Caxigalines nella Reguera'l Campizu

29 giugno 2010

UN BANCO DOUTRORA


A oficina do Banco de Galicia, nun dos edificios máis fermosos da xa fermosa rúa Policarpo Sanz, obra de Pacewicz, é unha oficina doutra época. Ancorada nos finais dos setenta ou case oitentas, con profusión de aluminios dourados, placas de madeira escura e empregados (sic, porque só traballan homes nesta sucursal, agás unha muller incorporada hai apenas un ano) a tono coa carpintería, representa o máis rancio do universo bancario. Probablemente careza de problemas económicos se atendemos á media de idade dos impositores, conservacionistas, rentistas e aforradores máximos que pululan por alí: sempre que me achego penso que os irmáns Dalton van entrar levar os cartos do ferrocarril a Tucson.
Teño para min que apostan oficinistas que interpretan o papel de oficinistas por detrás dunhas mesas acondicionadas cun atrezzo de papeis amoreados sobre os teclados duns computadores amstrad de pantalla verde. Para os fanáticos do vintage mesmo a xastrería exhibida por non menos de catro actores (sen contarmos o bigotiño de liña e o peiteado xabonoso cara atrás) pode resultar tan seductora como baixar ao Toni's. Esta viaxe ao pasado máis recente acompáñase dunha flagrante falta de eficiencia, non sei se tamén vintage, demostrada nunha cola que, sexa a hora que sexa, agarda polo único caixeiro, ao parecer vivo, que existe. Haber hai persoal, pero deben de ter a consigna de palmear clientes no vestíbulo coa confianza propia dun día de barbacoa ao pe da praia de Menduiña co fin de calmalos e apaciguar a automática irritación causada por tan magna incompetencia. A culpa non é deles: fan o papel co mellor dos sorrisos profidénticos, aínda que por veces asoma o rictus de incomodidade ante a impostura e o camelo evidentes.
Non pensemos que se trata desta rancia sucursal: o contaxio é profundo e unha visita a outras dúas do mesmo banco na cidade produce o mesmo prurito en salva sexa a parte. Nun par de meses, arrivederci, pero antes cáelle algunha papelina de queixas.

A foto, de Javier Albertos, ese artista ao que Vigo lle debe estatua ou recoñecemento.

1 commento:

Anonimo ha detto...

Estimado Arume; Lo que comentas es un mal generalizado de (casi)todos los bancarios, que no banqueros, sea cual sea el color y escudo de su camiseta. RecomendaçAo antes de cambiar ten en cuenta el viejo dicho que dice "buena me hará la que detrás mía vendrá".

Saludos cordiales

Galindra