Ricardo corta o pelo na de Quintín. Un escaparate alto cunha xanela ampla permite ver o traballo. Ricardo saúda. Camiño con Fructuoso por unha rúa que mudará o nome. Leva, mangallón, un xersei a liñas amarelas e negras, coma unha abella enorme. Vamos aos futbolíns de abaixo da casa. Hai cartos para unha partida e, se cadra, para as que podamos gañar. Soa no tocadiscos, viradiscos ou jukebox os redbone e a súa raíña bruxa de nova orleans. Ao fondo están os billares (de tres bolas) e nas paredes fotos de orquestas e grupos musicais para verbenas. É hora de ir para casa. Cheira ao carbón gardado nos sotos por todas as escaleiras; un pequeno pó queda pegado ás veces no pasamáns. Na casa, cun pasillo en forma de l, está a tía avoa, o meu irmán, miña nai. Meu pai come no traballo, nas minas de ferro ao lado do pantano: lévanlle a comida quente en potas pequenas nunha cesta de vimbios os conductores do autobús do turno da tarde. Comemos na cociña, coa radio encesa para escoitar o parte. Na fiestra temos un pequeno canario que o meu irmán cuida. Tamén cuida, ás veces, rás e grilos, que ceiba na bañeira dun baño que dá a un patio escuro. Matilde está sempre atenta, entregada. É verán e pola tarde hai partido de fútbol, nas lameiras de debaixo da montaña negra. Estou seguro de que ese día é xoves e hai lentellas na casa. Con tortilla de segundo.
2 commenti:
"Escoitar o parte", qué recordos...
Miña avoa escoitaba a Pirenaica. Nunca soubo ler. Chaman na porta. Muda a radio de emisora. Eu tiña 9 anos e non o esquezo.
Posta un commento