Caxigalines nella Reguera'l Campizu

12 dicembre 2010

NAPOLI (5)


A longa travesía da rúa Toledo está inzada de vendedores ambulantes, que duplican a oferta comercial. Os sistemas preparados para levantar o tenderete son cada vez máis sofisticados, co propósito de non ter que emprender a carreira cada vez que aparecen de forma teatral os coches patrulla da polizia. Levantan as cordas, dan dous pasos atrás contra á parede e alí, co montante ao lombo, agardan con serenidade a que pasen os carabinieri. Apenas pasados cinco metros, voltan a colocar os seus materiais falsificados (bolsos e carteiras, en especial) no chan, cunha pasmosa tranquilidade. O comercio portátil en Nápoles forma parte da idiosincrasia da cidade e ninguén comprendería que se suspendera esta actividade paralela aos ollos de tanta xente.
A medida que nos achegamos ao final, aumentan as franquicias recoñecibles (seica Zara e Pull and Bear abriron tendas o ano pasado, non sen os correpondientes problemas de instalación en Italia) e aparece a gran mole da galería Umberto I, coa clásica arbore dos desexos (un abeto adornado de papeis torpemente insertos nas agullas) no medio, e o teatro de san Carlo, ocasional esceario das protestas estudiantís contra a nova lei Gelmini. O ambiente, nesta praza, chamada de Trento e de Trieste, nunha insólita asunción da unidade italiana, é o dunha fenomenal desembocadura de xentes, xa que nela para a meirande parte dos buses urbáns da cidade. Nun extremo da praza, exhíbese o café Gambrinus, coa súa terraza pechada e rodeada de sucedáneos de sebes, un lugar histórico da vella e bella Napoli que agora acolle ao turista rico e aos mangantes locais de terno niquelado e namoradas máis novas ca eles, empoleiradas en agullas d'argento. As tardes gloriosas, ademais, das figuras fascistoides do D'Annunzio e de Marinetti aínda voan por aqueles espazos agora da burguesía internacionalizante de tramezzini misti e alaranxados spritz venecianos.
O camiño prosegue coa vista, entre a escuridade da noite, do Palazzo Reale, aquel que mandou facer o Conde de Lemos para residencia dos virreis daquela parte do imperio dos Austria, primeiro, e dos Borbóns, despois. Neste fastuoso edificio, hai que deterse fronte ás estatuas dos governantes napolitanos, mandados construir polo mesmísimo Carlos III, antes de ser rei de España, coa xa célebre parada para admirar o volume dos muratinos, un deses divertimentos napolitanos para co turista. Desde o Palazzo mírase, tamén en penumbra, a estraña, por singular entre tanta ruela e tanto laberinto, Piazza del Plebiscito, unha explanada inexplicable, rematada nunha columnata aos dous lados da igrexa de san Francisco de Paula, construida a imaxe e semellanza do Panteón romano. Desde este amplísimo espazo puiden mirar por primeira vez o monte que protexe Nápoles, coas luces do Castelo de sant'Elmo que, en realidade, era san Erasmo, nunha desas contradiccións que tanto prodigan os napolitanos, celosos da súa enigmática e misteriosa historia.
Había que regresar ao hotel: iamos cear e chegabamos tarde á cita. Volvimos por outras rúas, tan fermosas como as anteriores, ata chegarmos ao centro mesmo da Nápoles barroca, debaixo da guglia da Inmacolata, a carón do Gesú Nuovo, coa súa fachada de diamantes, semellante ao célebre palazzo de Ferrara. O cúmulo de admirables edificios parecía non ter fin. Os meus anfitrións citaban e indicaban lugares visitables, pero non podía siquera achegarme a eles. Memorizábaos (como o convento de santa Chiara) para velos ao día seguinte, pero os descubrimentos eran tantos e tan prodixiosos que comezaba a angustiarme a idea de marchar de Napoli sen apenas ver a mínima parte de tales marabillas.
Non quedou máis remedio (nin máis alivio provisional) ca tomar unha Peroni de camiño á piazza Bellini e falarmos do Inter e da Roma cos camareiros.

