Caxigalines nella Reguera'l Campizu

6 gennaio 2008

RETORNO A BRIDGESHEAD

Voltei hoxe dunhas pequenas vacances (resumidas nun sinxelo lema coñecido como "Do catre ao chigre", que ensanchou o meu perfíl apolíneo) nunha afamada casa rural á beira do río Eume, xusto ao lado da non menos famosa Casa Ana, hospitalaria casa de comidas onde toda xenerosidade ten asento. Desconectado ao bloguerío, decidín adicar o tempo ao rexo far niente, típico da zona. Zorza, liscos, polbo, tripas, callos, chourizos, xamóns, lacóns: Bridgeshead Revisited, nunha especie de xinkana gastronómica inacabable. Deume tempo para ler algún xornal atrasado (ou sexa: do día despois); para falar con vellos amigos que preparan un Valle para o verán en Madrid (alí estaremos, Pepe); para ver transcurrir o río desde a ponte dos ferros; para pasar ese frío case esquecido do interior, ás veces misturado coa choiva persistente e co vento xiado que ven do Caxado e conxela a voz; para bicar á familia na casa do meu irmán, co can deitado, acariñado pola man da miña nai, e coa cheminea encesa, atendida e vixiada con rigor por meu pai; para apurar uns manteigados co café con leite da mañán co firme propósito de vivir intensamente o tempo, aferrado aos brazos tenros de Cecilia, Carolina e I., baixo un paraugas único que de nada serve. Cando collín hoxe á tarde o coche de tras da ponte, varado tras catro días sen tocalo siquera, pensei nas ganas que tiña de voltar, pero tamén nos momentos fermosos que ficaban atrás: só a lembranza de Carlota cantando co micrófono da Wii e de Elvira golpeando o saco de boxeo que os reis lle trouxeran aliviaba o retorno.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Mmmmm...

Anonimo ha detto...

É o que ten a vida: por máis voltas que lle deamos, ao final só a xente importa.