Caxigalines nella Reguera'l Campizu

22 novembre 2011

ELECCIÓNS (5)


Por que o PPdG non sofre desgaste algún e, ao contrario, sube ata un vertixinoso 52% nas eleccións xerais? Dúas contestacións hai posibles a esta pregunta: 1. Non hai queixa. 2. Non hai Xunta. A primeira, aceptable, admisible, tamén nos graos en que un votante queira, ten difícil explicación, pero sempre hai moita xente conforme (ou conformada a base de incentivos) co que ten. A segunda é a que a min me convence máis. Os comunicólogos do país entrevistados hoxe nos xornais tiran da expresión "eleccións en clave nacional", como bos comunicólogos que raras veces escapan do lugar común, sobre todo tras os resultados (algún día haberá que falar do cientifismo desta profesión). Segundo esta especie, os/as votantes deixan por ensalmo de pensar nas cousas domésticas, nos asuntos de andar por casa e reflexionan "en clave nacional". Prescinden de analizar a política máis próxima e rebuscan na macroeconomía mundial, nas reunións de g2, g8 ou g20, ou nos debates semanais da carrera de san jerónimo, e, por un exercicio de amnesia momentáneo e, polo visto, inmaculado, esquecen todo o que miran ao seu redor. É posible, pero pouco convincente. Non será que interpretan que a competencia, a responsabilidade da Xunta en alterar o status quo, en modificar unha situación económica grave ou en crear as condicións favorables para o desenrolo do país é completamente nula? Non será que non ven, máis alá dos cartaces do Sergas, das placas dos centros educativos e dos grandes taboleiros de proxectos a carón das estradas hai cinco anos inauguradas, ningún sinal de que son governados por un ente chamado Xunta? A política de austeridade, gastar moito menos sobre un total raquítico, non precisa máis ca un xerente algo rigoroso, un servizo de control económico entre eficiente e prusiano, pero non precisa de políticos, nin de institucións rumbosas e algo solemnes con denominación de orixe patrio. Para iso, un carimbo de visto bó e lápices para riscar gastos imposibles son suficientes. 
Esta nova situación ofrece de forma paradóxica o paraíso para quen governa: a falta absoluta de competencias na marcha da economía (porque non ten nada que facer ao respecto: a ausencia de soberanía económica, de capacidade resolutiva ao respecto é evidente) e a declarada preocupación porque as contas saian ao milímetro declinan calquera responsabilidade no goverante. As causas do desastre nunca poden ser da Xunta porque entre outras cousas a Xunta non pode facer nada de nada nese terreo: tan só (niso consiste a propaganda) paliar danos, con medidas de regulación estricta (sexa isto ou non certo) dos gastos, sexan estes dispendios ou planos perentorios. 
Non semella, á vista dos resultados, nada errónea coma estratexia electoral, pero a curto prazo indica que a necesidade dunha Xunta de Galicia desaparece e, con lamento, convida, a medio prazo, á disolución do entramado de competencias (non usadas) que vai quedando obsoleto e inoperativo. Os votantes, deste xeito, non poden castigar o que non existe, pero axiña aprezarán que ese non governo será completamente prescindible e pedirán que se dilúa entre os mecanismos da administración central, tal e coma moita xente insinúa polo bajini nos medios de comunicación non sempre afíns. Iso si, sempre sen perder a autonomía para distribuir as esmolas baixo a inevitable e tradicional petición de "que hai do meu?". Ese mantra.      

10 commenti:

ana ha detto...

non sei, eu creo que os tiros van máis por aquí:
http://www.vnavarro.org/?p=6521

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Que os tiros vaian máis por aí non impide considerar a actualidade inmediata. Saber o que o sabio Vincenç detecta (e o resto de mortais non) pode calmar a nosa ansiedade progresista (por outra parte sempre considerada), pero non quita que a 24 de novembro o tipo que vai governar o país se chame Mariano. Tamén escribiu hoxe outro contra a consideración de tsunami popular. Bueno, é unha maneira de consolo (esquerdista e socialdemócrata) intelectual. Que se agradece. Como non!

ana ha detto...

Non é cuestión de necesidade de calma fronte a Mariano. Non me preocuparía deixarme governar por este dinosaurio se tivese a certeza de que foi elixido por un sistema mínimamente "xusto", pero non é o caso. A saúde democrática esixe posicionamentos críticos que só dende unha análise mínimamente rigorosa e desapaixoada se pode acadar. Das eivas (por dicilo suavemente) do noso sistema electoral falaron aínda onte absolutamente todos os comunicólogos, por certo cun inédito nivel de consenso, malia as súas "afinidades electivas" (que diría, ese sí, un auténtico sabio), así que máis valería tirar de afouteza e charmarlle ás cousas polo seu nome. Recoñecer que non disfrutamos dus sistema representativo como merecemos non implica que non se deban aceptar resultados electorais coma se fosen táboas de lei mosaicas. Creo que o progresismo medianamente honesto esixe de nós todos unha constante vixianza non só dos comportamentos políticos (esto antes era cousa dos xuices, agora dos mercados) senón dos auténticos instrumentos de funcionamento dos mesmos. Eu se "a cousa funciona" que sexa Mariano ou as de Ardebullo metidas á política (todoseverá) tanto me ten.

ms ha detto...