11 dicembre 2010

NAPOLI (4)


Aínda que o pintoresquismo mantén abertas durante todo o ano as tendas que venden figuriñas do belén napolitano, é nos días de decembro cando as masas acoden ás rúas aledañas a san Gregorio Armeno para visitar os postos dos presepi. Os obradoiros habituais vense incrementados coa presencia de pequenísimos expositores portátiles, apenas construidos con listóns de madeira e teitos de uralita. Ás figuriñas familiares comúns á tradición hispánica eles engaden algunhas de corte máis grotesco, bufo e, por suposto, satírico: unhas da súa propia tradición (que toca ao mundo da commedia dell'arte como o pulcinella) e outras relativas á actualidade do país (co Berlusco como estrela principal) ou do mundo (o propio Assange tiña alí un recuncho rechamante). O caudal de xente multiplícase por cen: poucos mercan, simplemente pasean coas familias enteiras. Eu non alcanzo a comprender este arte ou artesanía e resúltame todo demasiado indiferente, salvo o espectáculo humano que atravesa estas calellas e o perfil armonioso da torre que coroa a propia via di Gregorio Armeno. Algo de zoco ou de mercado fatigoso pode advertirse nesta parte da cidade, con zaguáns que dan a patios pechados onde probablemente se vende algo máis ca figuriñas de terracotta e xente apostada á entrada dos locais agardando nin se sabe que.
Saio dese maremagnum e camiño de novo por entre as rúas estreitas, con restos da auga caida estes días en pozas sen reparar. Dou na igrexa onde Boccaccio atopou á súa Fiammeta, na mesma igrexa onde Passolini rodou Il Decamerone, con el mesmo de procaz protagonista. Por via dei Tribunali as fervenzas de xente seguen, a pesar de que se fai de noite e que comezan a fechar as tendas. Aínda dá tempo a admirar a capela dos Pontano, a mercar varios libros (Eco, Ammaniti, Benni, La Capria) na Libreria Guida da Port'Alba (con un mercadiño de segunda man moi rico en oferta) e a regresar un intre ao hotel para remprender un roteiro algo máis longo pola outra banda da cidade.
Vai unha noitiña moi agradable: as terrazas están cheas de homes, coas cadeiras postas para mirar ao tendido. As mulleres, en Italia en xeral e en Nápoles en particular, raramente ocupan o espazo da rúa: estraño resulta velas soas nunha terraza, mesmo acompañadas doutras mulleres. Ou van con compaña (aparelladas polo habitual) ou non adoitan sentarse soas nos bares. Tampouco é común velas camiñar formando (como aquí) grupos de mulleres: esa forma, ao meu xuízo, tan española (máis no norte ca no sul), de iren as mulleres soas, de paseo ou a tomar algo, sexa un café, uns viños ou unhas copas, en Italia resulta completamente impensable. Nas rúas ademais, como é tamén bastante habitual no sur de España, hai moitos homes de pe, coa apariencia de estaren simplemente, sen outra ocupación particular. Algúns forman un corro de discusión, pero en xeral o frecuente é velos sós, fumando, coa ollada perdida, se cadra agardando, pero ás veces nin iso. Visten case todos de negro e as mulleres alegran o colorido da cidade coa incorporación discretísima do violeta ou do malva á negrura xeral. O inverno non é o mellor momento para descubrir as afeccións dos pobos ás cores, pero veño observando que a moda dos piumini/plumíferos (cos pelexos falsos na carapucha) de cor negro uniformiza as cidades italianas dun xeito similar ao que puiden ver hai tempo en Nova Iork: os North Face son praga que debe de ser cómoda pero contribúe a ennegrecer a paisaxe.
Xa camiño pola rúa Toledo, con dous amigos divertidos e ocorrentes, e os pensamentos sobre cores e xéneros deixan paso á pura contemplación da belleza humana, ("Que gran cidade!" proclamamos), baixo as luces e o luxo da única rúa arranxada e limpa de todo Nápoles, a carón, por suposto, en liña perpendicular, das máis miserables posibles.

10 dicembre 2010

NAPOLI (3)


