Caxigalines nella Reguera'l Campizu

10 novembre 2011

O NORTE


Houbo un tempo, que durou unha vida, no que soñaba que durmía nun hotel de Rinlo, nun cuarto que comunicaba, nas mañáns limpas de finais de verán, co horizonte do océano. No cuarto, fotos dunha actriz fermosa e lembranzas de lembranzas de películas. No comedor transparente, diáfano, onde pasaba todas as mañáns dese tempo, unha muller concedíame seus ollos verdes. Na praia que intuía desde a profundidade do soño, unha escuma, unha maré salvaxe. Na ponte que cruza o río, no golfo de liques e algas, o norte morno que quece os días.    

3 commenti:

ms ha detto...

As praias d'O Castro e Augas Santas (coñecida, por turistas e directores de cine, como "Las catedrales"). O cumio do Mondigo e, nas súas abas, a chairade d'A Devesa. A illa Pancha e Rinlo, esa especie de porto seguro de orixe bretoa (?) onde algún manual de dialectoloxía afirma que aínda se conserva o seseo.

Eu pasei unha noite, non lonxe de Rinlo, nun establecimento familiar de comidas e durmidas, por volta de 1993, arrolado polo devalar das ondas do Cantábrico e os cacarexos dun galo primeirizo. Que o tal establecemento se convertira, co paso dos anos, nunha barra americana non fala senón do espectacular crecemento turístico da zona (tristemente visible no anexo concello de Barreiros) e do incremento do tráfico pesado naquela estrada que comunica Galicia con Asturias.

En tot cas, que sempre nos quede un norte de praias escumosas e baleiras, para visitar.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Aconsello Minorte como pousada. Unha marabilla.
A chaira é unha fermosura, atravesada por miles de pequenas estradas que comunica aquelas terras (relativamente) ben cuidadas. Eses lugares que cita, amigo ms, son extraordinarios: mágoa que illa Pancha non poda ser conquistada: queda para a fotografía, para a lembranza dunha paisaxe.
Aquí servidor pasou a Castropol unha mañán luminosa para contemplar a ría. Alí, por non sei que escuro arcano, as leiras e os campeiros semellan moito máis cuidados. Tomei unha cervexa no bar que dá ao clube de remo, perto dos pantaláns onde os rapaces, despois do exercicio, nadan e chiscan coa súa ledicia inconsciente. Logo subín á igrexa e dende alí contemplei un dos paisaxes máis fermosos que ten este mundo. A visita a Castropol (xa en terras asturianas), cuidadísima, foi un dos momentos máis gloriosos que lembro.

Rub ha detto...

Aí mamei eu un par de anos, e creo que daí sae o meu lado menos malo.