Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 giugno 2009

CRÍTICÓN CINEMATOGRÁFICO


A crítica cinematográfica dos xornais non destaca precisamente polo seu rigor. Non por culpa do autor/a da crítica (poucas mulleres, por certo), senón por factores diversos (a brevidade necesaria do texto, o pragmatismo da empresa periodística moitas veces vencellada á producción da película, o elevado número de espectadores non todos co mesmo nivel de esixencia cultural, a natureza industrial do negocio) que impiden unha análise ponderada, razonada sobre a película vista. A inmediatez do xuízo, ademáis sustentado nun só pase ou como moito dous (probablemente con notas, pero tomadas de forma apurada), dificulta tamén o labor. Estes mesmos críticos, cando realizan a súa tarefa noutros medios como revistas especializadas ou escriben monografías sobre un autor, un xénero ou unha época amosan esa competencia (ás veces tampouco, pero en fin), que en ocasións queda deslucida polo impromptu da crónica xornalística.
Vén esto a conto da polémica con Carlos Boyero, o crítico cinematográfico de EL PAÍS, o ano pasado criticado por colegas (que, de seguro, non o tomaban por tal) por ausentarse á mitade da película de Abbas Kiarostami no Festival de Venezia, coa conseguinte crítica burlesca ("La vida es muy corta para desperdiciarla con tonterías disfrazadas de arte") e agora branco das furibundas denuncias de Pedro Almodóvar quen acusa a EL PAÍS por contar cun, ao seu xuízo, crítico impropio do prestixio de tal xornal. Non fai falta engadir, aínda que chove sobre mollado, que a pinga que debeu mover a irritación de Almodóvar foi o comentario, ferinte sen dúbida, de que non era masoquista para volver mirar Los abrazos rotos por terceira vez (despois de considerar, tras dous pases, que a película non valía moito). A lectura, porén, do blog de Almodóvar dá a razón a quen cre que ao cineasta non lle gusta moito que os críticos non amen o seu cinema, sobre todo porque en Francia e noutros países o adoran.
De toda esta polémica o que me parece bastante duro de comprender é a actitude dos críticos de cine que consideran que o que fai Boyero é inaceptable. En primeiro lugar, por algo que eu comparto con eles: o seu prescindible ton faltón e deslenguado, se cadra (moi) insultante e, calquera caso, excesivamente coloquial para o meu gusto. A min ás veces pode facerme gracia, pero atopo esaxerada esa impostura do crítico que non pasa unha, sempre vixiante sobre as engañifas, cunha linguaxe de perdoavidas un pouco macarra que sen dúbida o perde. Pero hai que recoñecer que non é o único, nin moito menos: estílase dabondo. Basta ler Fotogramas para darse de conta, ou repasar a pedantesca literatura (o delirio do remarcable) de Dirigido por ou lembrar as sesudas paridas do canonizador Cahiers du Cinema. 
Pero chámame a atención a denuncia de que Boyero defenda o cinema ultracomercial (sic), de que non atende a propostas revolucionarias ou innovadoras no cinema actual e que, en xeral e con contumacia, fai burla e escarnio dun tipo de cinema (arriscado é a palabra clave) que ten poucas saídas nas salas habituais (ás veces nin chega) e que demanda unha preocupación particular, unha especie de protección case ecolóxica dun xeito de comprender a arte cinemática. Eu non son quen de velo así. 
Parto da base de que o cinema actual presenta múltiples opcións, variadísimos xéneros (mesmo híbridos difíciles de catalogar), distintas fórmulas de representar o mundo, heteroxéneos gustos e sensibilidades. Todo isto resulta imposible de reducir a esa especie de dualidade (xa moi vista desde antigo) entre o comercial (malo, xaora) e o innovador (bó, por suposto) que exhiben os detractores de Boyero. Non se pode crer nestes termos. Dá ata preguiza argumentar algo así, porque ese falso dilema entre o cinema industrializado, de star system e directores famosos, e o cinema case artesán, de cinematografías máis esquecidas, con actores e actrices menos coñecidos, non existe nin pode existir. Hai de todo, pero non por ser un cinema artesán ou innovador (que conta co obstáculo insalvable do esquecemento e da negación, sen dúbida, na maior parte dos casos) ten a patente de corso que lle permite ser admirado en todo o mundo, e non por ser Spielberg o director do filme (xa collo eu o gustiño dos críticos por esta palabriña), vai a película a sucumbir ao desprezo xa casi apriorístico de moitos cinéfilos, unha especie na que me inclúo, aínda que a tempo parcial, e que, hai que recoñecer, é moi difícil de contentar. Ser un cineasta singular, difícil ou vangardista non é suficiente para que o seu cinema logre seducir.
Eu non son fan de Boyero, aínda que teño que recoñecer que certos desenmascaramentos de directores/as empoleirados/as fanno simpático aos meus ollos. Esta polémica, na que Boyero serve de chibo expiatorio seguro que a gusto, debería servir para resituar a crítica cinematográfica, agora probablemente ameazada pola aparición de varios blogs sobre este particular, moito máis documentados, máis perspicaces e máis informativos. Pedirmos agora mesmo unha (boa) crítica cinematográfica nun xornal é pedirmos a lúa de Valencia. 