Tocaba falar o venres. O día presentábase cálido, a pesar da chuvia algo insistente deses días. Na sesión falabamos catro persoas, cunha cada vez máis minguada audiencia: en Napoli tamén os estudantes voltan a casa dos pais durante a finde. Rematamos ás dúas da tarde, comimos ás tres e por fin, puidemos saír do círculo vizoso. Tomei via dei Tribunali por onda o conservatorio. O ambiente estudiantil era extraordinario así como a acumulación de librerías (de vello e modernas) especializadas en música e tendas de todo tipo de instrumentos musicais. Escoitabanse polas fiestras os ensaios, a pesar do balbordo ensordecedor dos motorinos. Baixei cara a praza de san Domenico Maggiore, por unha rúa estreita, con cheirume a ambientador barateiro: o arrecendo procedía do lixo estrado pola rúa, zotalizado durante os últimos meses para impedir a propagación de morbos itálicos. A ruela conducía a unha desas prazas napolitanas que xustifican a viaxe: cunha guglia/obelisco no medio, de estilo entre rococó e charramangueiro, o conxunto de palazzi (a universidade de estudos orientais, entre outros, e a ampla escaleira que dá á igrexa dominica) da praza era abraiante, amplificado cun encanto algo máis íntimo: o de probar a mellor sfogliatella (quentiña) de Nápoles e por ende de toda Italia: a da pasticceria Scaturchio. Alí, nun ambiente moi familiar, tamén cumpría tomar un caffè: un deses que enriquecen para sempre a existencia.
O camiño proseguía por Spaccanapoli, a longuísima rúa que separa e corta Nápoles en dúas partes, que recibe varios nomes e case toda a humanidade napolitana e parte da visitante. Un río ou máis ben un torrente de xente, vehículos de toda clase, mesmo furgonetas (con todos os desperfectos intactos) e, sobre todo, motocicletas oxidadas, crúzanse ou mesmo tócanse cunha liberdade e unha naturalidade pasmosas. Deixan de tocar o claxon cando a situación resulta irremisible: mentres poden e queren pousan o dedo no volante durante minutos, cunha tranquilidade case de nirvana, apenas airados. Entran sempre os primeiros nos ocos, pero, se alguén se lles adianta, pitan e admiten a derrota. Pasan logo eles, sen acenos nin palabras máis altas. Todo transcurre con delirio ascético, asimiladas e interiorizadas a loita permanente polo espazo e a paciencia polo tempo perdido. Como dixen, o claxon só sirve para marcar o territorio: emite sinais de recoñecemento, pero nunca busca lea ou conflicto. Non sei se vivir aquí onde vivo limita moito o abraio diante deste comportamento case folclórico.
No medio de todo ese rebumbio de metais, os peóns tentan mirar os interiores dos palazzi, tamén ateigados de coches, suxos e escuros: o visitante tenta lustrar nun intre aqueles fastuosos edificios e viaxa no tempo coa esperanza de acertar en que exacto momento aquela fábrica fermosa brillaba e esplendía baixo o ceo de Nápoles. O esforzo resulta sempre inútil, pero unha mínima cornisa, un pequeno friso, o plano elíptico dalgún deses patios, mesmo as palmeiras que medran a carón da roupa tendida (no mesmo andar onde viviron Croce ou Goethe) lembran que esta cidade reúne a maior densidade que servidor coñece de edificios marabillosos. Se por riba a voz de Dean Martin canta That's amore a través dunha radio, exposta desde o alféizar dunha fiestra ao morno inverno napolitano, nada máis se pode pedir. Ou si.

9 dicembre 2010

NAPOLI (2)


A escasos metros do hotel estaba a biblioteca: na arborada piazza Bellini, algo deteriorada polo tempo e pola incuria napolitana, que agochaba unha fonte coloreada de frases escritas sobre o mármol, a estatua esquecida de Bellini, uns bancos cheos de follas e papeis non recollidos e unhas ruínas gregas que semellaban pedir perdón entre tanto ramallo. A primeiras horas da mañán, xa había xente nas sillas das terrazas apurando o primeiro café do día.
Para entrar á biblioteca había que subir unha escaleira de porte barroco e cruzar unha enorme porta, labrada con debuxos e arabescos, ata chegarmos a un claustro algo máis cuidado, dentro da neglixencia habitual do país. A sala de conferencias era un antigo refectorio e aínda que utilizaban megafonía era insólito escoitar, entre o murmurio da xente, a conversa que quince ringleiras máis adiante levaban de forma discreta os colegas.
O sol que entraba no longo salón quecía os corpos mentres o rumor da sabiduría soaba ao lonxe como un mantra adormecedor. As fiestras estaban abertas e podiamos escoitar, ao tempo, o doce pitar dos napolitanos e as campás dos centos de igrexas que elevan as súas cúpulas por riba dos tellados do casco vello. Angustiábame estar pechado entre aquelas paredes fermosas dun antigo convento, e imaxinar a cidade fóra, co seu ritmo frenético que o día anterior albiscara. Pero non había remisión: as xornadas eran maratonianas e nin a pausa para a comida lixeira perto da universidade foi suficiente para docificar a sensación de enclaustramento, por moi interesante que transcurrise todo.
Pola tarde houbo outra longa sesión de erudición inesgotable, mentres desde moi cedo, sobre as catro e media, facíase de noite. Saímos ás sete e baixamos de novo á praza: alí estaban xogando ao fútbol uns rapaces algo mangallóns xa, coa verxa da entrada como portería e cunhas camisetas do Barça recén mercadas. Nun bar desa mesma praza, que tiña a apariencia de ser un lugar de encontro de estudantes algo noctámbulos, tomamos unha cervexa antes de irmos cear a outro restaurante de novo sen sairmos da propia praza.
Ese día transcurriu sen me mover o máis mínimo. Nápoles continuaba a ser un enigma, desta vez algo máis intrigante, para a miña curiosidade e a miña impaciencia. Só cando vin a Sofía Loren (minuto 3:22 do video) días máis tarde cruzar a rúa Constantinopoli, onde parabamos, e ir cara a praza Bellini en Matrimonio all'italiana, fun quen de aprezar que aquela inmobilidade estaba perfectamente xustificada.

