Dicía onte un gurú deses de interné (algún día falarei dos gurúes, eses seres que escriben pero nunca respostan, salvo que sexan ministras as interpeladas, con perdón) que os xornais que incorporan o feisbu e outras redes sociais son máis participativos (non digo o de que empatizan porque é provocar). Poñía unhas cantidades algebraicas (outra das características dos maharishis: que teñen información sempre privilexiada e amoreada para causar pánico nos lectores, de números, estatísticas, balances, ránkings) para demostrar a media de comentarios en feisbu que tiña un xornal. En fin, amosaba con iso a grandísima comunicabilidade (non fun quen de crear un polísilabo máis longo como piden estes escritos) do xornalismo hodierno.
Pero a pouco que un lea os comentarios tanto en feisbu como no propio xornal notará, sen excesiva atención, que a xente participa, pero non le ningún dos outros comentarios. O comentarista deixa a súa cagadiña opinatoria e lisca ao instante. Nin se para. Forma parte da grande valanga de participantes no choio, pero comunicar non comunica nin co do lado, que, como está a escribir ao mesmo tempo, tampouco para en lelo. É interesante comprobar cómo en poucos segundos unha noticia xera centos de comentarios, sen que ningún deles sexa atendido. Será esto a clave da participación democrática nos xornais?
Xa o proclamara o barón (asturiano, coma o seu nome indica) de Cubertín: o importante é participar.
Nessun commento:
Posta un commento