Caxigalines nella Reguera'l Campizu

19 giugno 2007

MEMORIAS DE QUEENS

O sábado foi tarde de Memorias de Queens, traducción bastante lonxana de A Guide to Recognizing your Saints, unha película dun tal Dito Montiel. O mellor é precisamente que está contada en primeira persoa, como flash-back, por un persoaxe que di chamarse así, Dito Montiel. Conta a súa historia en Astoria, unha zona de Queens, condeada á rutina, á violencia case sempre gratuita, á tolemia ou ao desamparo dos seus amigos. Está narrada cunha suposta modernidade técnica, cunha steadycam un pouco nervosa, e uns encadramentos audaces pero pretenciosos. Algunhas partes do filme, aquelas máis introspectivas nas que vemos pasar as imaxes dos tellados e dos edificios de Queens e Brooklyn camiño de Coney Island, cando os protagonistas viaxan simplesmente por ver a través das fiestras do metro algo novo -que resulta sempre ser o mesmo- son quizáis as mellores. Os diálogos, quizáis por unha dobraxe non moi atinada, son, cando non tópicos e planísimos, incomprensibles, aínda que tamén pode ser que eu non chegara á substancia da súa sensubstancia: esa nada que se agocha tras estes persoaxes pode resultar interesante, pero eu non lle vin o interese por ningún lado. Os actores son novísimos e veteráns, case a partes iguais. Os rapaces que viven esa non morte ou esa aínda estou vivo son actores descoñecidos, que, como é habitual no cinema americán, adoitan bordar estes papeis de derrotados. Os coñecidos amosan distinta pegada: un Chazz Palmintieri envellecido e desconcertante na súa abulia e escasa tensión, unha Dianne Wiest que non está precisamente no seu mellor papel e un Robert Downey Jr. que sobresae moi por riba de todos os demáis. Só por velo non actuar, velo deixarse levar polas imaxes, diante do espello, a través dunha fiestra de automóvil mentres cae a chuvia ou fronte aos ollos de Rosario Dawson (sae pouco, pero encende a pantalla) merece perder unha hora e media dunha tarde chuviosa de sábadoo. Polo demáis, unha película modesta, con pretensións de audacias narrativas que quizáis precisen de maior empeño. Premio en Sundance, o director acredita maneiras. Veremos que fai nas vindeiras. Agardamos melloría. E co tempo tamén, que xa manda.

1 commento:

Lula Fortune ha detto...

Caramba, Arumes, para non gustarlle a película atopoulle moitas cosas boas: que si Robert Downey, que si as imáxes de Queens, que si a vaciedade dos deseredados...
É moito máis do que se pode dicir doutras bazofias cinematográficas que tragamos.