Caxigalines nella Reguera'l Campizu

14 marzo 2008

REDE E REDONDELA DE GALICIA


Viaxar en tren ofrece sempre motivos para a distracción e para a correspondiente dose de reflexión ocurrente ou impresión parva. Viaxo solo e dá tempo para contemplar e sacar conclusións rápidas, que sempre dan xogo para parolar. Na meirande parte das veces tomo nota das nimiedades máis insípidas, como sabermos por exemplo que Redondela, segundo os altofalantes automáticos do tren e nada máis que do tren, é de Galicia: é tranquilizante, sobre todo a certas horas da mañán, saber que non te equivocaches de tren e fuches a outra comunidade autónoma: próxima estación, Redondela de Galicia (tamén hai Ourense-Empalme, pero, en fin, debe de ser outra cousa).

Outras veces suceden cousas máis extraordinarias. Por exemplo, a renovación do Café Azul, inmutable (camareiros incluidos) desde 1964 (estou pensando que podían ter aproveitado o mobiliario para a exposición de Fonseca de 1968). Agora parece que estás noutro bar (incluídos camareiros), co baño cunhas portas correderas de alto estandin (a corda aquela de esparto do ano 1973 ennegrecida supoño que a cambiarían), pero cun café aínda mellor, o que pode desgustar aos castizos. O croissant xa non: amazacótano igual.

Despois ruei por Franco abaixo á hora en que os repartidores deixaban a mercancía. A esas horas xa hai mozas ofrecendo nos limiares das baiucas unhas bandexas con cadiños de tarta amendoada. Pero tamén hai a carón das portas dos restaurantes aínda fechados, caixas con auga mineral, con conxeados, coa froita do día e con sacos de vinte quilos de patacas. Todo alí case ciscado, arrimado á parede, á espera de que o dono chegue, abra o local e o meta para dentro. Parecía que prantaran patacas por entre as pedras. Foi espectáculo abraiante, único, oculto para os turistas que por esa hora estaban deitados no medio do Obradoiro aproveitando as raioliñas do sol que xa comezaba a quentar. Por san Francisco xa viñan reatas de visitantes (mocidade a corpo xentil, algúns en camisetas sen mangas, e xubilados, por outra banda, abufandados ata o occipital). O día invitaba ao paseo; non facía frío e parecía intuirse por entre os castaños de indias de Pelamios o nacemento dos primeiros gomos. Polo parque británico que rodea o auditorio de Galicia a paisaxe era case primaveral.

Á volta collín un taxi, porque media hora non me chegaba para voltar á estación, pero case tardo o mesmo. Excusa un levar coche en Santiago. Agardei apenas cinco minutos na estación, toda chea de estudiantes de retorno a casa. Cando entrei no vagón xa viña bastante repleto de mozos que viñan da Coruña. E a estampa chamoume a atención: todos eles estaban cos seus portátiles abertos cunha película (unha delas mesmo subtitulada) na mesiña de diante. Cando me sentei e abrín o xornal lin dous artigos complementarios que me fixeron reflexionar sobre o que vía. Un, o de Antón Baamonde sobre o estudiante prototipo de finais dos sesenta e comezo dos setenta, que agora, según el, ocupa o poder negado durante todos estes anos (en Galicia, quixen entender e supoño). O outro da rectora da Universitat Oberta de Catalunya, sobre a realidade dos mozos de 15 a 25 anos, completamente volcados nas tecnoloxías básicas do portátil ou do móbil: parafraseando a vella reivindicación sesentaeoitista das praias que están baixo os adoquíns, a rectora, Inma Tubella, dicía que agora baixo o asfalto estaba a rede. Alí diante tiña eu a un bo feixe de rapaces e rapazas, cos móbiles botando tonos por todas partes, co portátil enceso e os auriculares postos, ampliando o reducido espazo do asiento cos outros mundos que apenas se adivinan tras as fiestras.

Eu, de vez en cando, miraba brilar o sol sobre a prata da ría, mentres unha voz de muller automática anunciaba que chegabamos a Redondela de Galicia.

1 commento:

Carlos Sousa ha detto...

Ainda non tiven tempo de ver o teu blog por completo, pero o pouco que vin gustoume moito. Esta entrada púxena nos compartidos de Google Reader.

Asimesmo che informo que puxemos este blog na lista de enlaces da nosa bitácora. O blog é moi reciente e ainda está un pouco verde, pero xa madurará. Calquera axuda para mellora-las nosas visitas será benvida (Poñer un enlace no teu BlogRoll, por exenplo, jejeje).

Aproveitamos este comentario para enviarche un saudo.

A nosa dirección e: http://areasfs.blogspot.com e o noso Emilio: areasfs@gmail.com