8 dicembre 2010

NAPOLI (1)


Cheguei a Nápoles sobre as 7 da tarde. Ou máis ben da noite, porque a escuridade xa era completa. Tomei un taxi coa preocupación de 1) a forma de guiar e 2) o prezo da carreira. A primeira preocupación foi inmediatamente neutralizada coa analoxía permanente á nosa/miña maneira de conducir pr Vigo adiante. Non atopei excesivas diferencias, se descontamos a viraxe para entrar nunha gasolineira e librar cen metros (non moitos máis) de engarrafamento.
O primeiro contacto coa cidade antiga (a máis extensa de toda Europa), tras deixar a estrada tanxencial, foi impactante: o lixo estrado polas rúas, os coches aparcados en enésimas ringleiras, os semáforos orientativos en medio dunha luz espectral. Cando miraba ao final das ruelas perpendiculares, coas roupas penduradas e as farolas coa típica ambientación lúgubre, era a imaxinación a que amplificaba a impresión primeira. A conversa co taxista era moi agradable e, aínda que mesturada co constante acompañamento do claxon (unha convención identitaria e identificadora: serve máis para indicar que existes que para advertir do perigo), lograba tranquilizar aquela explosiva acumulación de estímulos. A medida que avanzabamos por unha rúa estreita, sorteando todo tipo de obstáculos, máis comezaba a gustarme a cidade.
Deixoume en frente dun hotel que non era o meu: as acacias, o escaso alumeado e os contedores desbordados de bolsas, impedían que vise o cartel. Cando por fin din con el, atopábame diante dun gran portalón coa verxa metálica, un zaguán amplo onde había coches aparcados e ao fondo un patio, con entradas a distintas estancias e con locais que logo á mañán resultaron obradoiros artesanais de imaxineiros, pintores e mecánicos de pequenos electrodomésticos. O hotel estaba no limiar da elegancia e o cuarto era estupendo, con dous andares, comunicados por unha escaleira ben estreita.
Nada máis chegar nos diriximos á casa do anfitrión que vivía na Salita Tarsia. Para chegarmos alí, entre unha chuvia miuda, pasamos pola porta D'Alba, o espazo onde se concentra a venda de libros de Nápoles, e a Piazza Dante, un dos corazóns da cidade, ao mesmo pe da abraiante rúa Toledo, chea de tráfico, comercios, xente, xente e máis xente.
A casa do noso anfitrión estaba no primeiro andar dun palazzo de finais do século XVII, cun ascensor (máis ben montacargas) no medio dun patio bastante descuidado, con desconchados na parede e aspecto de non ser pintado desde había moito tempo. A súa casa era fermosa, con teitos altos (con restos de quebraduras, froito dos movementos sísmicos habituais) e infinidade de libros (uns dez mil) perfectamente ordeados. A cea foi todo un recital de cociña napolitana, coas verduras (arcachofas, berenxenas, calabacíns, peperoncini) e os postres típicos (o babá) como especial atractivo. O sandwich que me tomara no avión foi o culpable de que non aproveitara mellor aquelas marabillas, pero a conversa animada impediu que o cansanzo da viaxe me perxudicara.
A volta ao hotel, polas rúas xa algo baleiras da cidade e xa algo máis silenciosas, salvo polo ruido dun motorino que levaba a tres rapazas sen casco subindo unha costa con suaves chanzos, perseguidas por outro motorino con dous raparigos tamén descascados, permitiunos comprobar a dozura do clima e a beleza dos palacios en penumbra da cidade. Quedaba, antes de ir para a piltra, comentar as xogadas máis importantes da noite no vestíbulo do hotel, co grolo regulamentario do limoncello (xa sei: unha renuncia, unha claudicación pola miña parte) do local.