Nota: xa sei, xa sei. Pero diso outro día.

16 commenti:

Corvi ha detto...

Eu odio a Spielberg. En busca da arca perdida (1981) representa para min un momento de inflexión en que comeza a desaparecer un cine que eu adoraba: Herzog, Fellini,Fassbinder, Tanner, Truffaut,Pasolini,Bertolucci, Visconti, Bergman, etc.
Lémbrome como se fose hoxe. Todo o mundo pareceu tolear por un cine que abría unha nova época na que se buscaba ante todo a diversión máis primaria e que unía grandes presupostos, moitos recursos técnicos, guións, efectos e fórmulas comerciales tiradas dos estudios de mercado. E así seguimos! Todo isto limitou muito o meu interés polo cinema actual e agradezo calquer pase de película que non sexa americana.
Tén que haber moito talento oculto noutros sitios, pero por desgracia nunca nos chegará.
É triste pero a cultura popular en España é en realidade (en moi grande medida) cultura popular americana traducida (nen sequer adaptada)

Turmano ha detto...

Estou de acordo con Corvi. Eu tamén odio o cine comercial norteamericano. Prefiro aburrirme mortalmente co cine checo de entreguerras (ese permafrost, esa néboa, eses trávelins, esa intelectualidade baixo cero) a divertirme primariamente con cine-refugallo como El Padrino (para cando unha adaptación española?) ou Toro Salvaje.
Por certo, Arume, tenme que pasar un par de Cahiers du Cinema deses que le vostede que teño unha mesa algo coxa.

R.R. ha detto...

A min paréceme moi sorprendente en toda esta movida, máis que nada, o do crítico criticado polos críticos. Porque dos que fan cine é esperable que sexan tan burros como para non querer que falen do seu traballo (cousa que fixeron moi ben os "profesionais" do teatro deste país ata dar acabado con case todos os críticos de teatro que había), pero o dos críticos obsesionados cun crítico (que ademáis é malo, din eles), xa non sei como adxectivalo. O problema non é que exista Boyero, o problema é que non haxa algúns críticos máis pola prensa en xeral para poder decidir a cal deles quere un facer caso e a cal non. E supoño que entre os críticos críticos co crítico hai tamén os dentes longos de saber que se un día cae Boyero haberá que poñer algún outro no sitio...

Turmano: non me sexa así, xúrolle que hai artigos magníficos (e coñazos, si) nos cahiers eses. De verdade.

R.R. ha detto...

Por certo: se eu fose Boyero estaría encantado coa recollida de firmas. E se fose Almodóvar estaría calado. Xa hai que telos gordos, co poder que ten ese jicho no cine andar preocupándose por babecadas. Eu sempre sospeitei que para algunhas cousas moi listo non é ;-)

R.R. ha detto...

Chisco o ollo, claro, porque a publicidade gratuíta é un invento moi ben pensado...

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Algún día haberá que escribir sobre a curiosa tendencia da crítica cinematográfica á sintaxe tortuosa. Eu creo que padezo semellante síndrome e creo que é por culpa de ler tantos dirigidos por.
Recoñezo que remarcable e revisitar aprendinos con eles. E aínda que temática era substantivo moi de moda nos setenta, os de dirigido por aínda o empregan. Eu sempre pensei que aquel estilo era propio da revista ata que escoitei a un ao saír dos Renoir en Madrid falando do mesmo xeito.

Turmano ha detto...

r.r. : cando vaia pola súa casa, tenme que ensinar algún deses artigos, que ultimamente durmo mal.
En canto a Almodovar, xa hai tempo que todos sabemos que non soporta non ser o mellor do mundo mundial. E tamén é certo que irse queixar do trato que recibe da prensa... Manda cojones!!!!
Arume: lembro un día hai anos que á vista das puntuacións que daban os críticos ás películas no Dirigido por (que era o único que eu lía nesa revista, o resto era ver as fotos, e debe ser por iso que eu non digo remarcable, revisitar nin temática), vostede exclamou: "joder, tío, a estes tipos non lles gusta o cine!" E era verdade. Eran unhas puntuacións malísimas! A todas! Non lles gustaba ningunha!

