A lectura de Periferia o ano pasado produciu en min, aparte do gozoso experimento de desfrutar dunha obra única, a temible sensación de que calquera outra novela (por poñer un nome amplo á ficción) que emprendera posteriormente ía decepcionarme ou ía ser considerada baixo a implacable equiparación co extraordinario libro de Iolanda Zúñiga. Non me trabuquei e, case un ano despois, sigo sen atopar nada que lle chegue arredores da súa altura. Dos últimos tempos, o de Eco (do que apunto a súa capacidade destroyer da novela histórica e do feuilleton: quen escribirá agora eses novelos?), o de Menéndez Salmón (artefacto moi pulido que non me interesou demasiado), o de Rivas (xa comentado neste blog, de lectura lixeira) apenas ofrecen lugar para a mínima réplica. Ando agora co de Fernando Aramburu, Viaje con Clara por Alemania, que, de todos estes que leo tras o desbordante impacto de Periferia, é o que claramente (pero tamén sen competir en poderío co de Zúñiga) posúe unha forza e unha ambición literarias (de estilo fascinante, envolvente e irónico) máis destacadas.
Seguirei as aventuras desta parella polas terras alemanas con moita atención, pero aproveito este comentario para deixar aquí constancia da miña estrañeza (compartida co meu amigo X, que engade mesmo unha indisimulada indignación) sobre o silencioso eco que está a ter a grandísima novela de Iolanda Zúñiga. Difícil será a súa lectura, pero non ten, hoxe mesmo, con outras ningún punto de comparación.
Nessun commento:
Posta un commento