo honorable e fundamental da cultura.

14 commenti:

Marcos Valcárcel López ha detto...

Tampouco a min me gusta que mesturen os xornais con outras cousas, pero o mercado manda. En fin, mañá poderá encontrar EL País de hoxe nalguha cafetería, supoño: é un xornal que se pode consultar en versión dixital,pero hai que lelo de vagar, sentado na casa ou nunha cafetería e mesmo un bolígrafo para tomar notas, se é preciso.
Coincido en todo coa túa apreciación de Forges. En "El País", noutro estilo, ten un duro competidor en El Roto,tamén xenial, pero Forges é un clásico insustituíble, sen dúbida.

Nuca ha detto...

Hay Mariano como eres!!!

Anonimo ha detto...

Pense en Forges mañá pola mañá e vaia sen contrición ao taller. Logo agasállese cun bo almorzo, como debe ser. Xa lle adianto o diagnóstico: nada de nada ou, no peor dos casos, unha caralladiña sen importancia.
Apertas, amigo.

Anonimo ha detto...

Forges é o mellor. Sen dúbida. Un artista.
En canto a vender cousas co periódico, onte por pouco non atopo El País, no me u caso por culpa de Sabina. A min dame igual que vendan ou non vendan, pero non poderían facer máis exemplares ou distribuílos mellor?

Anonimo ha detto...

Que me din das portadas de hoxe de ABC e LA RAZÓN, completamente entregadas á publicidade? Ou sexa as non portadas.

Marcos Valcárcel López ha detto...

Por certo, xa podía a prensa galega tratar ós seus humoristas como o fan os medios de Madrid...

Nuca ha detto...

refírese o Sr. Valcarcel ó Carrabouxo que ata ten unha estatua no Parque de San Lázaro? Ou isa non é prensa galega?

Zerovacas ha detto...

Si que tivo éxito, si. Eu de feito almorcei en dúas casas distintas a fin de semana. E en cada unha tomei o café nunha taza de Forges.

En canto ao tema das promocións, podémolo comentar un día. Teño un proxecto "a piques de") no que dedico case un capítulo enteiro a falar dese asunto. ¿Sabes que en El País as promocións xa supoñen a principal fonte de ingresos do xornal, mesmo por riba da publicidade? Non che regalan unha taza ao mercar o xornal; regálanche un xornal ao mercar unha taza

bouzafria ha detto...

Vaia, admírolle Zerovacas. Almorzar en dúas casas distintas na fin de semana e sendo o convidado nas dúas. Faime sentir vello.

besbe ha detto...

voulle dar a razón a Zerovacas porque onte aínda me comentaron que ían mercar El País para poder mercar uns cds de Sabina e Serrat (creo), non polo xornal en si.

Marcos Valcárcel López ha detto...

Non, non me refería ó Carrabouxo. Esa estatua partiu dunha iniciativa cidadá, arredor da Bienal da Caricatura, e nela tivo moito que ver Benito Losada, da Casa da Xuventude ourensá. Pero si me refiro, p.ex., a Xaquín Marín, extraordinario debuxante e humorista,cada vez máis relegado no espazo nun xornal como La Voz de Galicia.

Nuca ha detto...

Neso doulle a razón, Sr. Valcarcel

torredebabel ha detto...

cheguei a Forges non fai tanto pero é tan intelixente e sensible, tan xenial como aqui se di, que ainda asi -co pouco que levo de lectora- xa foi protagonista dun artigo no meu blog. Ben sei que non é gran cousa, pero o que quero significar é o impacto que me agasallan as súas historias.

Ana Bande ha detto...

Tiven ocasión de asistir hai pouco a unha conferencia de Forges e había que ver a sala, a xente partíndose de risa cos comentarios que ía facendo ao tempo que debuxaba...é moi grande Forges. Eu non puiden evitar preguntarlle cómo se acada esa capacidade de síntese en clave de humor para ofrecer cada día unha viñeta xenial...e a súa resposta, que eu xa esperaba del foi moi sinxela, só hai saber mirar a realidade.