Cando se fala de xeracións literarias, a idade, o lugar de nacemento, a formación educativa e cultural, os lugares de contacto, a representación política ou social en marcos afíns, as revistas, editoriais ou publicacións onde aparecen, os/as promotores/as e os/as axentes sancionadores/as do grupo, e un sinfín de factores (baretos de alterne, amizades, gustos e regustos artísticos) adoitan funcionar como rasgos definidores. O xénero tamén se engade a esta cuestión nas últimas catalogacións xeracionais e tamén algunha pulsión ideolóxica ou algunha empresa específica, que remata por dotar do necesario simbolismo ou concreción icónica ao conxunto.
Pero calquera destes elementos, tomado de xeito singular, non é suficiente para determinar a existencia de tal grupo. Dous elementos (idade e xénero, por exemplo, como quere hoxe EL PAÍS, se ben co engadido dunha formación lectora moi particular, non sempre admitida) non son quen, ao meu xuízo, tampouco de dotar a ese corpo xeracional dun fío conductor por moita xeración merlín que se lle bote por riba. Teño para min que algunha cousa máis (e cantas máis mellor) é preciso.
Non creo que o estilo ou a estética, as preferencias sobre certos temas ou sobre asuntos determinados ou a tendencia a xéneros, sexan estes codificados pola tradición ou xordan dun hibridismo renovador, podan ser nin siquera determinantes. Requírense máis instrumentos de afinación. E o que temos é en realidade un bó número de mulleres, que antes non tiñan a visibilidade que lles correspondía por pulo e talento intelectuais e que escriben sobre e como lles dá a real gana, cunha liberdade de elección admirable.
As mulleres novelistas (a poesía, o ensaio ou o teatro deben ter outra distinción, polo visto) que saen hoxe no artigo de EL PAíS son suficientemente diferentes como para que o marbete de narradoras teña que incomodalas, supoño, fóra do natural interese de saír nunha publicación de tanta influencia e impacto (ao mellor non tal). Non sei se lles parecerá mal ubicarse xunta outras polo mero feito de pertencer ao mesmo xénero, cuestión que, por exemplo, nin se plantea nun caso semellante como o da reportaxe sobre a xeración de narradores dos 90 publicado no mesmo xornal na que figuran curiosamente todo tíos. A min non deixa de parecerme obvio (ou máis ben un feito natural de xustiza) que gañen os premios as mulleres, habida conta do lugar paritario que ocupa por número noutras ordes da vida social e o predominante no terreo intelectual e académico. A min o que me parece máis estrano é o contrario: a ausencia delas agora mesmo noutros espazos eminentes da sociedade onde parecen claramente proscritas.
Comecei falando de xeracións literarias e rematei falando da cada vez máis natural presencia das mulleres na vida (literaria, cultural, social, política) dun país. Que teñamos que celebralo non deixa de ser unha anomalía provisional que agardo estea a piques de quedar arrumbada.
6 commenti:
Me temo que en todas estas cousas me estou volvendo moi escéptico, e para colmo, o outro día, precisamente en El País, acabou por confirmarmo o artigo sobre a nova xeración de poetas. Parecía moi sesudo... ata que os pés das fotografías empezaban a destacar: "fulanito leva unha camisa e un pantalón de XX -póñase aquí a marca fashion que máis rabia dea-". Ata que punto non intentarán facer publicidade liminal como aquel termo de "xeración nocilla". Xa lle dixen que estou dun escéptico recalcitrante fino fino...Apertas!!
O cal non obsta para que estea dacordo con vostede respecto do papel das mulleres, lamentablemente ausente en terreos onde son case maioritarias en postos que non sexan directivos...
É curioso, pero nesta entrada non deixa de haber certo cheiro paternalista que ben podía aforrar, señor Arumes.
Aforrar, aforrarei
loguiño de clarear.
E cheiro a paternalista que tiro para atrás: supoño que debe de ser polas fillas.
Enterarase de verdadeiros rasgos definitorios de posibeis afinidades literarias costa, é traballo e esforzo. Moito mais doada deixar boar a pluma, dicir tonterias para un publico agradecido sen animo de coñecer a realidade es i as fantasiosas elucubracións de banais periodistas metidos oportunistamente nos estudios literarios.
Mal peridico EL Pais que ofrece información falsa, frívola e completamente insubstancial.
J, voar é con uve, non con be.
Posta un commento