En setembro do ano 1996 Manoel de Oliveira filmaba a súa película Viaxe ao principio do mundo no norte de Portugal onda as terras do Xurés e os confíns coa Galiza (Melgaço e Caminha). O actor principal era Marcello Mastroianni, que cumpría os setenta e dous anos en plena rodaxe e que morrería uns meses despois. Durante a rodaxe da película de Oliveira, Anna Maria Tatò realizou unha fermosísima reportaxe sobre o actor, titulada Mi ricordo, sì, io mi ricordo, na que Marcé, como lle chamaba Federico Fellini, repasa a súa vida cun anecdotario rico en ganas de vivir, amistade e xenerosidade. Como resultado desa película foi publicado en Italia un libro que, como se declara ao comezo, "è una trascrizione della sua voce". Estouno a ler estes días e podo asegurar que un dos libros máis fermosos e divertidos que teño lido en moitos anos. Poético, lúcido, por momentos escarallante e sempre seductor. Gustaríame reproducir capítulos enteiros porque posúen o encanto dunha persoa excepcional, pero teño que quedarme cunha selección. Escollo o primeiro capítulo, en forma de índice poético,o de boa parte do que conta ao longo do libro. Agardo que asome "una lacrima sul viso...".
"Recordo que Felllini me chamaba Snaporaz. Recordo a miña primeira acampada. Recordo a Chejov, especialmente o capitán Sloneyi que nas Tres irmás fai "pío, pío, pío, pío". Recordo a primeira vez que vin as montañas e a neve e a emoción que sentín. Recordo a música de Stardust. Era antes da guerra. Bailaba cunha rapaza que levaba un vestido de flores. Recordo os cabalos da vella publicidade da cervexa Peroni. Recordo perfectamente o sabor e o arrecendo da menestra cos garbanzos. E recordo que xogaba á tómbola a noite de Nadal. Recordo o ruído terrorífico dos Liberators, os avións americanos do primeiro bombardeo sobre Roma. Recordo a lixeireza tan elegante de Fred Astaire. Recordo cando o primeiro home tocou a lúa en cámara lenta. Pero eu, onde estaba? Recordo que vin a miña primeira película en Turín: Ben Hur, con Ramon Novarro. Tiña seis anos. Recordo París cando naceu a miña filla Chiara. Recordo as croquetas de arroz. Pero comprarlas todos os días non se podía. Costaban 40 céntimos. Recordo o meu primeiro chapeu de home; era modelo Saratoga. Recordo as cómicas de Charlot. Recordo o meu irmán Ruggero [morrera durante esta rodaxe]. Recordo que Cicerón naceu o 106 antes de Cristo, 2122 anos antes ca mín: e a dous pasos da miña casa, en Arpino. O meu avó estaba moi orgulloso disto: "Vitam regit fortuna, non sapientia", diciame citando ao noso concidadán. Logo saloucaba: "Eh, si, é a fortuna a que rexe a vida, non a sabiduría". Recordo unha tarde de verán con cheiro a chuvia. Recordo as aventuras de Ulises: "Musa, aquel home de multiforme enxeño". Recordo a Cassius Clay (chamado a Lingua) en Nova Iork contra Frazier. Recordo a cabeza branca do arquitecto Ridolfi, o meu profesor de deseño arquitectónico. Recordo os primeiros debuxos da miña filla Barbara. Recordo o meu proxecto de subir o Tíber para meterlle por debaixo unha estrada. Recordo a Greta Garbo que mira os meus zapatos e pregunta: "Zapatos italianos?". Recordo o meu primeiro cigarro. Estaba feito das barbas das mazarocas. Recordo as mans do meu tío Umberto, mans fortes coma tenallas, mans de escultor. Recordo o silencio que envolveu o restaurante Chez Maxims cando apareceu Gary Cooper co seu smoking branco. Recordo unha pequena estación e o rumor do tren. A caixa facía "Clin, clin, clin, clin. Consumición!" Recordo a Marylin Monroe. Recordo o meu primeiro coche, un Topolino giardinetta. Recordo un soño onde alguén me di que leve conmigo os recordos da casa dos meus pais. Recordo unha viaxe en tren durante a guerra; o tren entra nun túnel; faise o escuro e, entón, no silencio, unha descoñecida bícame na boca."
5 commenti:
Non vin a película. Interesante. E interesante o libro, tamén
Agóchase unha vida enteira en cada recordo. A min emocióname Marcello.Vin a película pero o libro promete ainda máis.
Bicos.
Marcello é Marcello é Marcello é Marcello. É dicir, Marcello é moito.
Hai algúns enlaces no texto de Marcello, pero non sei como non aparecen resaltados. Pasade o cursor polas palabras para atopalas.
mmm...ese Marcelo é moito Marcelo....á próxima xuntanza veña co libro plis.
Posta un commento