Na inverosímil rúa Santander de Vigo ofrece comida a Casa Millos, un deses espazos naturais da gastronomía viguesa, descendente primixenio da furanchada característica desta zona e curmán directo do veciño Nisio. No mesmo entorno do máxico embigo do Mercado de Teis, onde sobrancea A Oca, esta casa de comidas abastece ao cliente co mellor da lonxa peixeira e marisqueira da cidade. Cheguei a xantar un día non feriado, pero había celebración de oficinistas de cartos e as mesas estaban cheas de camaróns e cigalas de prestancia superior. Deume algo de envexa e pedín para min uns bruñitos, castrapismo elegante para mentar centolos ao parecer pequenos que calquera podería ver enormes e perfectos. Pedimos para complementar esas pezas de gula extraordinaria, xurelo "a la espalda", ou sexa aberto en forma de libro, engaiolante e pluscuamperfecto, e "palometa das cíes", unha especie de salmonete mediano, exquisito en frescura e en preparación sinxela e sublime. Houbo tamén por riba da mesa unha costeleta de ternera prodixiosa, un flan discreto pero efectivo e un café moi notable, mellor ca moitos outros que teño probado en restoráns de máis prosapia. O local, dunhas dez mesas, apenas decorado, servido con enerxía por unha familia, pai (que ha ser o famoso Millos), nai e fillo, ofrece o mellor do mercado, non disfrazado, non enmascarado con rimbombantes ornamentos de escola de hostelería fina pero engañosa. Coloca diante do comensal os peixes tal e como deben tomarse, co seu punto elemental de preparación e a súa gorentosa riqueza marina en esplendor máximo. Haberá que voltar por eses lugares, xenuinos representantes da casa de comidas antiga: malia seu escaso atractivo estético, manifestamente mellorable, a comida vence, con diferencia, a modestia innegable da súa proposta. Luxo de sabores sobre manteis de cadros branquivermellos e ambiente familiar.
1 commento:
as rexas son pra non entrar ou pra que non marchen?
Posta un commento