Caxigalines nella Reguera'l Campizu

21 gennaio 2011

A BG ALGO ACLARADA


Leo a interesante entrevista reportaxe de Iago Martínez co responsable da Biblioteca de Galicia. Explica e aclara o precedente inmediato dos libros que van parar á Biblioteca. 200000 títulos quedan indicados, catalogados desde o ano 1989 polo Centro Superior Bibliográfico de Galicia, que ademais de abeirar eses volumes realiza, como sinala a súa web, o labor esencial de "recoller ou controlar bibliograficamente toda a producción impresa galega". Léase a introducción á súa páxina web para dar conta do que ofrece. Alén diso a BG contén o legado de Basilio Losada, de Alonso Montero e de Camilo José Cela, como parte destacada, e coleccións proviñentes do IGAEM ou da Biblioteca da Muller, entre outras. As outras ambiciosas pretensións, suliñadas polo director da BG (BNG para el), intentan desenrolar o establecido na lei de Biblioteca actual e na que está previsto aprobar en breve, cuxo borrador pode ser consultado agora mesmo (teño as miñas dúbidas polo lugar onde se atopa, pero en fin).
Parécenme moi serias (por preocupadas e por sinceiras sobre o labor de dar corpo ao que non o ten) as palabras do entrevistado e non teño máis ca desexarlle éxito a Daniel Buján na súa xestión, pero a miña teima polos diccionarios e polas enciclopedias que adornaban as fotos da inauguración fíxome mirar o famoso catálogo de fundos do CSBG, que se supón nutre o fundo da actual Biblioteca. Atopei cousas sorprendentes sobre o tipo de adquisicións nos últimos anos (calas en especial de libros enciclopédicos) e dame a impresión de que o propósito declarado do CSBG que agora asume a BG queda excedido coa presencia no catálogo de libros (diccionarios especialmente) que pouco se compadecen coa idea básica de contar coa produción impresa galega ou de interese para Galicia, salvo no caso de que entendamos, tal e como me gusta a min entender, que nihil humanum Gallaeciae alienum est.
Proporcionarei datos máis adiante. Baste con isto hoxe. Daquela tamén terei tempo para meterlle o dente ao borrador da Lei de Bibliotecas, onde curiosamente a BG é unha infraestructura máis, o núcleo de operacións (como ten que ser, pero á que lle sobra a dimensión física de almacenamento de libros, que é o que eu non remato de comprender) da rede bibliotecaria galega, xa existente en gran parte e en gran medida.
Auguri, tanti auguri, en calquera caso, para os responsables dese espazo. Vannos necesitar(e).

1 commento:

ms ha detto...

Insisto no que dixen noutro sitio noutra ocasión. O que tiña que facer o CSBG ou a BG ou a BNG ("era boa se colara", como dicían na miña vila) é facer o mesmo que a Biblioteca de Catalunya, que chegou a un acordo con Google Books para poñer en Internet, accesible a todo o mundo, toda a producción escrita en catalán libre de dereitos de autor. Eses si serían uns cartos ben gastados.