Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 luglio 2008

FESTINA LENTE


Rematei Festina lente. O libro de Marcos S. Calveiro perseguíame desde que Folerpa, desde o seu blog Alfaias, o anunciara de xeito enigmático. O vello lema da moeda augustea, coa figura dun golfiño e unha áncora, que figuraba ademáis no Hypnerotomachia Poliphili e que adoptou Aldo Manuzio como empresa do seu prelo, estimulado polo aprezo de Erasmus quen gustaba moito da súa ensinanza moral, “bule a modo”, semellaba interesante reclamo. Anunciábase ademáis como unha narración de natureza histórica, cun encadernador nunha inventada Compostela de finais do século XVI e comezos do XVII como protagonista. Malia as miñas prevencións sobre iso que damos en chamar novela histórica, o libro, alicerzado por unha intriga prometida nos paratextos, parecía seductor. A lectura furtiva nunha librería dos primeiros capítulos logrou engaiolarme de vez.

A historia de Ambrosio Cavaleiro, que así se chama o personaxe central desta novela, está escrita por un narrador en terceira persoa, que, por veces amosa a súa omnisciencia de xeito explícito. A documentación histórica aducida, que por moi fidefacente que puida resultar, sempre remata por ser ficticia, está presentada cunha distancia crítica máis propia do historiador ca do narrador de invencións. Intervén no propio proceso de escrita, nun acto leve de metaficción, como cando adianta ao tempo presente (páxina 37) o resultado das indagacións históricas.  Esta decisión, xunto co emprego do presente histórico, supón unha distancia narrativa moi interesante, que permite engarzar o tempo interno do protagonista co descurrir cronolóxico da época.

Porque a historia recolle a vida dun mozo, nado no esteiro do Eume (coma o Lazarillo nace ao lado do río: a referencia á novela anónima non é gratuita dado o carácter do libro como relato de aprendizaxe), que deixa a súa familia para pasar a ser axudante de encadernador nunha especie de Compostela postridentina. 1578 é a primeira data; 1627, a derradeira. A vida enteira deste home que vive e obra na rúa d’Armada, no corazón dunha cidade amurallada chamada Santiago. O tempo é o da Inquisición revelada coma instrumento de control non só doctrinal, senón tamén ideolóxico. Aparecen, como telón de fondo inevitable, o erasmismo (o propio Cavaleiro le no seu obradoiro os libros do Index onde late aínda a crítica relixiosa, o cerne da libertade), Lutero, os modos da herexía condenada polo catolicismo militante, as formas de feiticería (coa queima de bruxa portuguesa na praza do Campo ou a sombra dubidosa dun lobishome), a escravitude (nun dos capítulos máis brilantes do libro) ou as reas de fanáticos amadores de lumes eternos.

O espazo é unha Compostela pechada por nove portas, claustrofóbica. A mención á peste, á suciedade, ás enfermidades, aos cheirumes de humores podrecentes encadean ás personaxes a un pequenísimo círculo opresor de rúas e ruelas. Só un par de excursións narrativas a Noia ou a Pontedeume alivia ese abafante universo reducido. O obradoiro de Ambrosio, que ademáis agocha secretos, conforma o núcleo simbólico dese cinto amurallado, baixo especie imaxinaria de laberinto. A limitación do espazo complétase coa mención dun buscado calendario de festas que inclúe un báquico san Martiño na praza de Mazarelos coa chegada dos viños do Ulla e do Ribeiro, un Corpus Christi ceremonial, unha festa da Ascensión ou o circunstancial rebumbio coa saída da Armada filipina na Coruña contra os ingleses.  Ambrosio, nesta atmósfera de autos de fe e secretos nunca confesados (incluido o seu amor platónico e cuase místico por un belísimo Alonso, cantado con palabras extraídas do Cántico dos Cánticos), con sambenitos amarelos mesmo en pesadelos, conserva os libros como signo dunha certa fortaleza moral, de estirpe estoica, pero ao cabo incapaz de superar a paulatina opresión dunha contrarreformada maquinaria eclesiástica.

Ademáis deste protagonista, derrotado, concurren nesta novela libreiros, inquisidores, rexidores, notarios, arcebispos. De todas elas, a figura do irlandés Patricio Sinot é sobranceira. Aparece en varios pequenos capítulos estructurados case do mesmo xeito, cunha disposición semellante á dos diálogos renacentistas, por veces maiéuticos, por veces maxistrais. A tensión dialéctica, mantida entre Ambrosio e o irlandés e resolta cunha simetría ben notable, ofrece tal vez as mellores páxinas do libro, chea de agudas reflexións sobre a relixión, a devoción ou o libre albedrío. E non podo esquecer, nesta mención de persoaxes, esa figura apenas esbozada, pero que está chamando por Marcos Calveiro para que lle dedique máis tempo: o fascinante Conde de Gondomar, aquí só presentado como dono dunha impoñente librería, pero listo para ser narrado.

Gremios varios, reliquias (fascinante a relación delas na Catedral), o san Cipriano, as arcas de chumbo atopadas na Catedral de Granada, mapas e portulanos de Galicia, o gallardete de Lepanto, a explicación da confección da púrpura a partir do múrice son ricos compoñentes da narración de Marcos Calveiro. Pero, como marca distintiva, convén destacar o emprego do verbo das arxinas con dúas funcións esenciais: a de dotar á lingua dun poderoso resorte significativo como verosímil mostra do mundo gremial que representa a Compostela finxida e a de conferir natureza hermética e iniciática á trama da historia e amplificar así a intriga principal. A erudición histórica atopa neste recurso un adicional modo de discurso,.

Porque o libro está marabillosamente escrito. Cunha sintaxe cuidadísima, de ritmo pausado e, por veces, complexo. Agradécese, nestes tempos, a escaseza de xerundios e o emprego da construcción paralelística con habelencia retórica, coa percura dun orde e dun número musical, como pode verse nesta cláusula elixida ao chou: “Sabe que o camiño da mortificación e da penitencia non o levará a ningures, que nin el é monxa que procure nos cilicios e vergallos o remedio aos seus arrebatos místicos, nin o lanzal paxe do deán tan cruel amante como para esixirlle semellante proba de amor”. A ordeación das frases compleméntase cunha inusual riqueza léxica, claro signo dunha deliberada vontade de estilo propia dos grandes narradores.

Festina lente devórase a modo e, ao tempo, deleita a ritmo trepidante. A áncora retén ao lector desexoso de non rematar a historia e o golfiño empúrrao ao final, interesado, intrigado coa vida de Ambrosio Cavaleiro e a dos seus libros. Cando ambos se entrelazan no final, o lector comprende o significado derradeiro da empresa.  Está diante dun dos libros máis fermosos que leu nos últimos tempos. Ogallá o seu éxito (que eu aventuro e desexo) sexa o da literatura galega, necesitada sempre de libros desta estirpe, gozosos, divertidos e cheos de talento narrativo. Fortuna audaces iuvat.

3 commenti:

Ana Bande ha detto...

Terei que esquecer os meus prexuizos contra a novela histórica e facerlle un sitio ao señor Calveiro. Anotado queda.

Anonimo ha detto...

Logo de ler a reseña de Arume, púxenme a ler, xa que non só ma recomendaron senón que ma regalaron. O sinto, non podo coa novela histórica, non me interesa nada, con todos os meus respetos ao autor.

Unknown ha detto...

arumes.blogspot.com