Caxigalines nella Reguera'l Campizu

16 ottobre 2008

UNIVERSIDADE DE GALICIA (II)


A proposta do meu post anterior require unha pequena explicación. As principais razóns que levaron á escisión en tres universidades están expostas no preámbulo da lei aprobada en xullo do ano xa lonxano de 1989. Todas elas, sen excepción, son agora completamente impertinentes. Ou, miradas con certa perspectiva, xa eran daquela frouxos motivos para a división triversitaria. 
A decisión do tripartito contentou a moitos sectores sociais e mesmo a boa parte dos membros da comunidade universitaria, que criticaban a excesiva dependencia dun poder centralizado en Santiago á hora de elaborar novos planos de estudios, de desenrolar novas iniciativas investigadoras ou mesmo de abrir tamén novos e interesantes vencellos co tecido industrial e productivo das cidades onde se encadraban. A escisión foi vista con moi bós ollos por entidades locales que consideraban a institución coma fonte indudable de riqueza. En cidades coma Vigo, carente dunha mínima estructura burocrática por non ser capital de provincia, a chegada da universidade foi celebrada como un poderoso motor de beneficios e influencias. 
Case 19 anos máis tarde, e cunha crise económica por riba, que no caso da universidade vese agravada por unha sensible perda de alumnado, a opción de construir unha universidade nova, como resultado da fusión das existentes, debería ser alomenos obxecto de debate. Son consciente de que plantear este asunto, sen a necesaria vontade política de mudar as cousas, resulta inútil. E, sobre todo, se contamos cunha clase política máis desexosa de compracer coa conservación do status quo (coa absurda pretension de non ter problemas) que de solucionar os existentes. 
Unha opción coma a que propoño -que non é a resurrección da vella universidade compostelá con satélites máis ou menos autónomos senón a creación doutra nova sobre a base descentralizada das actuais- pode resultar máis eficiente. O aforro en burocracia (que non, como alguén pode entender, en recursos humáns) sería notabilísimo, non só na eliminación de triplicidades, senón tamén no proceso de elaboración de planos de estudios (que podería evitar as novas duplicidades que se albiscan a pesar dos disimulos), na consolidación de supergrupos de investigación que agora xa traballan xuntos pero que precisan sempre de licencia para actuaren dese xeito, ou na creación de útiles sinerxias (que raios quererá dicir esto) que poderían colocar a universidade galega nun posto relevante no contexto máis próximo. 
Os principais obstáculos a unha proposta desta natureza han ser os poderes locais, receosos de ver minguar a rentabilidade que proporciona o mero nominalismo que supón contar cunha universidade que porte o seu nome. Nos tempos da rede a centralización física do poder sería improcedente e, polo tanto, cada campus podería sentirse lexítimamente núcleo e parte central desa futura Universidade de Galicia. Non estariamos, como dicía antes, na vella Universidade de Santiago de Compostela, senón na Universidade de Galicia, organizada internamente coma unha rede de centros eficazmente integrados e suxeitos a unha máis ordeada e lóxica estructura.
Aquí vai a miña proposta. Polo de agora.

7 commenti:

Anonimo ha detto...

A min paréceme que é un debate aberto, moito máis aberto do que se adoita recoñecer. E non só baixo o rictus nostálxico senón xustamente na dirección que vostede comenta: optimizar recursos, potenciar o que agora se denominan "fortalezas", racionalizar a dimensión pública do labor universitario e moitas cousas máis. É certo que a exposición de motivos do 1 en 3 non resistiría hoxe unha lectura atenta e crítica, como por certo case ningún preámbulo de lei.
Por centrar o debate: eu penso que, aínda que pareza mentira, o problema capital do que Arume propón sería o nome. É máis que improbábel que unha marca con máis de cinco séculos renuncie ao seu nome. Pero, a carón diso, digo: polo menos nos sectores PDI e PAS estou convencido de que agora mesmo sería maioritaria unha resposta afirmativa á pregunta "volvemos intentalo?".
Co resto de argumentos estou de acordo. E complemento: no Estado hai agora mesmo 9 comunidades autónomas nas que existe unha única universidade pública. E non se fala só de comunidades uniprovinciais. Fálase tamén de Aragón, de Extremadura, de Castela - A Mancha (falo algo de memoria e podo equivocarme). Fronte a iso vemos o centrifugado andaluz, modelo ao que por fortuna nós non chegamos, pero que nalgunha altura se quixo promover por parte de Cacharro e, en moi menor medida, o supervivente entre superviventes Baltar.

Anonimo ha detto...