Á morte de Franco quedou todo "atado y bien atado". A dereita, despois duns anos de recomposicón, fixo por concentrarse toda ela nunha soa marca.

Poderiamos cualificar o sistema electoral español vixente de endogámico-turnista, na tradición da restauración bourbónica do XIX. Dous grandes partidos, moi parecidos (por non dicir iguais), repártense o pastel. O sistema de veto asegura, entre outras cousas, que nunca se cambiará o sistema electoral. O que si cambiaron, e dándose moita présa, foi modificar a Constitución, mais fixérono pro domo súa. Veremos que pasa o día de mañá cando vascos e cataláns reclamen, desde a rúa e desde as eleccións nos seus terrirorios, exercer o dereito de autodeterminación.

E se non, ao tempo.

ana ha detto...

Si, ms, veremos o que pasa cando no canto de María Elvira "boten" ou mellor "botemos" o 70% que non votamos a Rajou e o fagamos sen que ninguén nos aprete as carnes.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Esa contabilidade de Navarro sobre os que non votan a Rajoy valía tamén para Zapatero nas anteriores e para Feijoo nas autonómicas. Vale para todos. Imaxinemos a un bng que rexeita un 92,3% da poboación galega ou o 80% o psoe.

ana ha detto...

Por suposto, velaí a razón de máis pero para non adiar máis a reforma electoral. Se non dispoñemos de procesos democráticos saneados toda análise devén pura verborrea. E aínda así faltaría o máis importante que sería contar cunha sociedad cun nivel de sensibilidade e cultura cívica e democrática da que carecemos grazas ao desinterese dos que xa sabemos, dos que non queren saber nada de educación para a cidadanía. E isto non é demagoxia, é un dereito fundamental. Non vexo por que temos que apandar cun sistema inxusto só porque o sexa para todos, esa é unha perversión do concepto de igualdade que hai que corrixir canto antes, penso.

cãosemdono ha detto...

A modo co tema da reforma do réxime eleitoral. Ten toda a pinta dun enguedello da neodereita chic e transversal de Rosa Díez e similares, que non deixan de ser dereita travestida. Téñenme que esplicar moi ben qué demo queren facer. Eu personalmente sospeito polo que suspira esta xente, que van de xacobinos: o Estado circunscripción única e reparto absolutamente proporcional de escanos, qué é o principio de un home, un voto, levado ó caso estremo. Se se fai tabula rasa das diferenciacións territoriais, plasmadas na estructura das circunscripcións e nas ponderacións vía ley de Hondt, había desaparecer o peso do voto dos habitantes do agro, das vilas e das cidades pequenas, en favor do das grandes concentracións urbanas. O cal nos leva a outra perversión do sistema, xa que daquela o voto dos habitantes dunha barriada madrileña ou barcelonesa había de acabar valendo máis co da totalidade da provincia de Lugo ou Ourense. E iso non nos convén a nos, que ó cabo somos habitantes dunha xeografía avellentada e decadente políticamente inane. Polo tanto, non só importa o número de votos, senón a súa distribución. A democracia tamén ten moito que ver co respeto ás minorías, mesmo cando estas se refiran a xentes que habitan en lugares en vías de desertificación e mesmo teimen en falar linguas raras.

ana ha detto...

Certo, Caosendono, a análise de RD mete case tanto medo como a prima de risco pero as contas que resultan da aplicación do home d´Hont non son tan misteriosas, ao revés, son un problema matemático de primeiro de EXB. Foi un fío groso para coser os farrapos democráticos que sobreviviron á dictadura pero medio século despois hai que pensar que afortunadamente as cousas mudaron e precísase só vontade para artellar un bo sistema que asegure a representatividade. Coma sempre, cada vez que hai que dar un paso adiante en progresismo aparecen pantasmas, e érguese agora o perigo de pérdida de estabilidade, o medo a que pase o de Italia (?), esta simplificación, o mesmo que ese desgraciado binomio liberdade/seguridade ven xogando o mesmo papel, unha carta marcada para espantar a necesidade de risco. Hai xeitos, moreas de xeitos de facer outro sistema e sen tocarlle os baixos á constitución, que xa sabemos que tampouco morde porque lle cambien a pretina de cando en vez. Saúdos.

cãosemdono ha detto...

Hai un tempo lin as memorias de Gonzalo Fernández de la Mora, ex-ministro da dictadura, e polo demáis un personaxe claramente reaccionario e autoritario. Impactóume unha expresión que utilizou para facer referencia ó cociñadoiro dos últimos anos do franquismo e primeiros logo da morte do dictador, que él coñeceu de primeira man por ser un dos fundadores de AP: falaba ás claras de que xa estaba decidida a implantación dun "sistema electivo con dúas oligarquías cooptativas". Iso e non outra cousa foi a transición, e semella que logo de 35 anos aínda seguimos a ser menores de idade tutelados. Non vaia ser que elixamos a quen non nos convén.