Caxigalines nella Reguera'l Campizu

17 ottobre 2007

O MUNDO ENTEIRO EN FAIRWAY, LIKE NO OTHER MARKET


Unhas poucas horas foron suficientes para superarmos o famoso jetlag da viaxe. Había que chamar ao aeroporto para interesarmos polas maletas perdidas. O pouco inglés aprendido no eficaz sistema hispánico foi inútil: unha voz hispana atendeu os meus desacougos e prometeu traer a equipaxe ao día seguinte. Mentres tanto, a cidade pedía, esixía ser recorrida. Antes, con todo, debiamos acercarnos a un supermercado para encher o freezer. Recomendados con vehemencia polos amigos A. e E., fomos ao Fairway, a escasos metros de casa. Cando vimos o espectáculo da froita no exterior, perfectamente colocada, non podiamos imaxinar o que íamos atopar dentro: un enorme almacén ateigado de productos procedentes de todas as partes do mundo (unhas ameixas de conservas Peña alí relocían), cuns pasillos enanos por onde difícilmente pasaban os carriños e unha turbamulta de persoas recorrendo co mesmo vértigo co que andan pola rúa todos os andeis. O arrecendo amalgamaba a madureza das froitas tropicais, cos polos ao espeto e as bandeixas de sushi brilantes. Peixes de envergadura colosal, carnes dunha textura case inverosímil e miles de conservas de toda clase, nunha tosca arquitectura de colmado antiguo pero xigantesco. O impresionante chegaba ao final, cando, perto das caixas, un home inmenso, vestido con traxes rechamantes, gafas de sol e arracadas douradas, a xeito de porteiro de discoteca, chamaba aos clientes e lles indicaba rexamente a caixa que estaba libre coa voz atronadora de Next, please. Dirixía a operación como o cómitre dunha galera, mantendo a raia aos empregados perezosos. Cando escollimos unha caixa, dúas persoas organizaban a operación: unha cobraba, outra introducía cunha habilidade pasmosa a compra nas bolsas, mentres falaban con total naturalidade nun español meloso e musical os pormenores do seu traballo, o que ían facer ao saíren do choio ou as características sexuais dos seus partenaires, coas correspondientes risas tranquilas. Dirixíanse a nós en inglés, pero, tras comprobaren que nós empregabamos o español elas respostaban, sen inmutarense e sen amosaren signo algún de sorpresa, en español durante un segundo, para remataren dando as gracias e o tique nun inglés de protocolo: Have a nice day, thank you. A experiencia do Fairway foi a primeira descarga eléctrica en Nova Iork: con esa enerxía o día enteiro ía ser xa diferente. E, como comprobamos máis tarde, pero moi pouco máis tarde, os días enteiros, coas súas 24 horas, que pasariamos alí.

2 commenti:

Peke ha detto...

Facneo boca para a próxima vez ou lembranzas morriñentas? ;)

Peke ha detto...

Quería dicir FACENDO.