Unknown ha detto...

Pásame o que a vostede, Arume. As formas do Boyero non me son gratas. Mentres vivía de El Mundo, non o sufrín. Agora que cambiou de póla, de cando en vez párome a lelo, e sigo pensando que non gosto desa actitude egótica. Con todo, concordo con el no que dí de Almodóvar na última peli. E na polémica do escrito por este último no seu blog, paréceme ben que cuestione a Boyero como crítico, pero é inoportuno que o faga porque a súa peli en concreto saise mal parada nas súas críticas. Parece que estea afeito a que lle rían as gracias, porque "yo lo valgo".
Ultimamente as mellores críticas escóitollas a Angel Martín de "Sé lo que hicistéis" na Sexta: coa cortinilla musical de Movierecord para empezar, pronuncia o título da película, dí que é unha p. merda, e remata a súa crítica. Cortinilla de Movierecord. The End.
Estilo intachable e desenfadado para variar.

Corvi ha detto...

Coppola tamén é dos meus, por suposto, como Kubrick, Woody Allen,Oliver Stone, etc.
En canto ás adaptacións, os americanos chámanlles REMAKES. Xa saben, eu compro os dereitos de Abre los ojos e fago outra cousa que se chama Vanilla Sky, perfectamente adaptada aos gustos e as paisaxes do cidadan medio. A idea é convertir un "subproducto cultural" nun producto perfectamente homologado para o mercado americano. E todo feito sen complexos!
Non estou pedindo o mesmo, pero á inversa ( cousa impensable). Sería ofender a intelixencia de moitas persoas, pero dá para pensar un pouco sobre os hábitos e os patróns da industria cultural que padecemos.

Turmano ha detto...

Sr. Corvi
Xa sabía eu que había agradecer algún (moitísimos, en realidade) pase de pelis norteamericanas. Que é posible que fagan moita caquita, pero por aquí tamén, e non digamos en Corea e na República Checa.
En canto ao das adaptacións, entendera eu (mal, segundo vexo) que a pedía vostede por vez da tradución.
E en canto á importación de cultura norteamericana... qué quere que lle diga? Que a venden moi ben, que teñen unha cultura moi apañada aos gustos populares (o blues, a coca-cola, os pantalones vaqueros, as series de policías...), que son pouco escrupulosos á hora de convertir en propio o que lles gusta, e inda menos escrupulosos en mesturar todo e darlle a forma axeitada.

Corvi ha detto...

Hai algo máis, eu creo.
En canto á República Checa, un país que deu a Kafka, Rilke, Jan Neruda, Jaroslav Hasek ou Smetana, seguro que está en condicións de ofrecer productos culturais de primeirísimo nivel.
A min gostaríame ter alomenos unha ocasión de comprobalo.

Iacobus Von der Stein ha detto...

Podería calar pero si non-o digo revento, a min gústame "En busca del arca perdida", non soporto ao Almódovar e o seu pasatempo, dende hai anos paso do Boyero e estou desexando ver Terminator, A Guerra Final, ou como se diga.
Amigo Corvi, tamén aquí tivemos a Cervantes, Lope, Picasso, Antonio Machado, e Albeniz e temos de ministro a Blanco, e non por eso imos estar en condicións de ofrecer productos culturais de primeirísimo nivel.

Turmano ha detto...

Sr. Iacobus, non lle dou un bico (de parafuso?) porque non lle chego. Iso quería contestar eu, pero non me saía o de Albéniz.
Gustoume moitísimo Terminator, inda que non sinto necesidade de ver a última entrega, que se di. En busca del arca perdida é, sinxelamente, fascinante.
Non me gusta nada Almodovar. Pero nada. Vin un cacho de Volver... Inda me estou a aburrir hoxe.

Chichimoni ha detto...

O que pasa é que Jacob of the Stone está enganchado á Cocacola, ao cine americán de pombiñas salgadas, e aínda non sei se il mesmo traballará de picapleitos prá CIA.

Anonimo ha detto...

Turmano, somos animas xemelgas, tómese ou fúmese algo a miña saúde. Eu xa me adiantei e xa traseguei un rioxiña reserva 96.

Iacobus Von der Stein ha detto...

Vaia, vaia, chichimoni, sei quén é vostede e non me perdoa que lle levantara unha noiva, ou foron dúas?. Do que dí, todo certo.