A actual situación pide, nalgúns aspectos, esa fusión. 1. Na maior parte das convocatorias, sexan para docencia ou para investigación, favorecense aquelas iniciativas interuniversitarias.
2. Pídese complementariedade de estudios. Tanto en posgrao como en grao. Absurdo, pois, ter tres e competir e ao tempo pedir complementariedade.
3. Hai vicerrectores en todos os campus. Porque, a pesar da división en tres, as demandas de cidades coma Lugo, Pontevedra e Ourense (o caso de Ferrol pode ser semellante, pero teño menos datos) obrigan a crear esas figuras virreinais.
4. A escasa movilidade, considerada coma un defecto moi importante, podería reactivarse.
5. Os gastos en edificios durante estes anos, alomenos en Vigo, serven para presumir de activos inmobiliarios, pero supoñen un gasto de mantemento abusivo. Con este propósito, poderían vendelos e quitar cartos. E non estou inventando nada, porque o informe universitario do ano 2007 plantea esto a nivel estatal.
[Nota para o 5: Lourenzo Fernández Prieto, vicerreitor de Santiago, denunciaba nun artigo de hai poucos días o excesivo peso da construcción na economía do país. Podería aplicarse o conto a propia universidade, en concreto a de Vigo.]
6. A reducción de cargos (e fontaneirías varias para profesores) está na mente de todos, pero tamén aliviaría a propia literatura burocrática agora mesmo elefantiásica.
7. A concentración de universidades faría case inútil unha dirección xeral e mesmo unha consellería que se adicara a estes mesteres. A propia Universidade de Galicia podería contar cunha financiación específica e determinada de forma autónoma para non depender sempre das veleidades políticas do goberno de turno. Por suposto, coa natural transparencia e control de gasto que require o organismo.
[Nota ao 7: por certo, os informes do Consello de Contas son pasados por certas partes no tocante ás universidades]
En fin, estas son algunhas das vantaxes que supón esa proposta de unificación. Eu non sei como dalas a coñecer, fóra deste ámbito.

Nuca ha detto...

joder de novo. Cando escribín o comentario no post anterior non tiña lido éste.

Case que totalmente de acordo. Só un apuntamento. Non creo, perdón, estou certo que unha única universidade sexa máis barata que tres. O que sí vai ser é máis potente, poderosa e influinte. Pode xogar na liga das grandes institucións. Pode ter recoñecemento e proxección mundial. Pode situar a Galicia no mapa universitario no mundo.

Agora memo as de Vigo e Santiago están situadas segundo a FECYT entre as 15 mellores de España en termos de producción científica

Anonimo ha detto...

Eu repito que a proposta é indiscutible e que todo o mundo estará de acordo. Pero o que dis é o enunciado do problema, non a solución. Alguén vai a estar disposto a ceder parte do que ten? Nin dios.
Alguén apuntou aquí o dos portos exteriores, os areoportos e ata o das orquestras sinfónicas. Son problemas moi distintos, si, pero amosan o mesmo xeito de pensar e actuar: estamos de acordo en que dúas zapaterías son moitas zapaterías para a mesma rúa, así que vai pechando a túa.

Anonimo ha detto...

Galicia é o país dos localismos: minifundismo, falta dunha cidade potente que tire do resto, etc.

Penso que xa é moi tarde para desmontar o sistema de tres universidades, e o mesmo podemos dicir dos tres aeroportos, as cabeceiras xornalísticas locais (hipersubvencionadas), os elefantiásticos auditorios de casino de pueblo, así coma as innumerábeis institucións culturais galegas que fan o mesmo traballo ou parecido.

Eu aínda me acordo cando o rector da USC, o nacionalista Villares, se opuña ao que temos hoxe. Inútil. Diante tiña o goberno do PSdG, que quería impoñer a "modernidade", a Galicia das cidades, inaugurando universidades ex novo, pazos de congresos, etc.

Hoxe unha "Universidade de Galicia" sería unha boa excusa para aforrar cartos xusto nos ámbitos nos que máis se malgastan: pompa et ostentatione, burocracia en xeral, edificios e titulacións sen futuro e ademais repetidas en vinte lugares. As titulacións desta universidade atenderían as necesidades deste país, e os cartos aforrados investiríanse en mellorar a docencia e a investigación.

Un país como Galicia, dotado de poucos recursos económicos, non se pode permitir o luxo de malgastalos. Só se os investimos ben e logo mimamos un pouco polos nosos titulados achegarémonos ao nivel de desenrolo doutras comunidades.

Está claro que hai que facer algo diferente e mellor do que fan os demais. Desde logo, hai que fuxir modelo universitario do PSOE en Andalucía.

Anonimo ha detto...

Non é exclusivo das comunidades gobernadas polo PSOE. En Extremadura e en Castela-La Mancha non o fixo e o PP tamén tirou do mesmo onde gobernou, mesmo con privadas. E CiU tampouco escatimou en multiplicar universidades. Mentres o PNV mantivo unha Universidade do País Vasco, tal vez (velaí a miña maldade) como complemento á de Deusto. A de Mondragón (1997) tamén pode contar. Digamos que en cada caso o gobernante de turno actuou dunha maneira. Non se pode afirmar que fose un modelo exclusivo do PSOE.
[Nota: en Catalunya:
Universidad de Barcelona
Universidad Autónoma de Barcelona
Universidad Politécnica de Cataluña
Universidad Pompeu Fabra
Universidad de Lleida
Universidad de Girona
Universidad Rovira y Virgili
Universidad Ramon Llull
Universidad Oberta de Cataluña
Universidad de Vic
Universidad Internacional de Cataluña
Universidad Abat Oliba CEU]

Anonimo ha detto...

Mentres se alimenta esta imprescindible discusión, na que verdadeiramente se debate un modelo de país (por eso está á par de, por exemplo, a vertebración territorial), propoño humildemente que todos os partidos políticos asuman este compromiso: lograr no mais breve prazo a inclusión da futurible Universidade de Galicia (ou dalgunha das actuais) no famoso listado das 150 mellores universidades do mundo, no que para vergoña propia non aparece ningunha universidade española.

Habería ghuevos ou non?