Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 gennaio 2011

TRADUCCIÓN/TRADUCIÓN NO SENADO

250000 euros (se non son 350.000, segundo outras informacións: a diferencia non é pouca) ao ano custa o servizo de traducción no Senado, segundo as informacións de hoxe. Nese montante hai que contar case exclusivamente os soldos dos/as intérpretes, que non só traballan cara ao público os días de debate ou de pleno, senón o resto do ano traducindo e preparando os textos que se han empregar na vida parlamentaria. A min me saían 7 intérpretes mínimo, aínda que outras informacións apuntan a 25. Se fosen 25, sería, logo, para cobrar cada un deles 10000 euros ao ano, uns 700 euros ao mes, iso si, sen ter en conta as desgravacións, o que podería rebaixar considerablemente o asunto. Se fosen 7, cobraría cada un deles 3.500 euros ao mes, que tampouco é unha cantidade desorbitante (hai dietas e desprazamentos, polo medio) habida conta dos salarios habituais en institucións de semellante calibre.
Outra cousa é a necesidade do servizo. A visibilidade das linguas chamadas periféricas, que ben podemos chamar non castelás, para sermos máis propios e non dar valores connotativos ao choio, é un obxectivo moi plausible, moi necesario. Pero non estou seguro eu de que este sexa o mellor (por único) modo de conquerila. E non só porque pode resultar motivo de crítica ou censura por parte dos de sempre (vai ser glorioso escoitalos e lelos, quen o faga, hoxe), senón porque, en xeral, non é doado facer pedagoxía ao respecto nestas circunstancias. Se se busca proporcionar esa fundamental presencia dos idiomas da península, non parece esta a solución (por moi institucional e moi representativa que fose esta cuestión) idónea. Eu celebro o emprego das diferentes linguas no parlamento ou, neste caso, no Senado, pero se cadra convén engadir a este empeño algunha outra medida semellante (espero que o servizo de intérpretes apure algunha outra actividade parlamentaria comprometida con este propósito), para que non quede isto como un mero aceno á galería. Sobre todo, en tempos como estes nos que calquera alegría de mais resulta especialmente nociva. Por non dicir contraproducente.

Nessun commento: