Chega a noticia da morte de Jaime Salinas e dúas cousas ao instante saltan á memoria. Unha, o extraordinario labor editorial exercido desde Seix Barral, Alianza editorial, Alfaguara, por poñer os nomes dalgunhas aventuras que son parte fundamental da cultura deste país. A outra, as súas memorias, Travesías, un dos relatos máis fascinantes, por tanxencial e singular (nunha familia culta, cosmopolita, burguesa, dun antifascismo visceral), do exilio: para min, un dos mellores libros autobiográficos que lin, se cadra pola valentía e ao tempo polo fértil desarraigo de case todo, nunha especie de escepticismo radical que a min me atrae de forma moi estimulante.
Lembrar quen foi o seu pai explica algo da súa elegancia epicúrea, do seu liberalismo extremo, exemplarmente definidos nas páxinas desas memorias, pero a importancia propia do seu traballo de difusión libresca, durante os sesenta e setenta neste país, farao inesquecible.
Ilustración: fotografía de Jaime Salinas e Claudio Guillén en Middlebury, 1940. Fotografía incluida en Travesías, Tusquets, 2003, p. 143.
Nessun commento:
Posta un commento