Caxigalines nella Reguera'l Campizu

30 ottobre 2008

DE GUANABARA Á SCALA: UN ROTEIRO EXEMPLAR


Levar o coche ao taller racha a rutina e abre perspectivas sempre interesantes. Hoxe aproveitei o tempo que levou cambiarlle os discos de freo para contemplar de perto un exemplario das vilas galegas. Tocou O Porriño pero ben podía ser calquera outra: tal é o grao de mimetismo no desleixo. 
A ruta comezou nun restaurante bar, cun xigantesco aparcamento onde acostuman parar os camioneiros da zona, que serven cocidos e costilletas á primeira hora da mañán. O Guanabara amosa uns toldos completamente descoloridos, algúns xa case rotos, cun terrazo completamente desgastado e unha luz dos anos setenta que deixa o local nunha penumbra triste e desolada. Non obstante tal deterioro, o local vai case sempre cheo, cun balbordo de berros e palabras sempre fóra de ton, de discusións irritadas sobre a conveniencia de cambiar de adestrador para o Celta. Entrar no Guanabara supón entrar noutra dimensión do tempo, nun recuncho completamente inimaxinado.
Pola beirarrúa cara o centro da vila rexistro os restos dun desastre. O pavimento loce esnaquizado, cheo de pozas e, ás veces, invadido por silveiras ou pola lama de inacabados movementos de terra. As casas aos lados da estrada alternan entradas con cemento, asfalto ou pequenos parterres sen cuidar. Nalgúns casos, o nivel da casa é distinto do da estrada e entón as rampas, escaleiras ou accesos compiten en audacia. Ás portas dalgún taller mecánico amoréanse sillóns de esquai ou depósitos de aceite. Un solar aparece desbrozado, coas marcas dunha mínima prospección, agora convertida en receptáculo de auga e lama. Unha casa de (falsa) pizarra acolle unha oficina inmobiliaria pechada: a promoción, tras a remoción dunha pequena leira, está parada. Os montículos de area conforman unha paisaxe inhóspita. Un guindastre abanea sobre o único edificio en construcción: a pranta irregular acomódase á paisaxe e retorce as liñas trapezoidais nunha nova figura indescriptible. Por diante, mentres a obra medra, o tronco dunha palmeira antiga, condenada ao exterminio, toca o primeiro piso e as súas ponlas entran no segundo: a data da licencia é de xaneiro deste mesmo ano. A beirrarrúa amplíase e con ela a desfeita. A área escolar, con eses materiais de derribo con que fixeron case todo nuns anos neste país, participa do mesmo abandono. O patio do instituto merece repudio. A canle dun regato que limita o patio vai seco: a auga é agora un cauce de mato e sebe. Ao seu carón, a finca de Construccións Louriña amosa un inmenso recuncho de tellas e ferraxes usados. Desde arriba a desorde convírteo en perfecto vertedoiro: os bidueiros que lindan coa estrada están mortos. A Villa Gloriosa, na outra beirarrúa, nega o seu nome. Unha sucesión de edificios novos, cuns parterres esquecidos, cheos de pedra e arbres estragados, está suxeita por redes para evitaren a caída das lousas. Na beirarrúa uns valados metálicos con manifesto illo tempore semellan colocados como parte dunha performance permanente. 
Chego á cafetería Scala, tomo un pincho de tortilla (boísimo, por certo) e trato de ordear o impacto da ruta. Miro pola fiestra e trato de asimilar este resumo bastante acaído das nosas incurias.

3 commenti:

Xaime ha detto...

Aplícolle a vostede os calificativos que a miúdo lle da ó Medela.
Este retallo do extramundi, paréceme bon.
Se non fose amigo diría que moi bon.

Anonimo ha detto...

Así é. Ese é o contorno onde vivimos, porque o que vostede describe aquí non é máis que o feismo do que todo o mundo fala. Porque o feísmo non cabe nunha foto, non é unha construción concreta, un somier pechando unha finca ou unha lavadora reconvertida en caseta de can: é todo un sistema de construción, de urbanismo, de vida.
E non é "extramundi", señor Xaime, nin "outra dimensión do tempo, nun recuncho completamente inimaxinado", señor Arume. É posible que sexan vostedes (eu mesmo tamén) os que vivan nunha realidade paralela de universitarios, blogs cosmopolitas e bares de diseño. Pero o que vostede describe é a realidade máis aplastante (por abondosa e contundente). Ese é o "intramundi", unha dimensión que é innecesario imaxinar porque está aí arredor.
Turmano

Anonimo ha detto...

É "intramundi", sen dúbida. Pero cando falo de inimaxinado falo do Guanabara: quen o visitou o sabe.