7 dicembre 2010

ALFABETI DE CLAUDIO MAGRIS: HAI QUE LELO


Hai que ler Alfabeti de Claudio Magris. Remateino durante a longa viaxe a Italia, Malpensa mediante. O libro recolle varios artigos aparecidos no Corriere della Sera, nos últimos dez anos, discursos varios, un extraordinario ensaio breve sobre a literatura en alemán escrita en Praga ("Praga ao cadrado"), de lectura obrigatoria para quen queira coñecer as aristas e facetas dun mundo cultural (Hrabal tamén, Ana) en perpetuo conflicto, así como prefacios a obras como o Kim de Kipling, a novela napolitana Ferito a morte de Raffaele la Capria (que comecei a ler ipso facto), ou a tradución italiana de Immagini di città de Walter Benjamin ("Città e malinconia": unha auténtica obra mestra do artigo).
Inesgotable resulta o caudal de lecturas que propón o escritor de Trieste nestes ensaios de literatura: algúns autores (moitos para mellor dicir) son para min completamente descoñecidos (Gyorgy Konrad, Boris Pahor, Gregor von Rezzori ou Dieter Schlesak); outros, que semellan máis familiares, están analizados cunha intelixencia crítica excepcional. Refiro, a modo de exemplo, aqueles que a min me conmoveron máis, se a palabra conmoción pode utilizarse no que a priori constitúe un exercicio intelectual: o que adica a Novalis ("Sempre verso a casa": que remata cun texto do coterráneo Svevo: "la vita è una malattia della materia"), a Hoffmann ("sa raccontare anche il vuoto con scatenata vitalità", a Bettina Brancato, (amiga dun Goethe que recorre como un espíritu constante case todas as páxinas do libro), a Conrad ("una specie di Kafka uscito all'aria aperta e al gran vento del mare"), a Brecht (nunha brevísima semblanza do cincuentenario da súa morte, feita cunha sutileza desarmante e adornada coa frase de Karl Valentin que xa levo anotada ao referirse aos tempos de Brecht como aqueles nos que o futuro era moito mellor), a Kapuscinski (de quen dirá, con palabras doutro dos seus concidadáns, Umberto Saba, que está cheo dun "sentimento melancónico e ao tempo ardente da vida"), a Semprún (que "testimonia la lacerazione irreparabile che l'esistenza subisce dal Male assoluto e insieme la capacità di vivere, nonostante tutto, con pienezza di sentimento, con magnanimità, con affetto e abbandono"), a Enric Marco (o falsario sobrevivinte de Mauthausen, redimido en tres páxinas memorables con estas frases finais: "deste mentireiro pódese aprender a afouteza con que sostivo a verdade do que sucedera nos Lager. Baixo esta premisa, el é moito menos mentireiro cós que minimizan a Shoá. Mesmo a mentira, escribiu Singer, pode prosperar só coa verdade"), a Mo Yan (ou autor de Sorgo Vermello, "cuxa leitura golpea coma un puño e abre de súpeto un novo horizonte"), ou a todos, no "Letteratura e veleni", onde repasa con aire de divertimento irónico o que os autores afirman ou proclaman dos outros autores. Consigno, pois, só uns poucos autores e libros que conforman o mapa abundoso dos Alfabeti de Magris, unha marabilla da que de forma algo estraña apenas vin escribir nos xornais estes días, estes meses últimos. Entre tanta novidade editorial parece mentira que esta obra mestra pase completamente desapercibida.
Recorda o propio Magris nun dos seus artigos exemplares unha fermosa frase de Montale: "Todo escritor ten a súa propia cavalleria rusticana": isto é, unha páxina clásica de repertorio, que é case obrigatorio citarmos sempre. Este libro de Alfabeti, reunión das súas reflexións críticas na beira do Adriático (que non evita siquera lembrar en plena evocación mediterránea o grisor do mar "delle coste della Cantabria e della Galizia"), pasará a ocupar este preciso lugar na miña biblioteca.
O que eu dicía ao principio: hai que lelo.