Os sociólogos de cámara socialista están remisos desta vez a botar a culpa de todo ás esquerdas infantís e inmaduras situadas fóra do PSOE. Antes de que a súa lingua bote a pacer (con datos ad hoc, iso si) e despois de atopar na parvura do pobo alemán o chivo expiatorio, convén sinalar a notoria invisibilidade do PSdG nestas derradeiras eleccións. Descontado o mítin de Rubalcaba en Vigo, o resto, conformado con entrevistas anodinas e perfectamente prescindibles á anterior portavoz do senado ou ao mesmísimo Vázquez, de cansino discurso, convidaba á derrota. Non tanto polo seu reiterativo e plúmbeo pensamento, senon polo insubstancial da súa presencia. Os cadros altos do PSOE son os mesmos de hai anos, intercambiables, mesmo con incorporacións de auténticos exiliados doutros tempos, productos políticos obsoletos, que coa derrota implacable, poden mesmo voltar polas rúas deste país para seren nidiamente transparentes. Os cadros intermedios aletárganse en comisionados varios, moitos deles inanes por natureza, á espera de que pase o tempo o máis paseniñamente posible ou á espreita inútil a que veña mellor dado. Mentres tanto, a articulación coa sociedade sofre de forma irreversible. Xa non digo que os dirixentes do PSdG respondan ás necesidades do país, senón que eles mesmos, na posible versión ilustrada de quen prescinde da sociedade pero mantén un nivel alto de compromiso, abandonan toda iniciativa reformadora. O PSdG debe proceder a unha renovación completa, desde o primeiro ao último; dar entrada a novas persoas, capaces, que podan ofrecer, desde unha perspectiva progresista, unha maior imbricación coa masa de votantes que están desexando unha política tanxible ou recoñecible como tal. Os e as que agora están non serven máis que para prolongar, ata as vindeiras eleccións autónomicas, o progresivo e patente rolar polo precipicio.
Nessun commento:
Posta un commento