Caxigalines nella Reguera'l Campizu

5 novembre 2011

MEMORIA DE PONFERRADA


Quéixase ms das inclinacións crecentes polas redes sociais, supoño que, sobre todo, do predominio de lugares como facebook para a expresión persoal, sexa ou non atendida. Non pretendo litigar sobre iso, pero si facer ver a grandeza de certas iniciativas que só en facebook acadan a categoría de imprescindibles. Tal é o caso, para min, de varias páxinas de grupos que inclúen fotos antigas de Ponferrada e do Bierzo ou de ponferradinos/as. Impresiona a memoria dalgunha xente: o denso fluir de recordos que conducen a outros recordos hai anos esquecidos. Tamén resulta interesante, nesas fotografías de persoas, reconstruir un tempo, unhas sensacións. Non vou ocultar que pretendo verme, aínda que sexa de esguello ou agochado entre a masa, atrapado de xeito fortuito polo fotógrafo daquel tempo. Ou mirar aos meus pais entre as parellas do baile do Avenida ou do Alaska. Ou crer ver entre os columpios do Plantío unha sombra do meu irmán. Miro durante horas esas fotos que non me pertencen pero que son tamén algo miñas. Non coñezo a case ninguén, porque non vivín alí o suficiente como para establecer as árbores xenealóxicas, nin facer as correspondencias familiares oportunas. Tampouco me gusta. Nin siquera o fixen cando mudei de lugares. Sempre gustei das persoas, así exentas, desprovistas de calquera vínculo. Se cadra por iso asombra o relato que algunha das persoas que entran nesas páxinas fan da vida en aquel lugar que hoxe é simplemente o meu lugar de nacemento. 
Non son moi dado á nostalxia, sobre todo mirando esas fotos. Nunca pensei en Ponferrada como un lugar de felicidade, aínda que alí fun moi feliz, do mesmo xeito que outros o son noutros lugares. Nunca puxen Ponferrada por riba de nada porque nunca entendín nada diso. Agora ben, repasar esas fotos supón comprobar en que país chegamos a vivir, en que lugar escuro, empobrecido, que foi alcumado a cidade do dólar, cando non a cidade amante do pemento picante. As fotos amosan o que foi este país hai apenas corenta, trinta anos. De onde vimos. A pesar de todo.  

6 commenti:

detective crepuscular ha detto...

Así me gosta, don Arumes, aí, como un cravo, respondendo xenerosamente ao clamor de entusiasmo que lle demostramos os seus leitores, aos que di vostede non coñecer. Home, a algún/algunha coñecerá, digo eu. Non sabe a alegría que dá saber que está vostede aí, como Ana Bande, o señor dos Croques, Brétemas e tantos outros. Mesmo o dono do Cabaret Voltaire. Eu se mañá o amigo JAURIAguizar ou DinoJAURIO(como un servidor lle chamaba cariñosamente, home non, naqueles tempos das polémicas selvaxes) ameazase con botarlle o telón ao invento prométolle que sería un dos primeiros en manifestarme a favor da continuidade do CABARET. Nunca esquecerei aquel post de resposta que me espetara naqueles tempos das cavernas internecias. Respondéralle eu cun post un pouco longo e para o día seguinte atopeime coa brevidade simpática do Jauri: "Cando acordei o DINOTEXTO aínda estaba alí." Ai, aqueles tempos de DinoJAURIOS e RoSAURIOS da aurora. Hoxe á mañá falando cun amigo de Soria da entrevista con Peter Handke en El País comentoume que o primeiro que facía o escritor austríaco os luns era consultar o resultado do Numancia. Claro, o escritor errante pasou un tempo en Soria e mesmo escrebeu un libro na sua estadís por aquelas terras. Don Arumes, consulta vostede tamén os luns o resultado da Ponferradina?

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Pois non sempre, pero sigo as súas andainas. Hei dicirlle que xa non é a Ponferradina que coñecín eu e da que era socio. Agora chámase Deportiva. Así. Xa ve. Como o Dépor, que antes pasou por Deportivo, e para min esempre foi o Coruña. Malgré Ruben Ruibal, que virá por aquí a tocarme. Poñan vostedes outros complementos directos.

JenesuispasGubénGuibal!! ha detto...

Ui!

ms ha detto...

Ponferrada = cidade de aluvión (de traballadores) mais con memoria e sentimento de pertenza?

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Pois semella que sim. Pero eu nunca vivín iso. Sempre fun un foráneo.

ms ha detto...

Ponferrada é hoxe cidade de servizos na que se vive, se bebe e se manxa ben, gústenlle a un ou non os afumados e os pementos. Está situada nunha comarca con paisaxe e paisanaxe diferenciados de León/Valladolid.

Non foi un sitio de parada, cagada e paso coma outras vilas e cidades que sufriron a crise económica nos 80/90. Poderiamos poñer exemplos destas últimas, "a nivel" galego, pero unha certa preguiza e mesmo autonoxo nolo impide.