Non lera antes nada de Jonathan Franzen. Sabía que era narrador moi estimado nos EE.UU. pero nunca as súas novelas, vistas nos andais de novidades, animaban. Desta vez, a lectura da sinopse e das primeiras páxinas do seu novo libro, Libertad, nunha librería fixo que decidira mercalo, non sen demasiadas dúbidas por mor da extensión disuasiva do volume. Teño que dicir que nin siquera co libro nas mans tiña a seguridade de que me podía convencer. Pero bastou a lectura das corenta páxinas do primeiro capítulo, planteado como preámbulo e presentación dos personaxes, para que lograra enzoufarme na historia dos Berglund (Walter e a súa muller Patty, cos seus fillos Conney e Joey), que, tras varios años de vida no barrio de Ramsey Hill en Saint Paul (Minnesotta), deciden trasladarse a Washington por un conflicto que non penso desvelar. Unha segunda parte, titulada "Se cometieron errores" e presentada baixo a fórmula dunha falsa autobiografía de Patty Berglund contada por ela mesma, revela o pasado da parella desde os seus anos universitarios, coa presencia dun terceiro personaxe, Richard, que conforma un triángulo de amistades e paixóns. Un salto no tempo, desde os finais dos oitenta ata o 2004, permite enredar suficientemente a historia con ramificacións case infinitas en forma de historias amorosas cos fillos coma protagonistas.
Resulta imposible definir a trama cun mínimo de información, dada a densidade dos feitos narrados. Pero aparte desa exhaustiva descripción de situacións, de esceas, con transcripción minuciosa de diálogos demorados, o interesante da novela excepcional de Franzen procede da capacidade de análise dos sentimentos ou do pensamento complexo e dubitativo (ás veces patolóxico) dos protagonistas. Nada semella intrascendente. Calquera pequena historia (un viaxe en coche, un día solitario nunha choupana, un excitante e morboso encontro sexual) aparece comentada, examinada nas súas máis íntimas consecuencias.
Convén ubicar a vida destes protagonistas na clase media americana, de ideoloxía demócrata e activismo ecoloxista. Desa forma, a relación doméstica da parella tenta ser un reflexo cotián da intrahistoria americana de finais do século pasado e comezos deste. Se cadra, esa é a parte, para min, menos interesante, probablemente porque os problemas persoais entre os personaxes constitúen un exercicio extraordinario de introspección, en particular sobre o fundamento familiar, pero tamén sobre o sexo (elemento fundamental no libro), o paso implacable do tempo, todo ello vencellado ao concepto que dá título ao libro e que recorre por completo o libro: a liberdade do individuo.
A novela de Franzen, de máis de sescentas páxinas, devórase nuns días. É imposible abandoala. Entre outras cousas, porque é difícil atopar un autor que profundice dese xeito nos sentimentos dos personaxes, agónicos ata para o nimio, insatisfeitos de forma permanente coa súa propia vida. Estes protagonistas de Franzen, Walter, Patty e Richard, han pasar case seguro á historia dos grandes personaxes das grandes novelas río que chamabamos decimonónicas, aínda vixente no 2011 con marchamo xa de obra mestra da narrativa estadounidense.
Pouco me preocupan a min estes ránkings. Eu desfrutei coma poucas veces (desde Periferia nada parecido) con esta Libertad marabillosa que eu vivísimamente recomendo.
Nessun commento:
Posta un commento