Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 ottobre 2007

MULLERES

O centro de Vigo polas mañáns é un territorio de mulleres. Agás os empregados dos bancos con ínfulas de executivos que pisan a beirarrúa para tomar o café do mediodía, o resto das persoas que pasean pola rúa son mulleres. Mulleres que falan con mulleres, mulleres que negocian con mulleres, mulleres soas, mulleres que traballan nos comercios de roupa, de zapatos, de libros, mulleres que compran a mulleres que venden, mulleres que organizan o tempo, mulleres que contemplan o mar desde Colón co sol quente deste verán prorrogado. Mulleres por todos lados. Mentres tanto, en naves da periferia, en talleres dos arredores, en polígonos da bisbarra, se concentran os homes (por suposto, tamén outras moitas mulleres), ausentes, expulsados do lugar central da urbe. Non é máis, tal vez, ca unha simple cuestión xeográfica, pero a vista desta paisaxe totalmente femenina permanece oculta para a maior parte dos homes, que se perden esta exhibición ostentosa da nova realidade social. Por iso non podo soportar que nas fotos dos poderosos (emprego o masculino a posta) sempre saian homes traxeados por unha ou dúas excepcións femeninas (con traxe, por certo, tipo xastre). Cando veremos tamén aí a mesma ocupación femenina que vemos no centro? Todo se andará e confío que axiña: polo de agora, a rúa é súa.

4 commenti:

Fada Branca ha detto...

Mulleres, mulleres mulleres, hai que recoñecerllos o que fan o mesmo, nin mais nin menos, que ós homes

Ana Bande ha detto...

Nas rúas, nos supermercados, nos parques, nos médicos, nas mañás, nas tardes, nas noites, na praia, nas leiras, nas oficiñas, nos anuncios, nas aulas, NAS CASAS, non nas cafeterías, nas cámaras de comercio, nos despachos de dirección, nos bancos, nas reitorías, nas casas consistoriales, nas columnas dos xornais, nos debates...

Anonimo ha detto...

Fermoso post, Arumes, e atinado.

Lula Fortune ha detto...

O mundo é noso, ainda que moitos sorrían ante esa afirmación. Porque ademáis de facer todo o que vostede di -cousa que por outra banda fan tamén os homes- nós,ademáis, ocupámonos da familia, vamos ao supermercado, cambiamos o rollo do papel hixiénico, barremos detrás das portas,comprámoslles os calzoncillos e calcetíns, vamos as reunións do APA, levamos aos nenos as actividades, ao pediatra...en fin esas bagatelas.
Alguhnas desas mulleres ata teñen blog.
Que coste que non falo por min, o meu Sailor non é un home como os demáis (xa o dixen por ahí)pero sei do que falo.
Moitos bicos , Arumes.