Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 giugno 2007

ANXO ANGUEIRA, FÓRA DO SAGRADO

Acabo de ler o novo libro de Anxo Angueira, un poema de intensa envergadura, de corpo mítico con Vigo ao fondo. En forma de caos metalúrxico, como as faíscas que vemos xurdir ao templar barcos por Teis, Angueira nomea, a xeito de himno ou ledaiña vigorosa, o seu mundo. Máis ben ponlle nome ao mundo, sustantivos, nomes propios de persoas, lugares, literaturas que cobran vida de novo ao ensarillalos verso a verso, case sen pausas, coma contendo a respiración, en forma de estertor heroico dun Vigo que Angueira ama. Do val de Manselle a Sárdoma, do Cúa ao Lagares, de Oscos ao Galiñeiro, Angueira recorre unha xeografía de derrotas, de oprimidos, de desaparecidos. Furanchos, asteleiros. Barrios obreiros de rúas húmidas e abandoadas, areais ocultos de mariñeiros fusilados, memorias de combatentes. Entre eses mapas, amistade, camaradas, fraternidade. E unha linguaxe poética innovadora, complexa, difícil, con deliberada ruptura antipatética: para axudarmos, quizáis, a racionalizar a poderosa emoción que xurde das súas proclamas. Fóra do sagrado é unha obra de madurez extraordinaria, de forza poética pouco común. Só sinto non poder escoitala na súa propia voz de rapsoda inigualable. Tempo haberá, supoño, para disfrutalo. Noraboa, Poeta.
Addenda: veleiquí os versos nos que dun xeito persoal arrebata a tensión dramática daquela secuencia memorable de Tiempo de silencio para trasladala a ese Vigo que tanto amamos.
porque hai cidades tan atrapalladas
tan embeleñadas e cabronas
tan insoportables espalladas esmagadas
tan feridas e rabuñadas por zuruxanos de entrañas metálicas
tan escachadas estoupadas por fogueira lumeiras fachos de luz e moxenas ao vento
tan procurando cegas máis avante
tan estranxeiras e duras e hostís
tan próximas e íntimas
tan amadas
tan odiadas abominadas e detestadas por meu odiado amigo Amado Noia
tan Silvia Penas Brais González Aitor Rivas Iago Castro
tan María Comesaña Isaac Xuvín Xabiel Xil Xardón Oriana Méndez
tan cheas de escaleiras e de ceos
tan cheas de partidas de chave en Espiñeiro Teis cos metalúrxicos
tan cheas de postouros para as chaves que abrirán o definitivo asalto
tant cheas de furanchos hortensias e inocentes
tan cheas de currunchos negra sombra amor horror e de recantos vexetais
tan cheas de Delicias de Caeiro e Morenos de Lavadores
tan cheas de fiadeiros alfolís moxenas charamuscas cantareiras queixume xistras
airiños ventos das cíes
tan cheas do pandereteiro Militón
tan cheas de quitarras e zanfonas de gaitas de pianos piardas pianolas da Collona
tan vivas e rebulideiras
tan repantrigadas delouradas ó sol á luz ó mar de liño azul en maio e sempre
tan campamento de inverno e de días de labor
tan barcos de pedra de Rosa e Leónides de Carlos
tan baleiras e ausentes e outra vez cabronas cabramatonas
tan ausentes
tan ausentes acabouse
que non teñen catedral

7 commenti:

Andrederabal ha detto...

Querido Arume:
Coido que este ano nn gañache a liga,(para outro ano será).A verdade e que non teño moito tempo de escribir no blog porque tiven 12 exames a semana pasada.
Graciñas por nos dar o titulo.
Ala madrid

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Xa tardabas moito. Mira que estamos a martes e aínda non vira eu a picadiña. Agradecido tes que estar á nosa xenerosidade infinita. Sempre hai outro ano para as alegrías.
Mentres tanto, iremos ver ao Sporting que non é mal choio para o Celta. Mágoa.
Noraboa e a disfrutar agora que acabaches todo. Espero que con ben. E que pases un bó verán. Vas a Inglaterra/Irlanda/Francia co programa da Xunta?

torredebabel ha detto...

Até o momento que o escoitei ler e falar, pensaba eu que Anxo Angueira era un virtuoso escritor. Agora, en troques, penso que é un virtuoso escritor pero un insuperable orador. Rapsoda é unha verba fabulosa. Concordo ao cen por cento! Apertas para el e para o dono de casa.

Marcos Valcárcel López ha detto...

En Auria tivemos a sorte de escoitarlle, convidado polo Liceo, unha magnífica conferencia sobre Rosalía de Castro que, en efecto, foi unha peza oratoria única, de alento oteriano e rigoroso planteamentgo (está publicada nun número de A Trabe de Ouro). Ademais, anos antes, tiven a honra de presentarlle en Auria a súa magnífica "Pensa nao", sobre a que escribín nalgures. Escritor de xorne, leremos estes versos con todo o noso agarimo.

Lula Fortune ha detto...

Lembro un rapaz de cabelo mouro e xeneroso, de ollos brilantes e bigote romántico. Un auténtico Bécquer sentado na Praza de Mazarelos coa súa noiva de entonces.
É un bo tipo ese Angueira, pero non me gusta a súa poesía.
Sería reconfortantemente poético que aniñaran nalgures eses acenos míticos dos que fala vostede, Arumes, pero os estertores heróicos da clase obreira afóganse nas ofertas do Carrefour.
Nos, Angueira incluído, vemos a vida dende un camarote de primeira clase.

Anonimo ha detto...

Grandísimo poeta Anxo Angueira. Versos como "Eles somos nós/ os que vimos da fraga e máis dos xuncos enxaguados (...)" xa nos amosan, ben ás claras, de quen se trata. Aí é nada. Mercarei o libro, non cabe dúbida.
Parabéns ao poeta e amigo.

www.77yum.com ha detto...

a漫卡通
a漫卡通
視訊裸聊聊天室
做愛圖片
情色視訊聊天室
a漫卡通
日本a片卡通版
無碼dvd無碼av
免費直播視訊交友聊天表演