Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 settembre 2007

PRIVADO E PÚBLICO


A imaxe pública dunha persoa en non poucas ocasións contrasta coa súa vida privada. Os casos son numerosos e calquera pode adxuntar un exemplo desa clara dicotomía. Non falo dos extremos notables de personaxes (máis ca persoas) hipermegafamosos que agochan unha vida completamente distinta de casa para adentro, senón de persoas máis do noso entorno cotián que, por circunstancias varias, acadan un certo prestixio a nivel público e que amosan unha faciana diversa cando se enfrontan coa esfera do privado. Falo máis en concreto deses intelectuais e escritores de celebridade que no seu traballo ou na tarefa cotián (normalmente profesores) amósanse coma uns impresentables.

Eu coñezo a máis dun que goza dunha fama (merecida ou non eso é outro cantar) notoria nos ambientes culturais: algúns deles mesmo ousan presentarse como adalides de causas nobres, están sempre prestos a dictar leccións morais (aínda que sexa unha moral/ina de andar por casa), e despois actúan cunha increíble desvergonza: non dan unha clase, escaquean sempre que poden, berran máis que ninguén (e conseguen non seren molestados) por un horario mal colocado, en petit comité abominan, con malas maneiras, dos compañeiros; en fin, constitúen un mal exemplo (social e ético) para case todo. Cren estar en posesión da virtude absoluta, coas características patentes de corso de quen vai de progre, pero, chegados os tempos de facer unha guardia, de presentar os programas, de entregar as actas de avaliación, amosan un desleixe polo traballo totalmente indignante. Se a xente que ergue ao tipo aos altares da fama souber do seu íntimo proceder, de seguro voltaríanlle as costas, pero moito receo que boa parte dese propio nome débese á soberbia aldraxante coa que saben vivir esas menudencias, impropias, por suposto, dun ser destinado á gloria eterna.

9 commenti:

Marcos Valcárcel López ha detto...

Unha realidade demasiado habitual, sen dúbida e por desgraza.

Anonimo ha detto...

Vale tamén para artistas, arquitectos de fama mundial que compaxinan o seu labor coa docencia. Un dicir, porque acostuman a non cumpliren co mínimo esixido. Eso si: de cobraren a fin de mes non pasan.

Fada Branca ha detto...

Eso soe pasar, por desgraza, demasiado habitualmente, trols que se disfrazan con traxes de fadas, Non hai que deixarse enganar

Anonimo ha detto...

Este post volveume levar ao instituto e facerme pensar nos que se comporta(ba)n así. Denuncia elegante e contudente, como debe ser.

Lula Fortune ha detto...

Xa se sabe que os deuses están feitos doutra pasta, ainda que queiran cobrar a fin de mes coma os mortais de simple barro. Moi bo o post, pero vexo que non lle entran moito ao trapo...Bicos solidarios.

Nuca ha detto...

arumes está feito vostede o lóstegro acusador e desagachador de escándalos do blogomillo.

Estase a converter no meu heroe

Anonimo ha detto...

E porque non me deixa a prudencia dar nomes. O malo é padecer os eloxios: vaime mal, pero terei que aturalos por respecto aos amigos e deudos do sinvergonza que non teñen por que coñecer as súas falcatruadas.

torredebabel ha detto...

triste pero obrigado dicir que levades a razón. Como anotou Marcos, "unha realidade demasiado habitual".

Anonimo ha detto...

Sr. Arumes
Estou pensando agora se moitos deses profesores ausentes non terán unha orde de afastamento das facultades/escolas ou mesmo dos alumnos. Digo eu. E respéctanas de carallo.