Caxigalines nella Reguera'l Campizu

26 maggio 2008

PAN E COITELO DE BIEITO IGLESIAS


Os lectores (críticos ou non) teñen as cousas xa moito máis doadas, gracias ás completas contraportadas dos libros. Todo aparece alí descrito. No caso que me ocupa, para a miña desesperación de crítico que se presta, sinalanse: estampas política do fraguismo terminal, xovialidade do folclore actual, mestura de Cela (será polo da orquiectomía) e Tarantino (será polo pulp que engade como ilustración paralela) e sketchs costumistas (será polo retrato dun mundo de arrabaldo ribeirao ao pé da Chabasqueira). Non sei quen é o autor da contraportada, pero entre que lle chama nouvelle ao libro e o propio autor que di que non lle deron o premio e que a novela é moi moral cortocircuitan a posible sagacidade do lector (un ignorante sempre) e non lle deixan saída crítica. Xa, agora, nos libros vai todo: o texto, o intertexto (vai unhas viñetas de Mandrake en italiano), o contexto (fíxoo no bar Plata do barrio da Macarena de Sevilla) e, dentro do paratexto, a lectura fina dun lector espilido e ideal.
Pero o lector e crítico que son eu (durante un pequeno intre) é resistente. Teimudo. E fai escrutinio, a pesar das dirixidas advertencias, dadas por boas para non sermos mal pensados.
O texto está dividido en trinta e un esceas ou secuencias (xa aquí dubido). Dous son os personaxes principais (hai máis pero para o comentario ben me valen): un Carrodeguas, Conselleiro de Cultura do Goberno de Galleira, e un tal Nóvoa, detective oriense, encargado de cumprir unha encarga.
O primeiro personaxe lévanos polos terreos xa trasfegados por Iglesias n'A vida apoteósica: os da xunteira corte compostelá, centrada nas vivencias por veces grotescas dun homo politicus nos antípodas do príncipe maquiavélico. Divorciado (a pequena historia do seu viaxe á Castela por ver o seu fillo desvía a atención da trama pero engade profundidade ridiculizante ao personaxe) e alleo, sobre todo, ás circunstancias en que vive (aliñado da súa propia condición de político corrupto), encarna a decadencia da época postprestige. Como persoaxe secundario deste fío (máis ben novelo), o mesmo Presidente do Goberno de Galleira aparece coma un monicreque carnavalesco, caricaturizado ata a desfiguración e cunha levísima sombra valleinclanesca da corte de los milagros intuida ao lonxe.
Na outra historia, a do miserable detective, de rasgos patéticos, lévanos cara abaixo, a ese territorio que tamén Iglesias retratou tantas veces en Miss Ourense ou en O mellor francés de Barcelona. O mundo suburbial, o límite entre a cidade e o campo, eses lugares recoñecibles da narrativa de BI da ribeira do Miño, vistos desde a doble perspectiva do pasado mítico (esa paisaxe que probablemente Iglesias coñeceu ben de preto das casarellas de cachope ou dos ciganos con burro) e o presente estilizado (esmagado, di o narrador) polo glamour dunhas pozas de japanese ambient ou dun chalé (non casa) construido con lousa, colocado como icona do medre e do éxito para humillación da contorna.
A trama que enlaza as dúas historias, ensarilladas desde o comezo, carece (eu creo que a propósito) de interese. Iglesias non centra no desenrolo das accións o núcleo da nouvelle. Prefire a descripción de ambientes (os da prostitución, do hampa ou dos retiramentos espirituais de semán santa en Samos), de lugares (naves industriais ou apartamentos de luxo e tristeza minimalistas); o retrato de costumes (aquí ven a xustificación do moral) que suplantan un mundo que esvaece; ou o debuxo con escasos matices (máis ben con liñas grosas ao xeito expresionista) das relacións humanas, pendentes case sempre do fervor fugaz do roce.
E sobre ese entramado xa ben familiar para os lectores biéticos goberna, coma sempre, o delirio verbal de Iglesias: o dominio da lingua de xerga, a exhibición do coloquialismo de palabras arraigadas nun mundo fronteirizo entre citadino e camponés (como gusta de escribir BI) ou a acumulación quevediana (recorda por veces o Cuento de cuentos) dos modismos populares ("Tú soñas, eu aínda teño pernas, podo cambiar de póla cando me dea a gana e levar un bo peto conmigo") nos diálogos. O resultado deste emprego en descripción de situacións ridículas ou bestiais é típicamente bieitino, máis viciño das técnicas da sátira (sen descartar a parodia dos xéneros coma os spaghetti western ou as series televisivas de aventuras) que das habituais da narración canónica.
En calquera caso, non fai falta engadir que a nouvelle lese nunha tarde coma a de onte (é lixeiro o conxunto), co sorriso sempre nos beizos, a piques da gargallada, gracias á combinación explosiva dun galego insuperable (ninguén escribe hoxe con tanto talento) e a presentación dunhas situacións disparatadas por truculentas ás veces, por paradóxicas moitas outras.
A nouvelle moi moral que, segundo o seu propio autor, "non recibiu nengún premio" (adiviñen cal) é puro Bieito Iglesias. En frasco de esencias. Pero, para os que xa imos tendo certa dependencia iglesiá, permítasenos dicir que queriamos máis.

10 commenti:

Anonimo ha detto...

Eu merqueina hai case un mes, pero, ai!, aínda non lle metín o dente (ao pan). Como a moitos outros máis, ai, ai!, aínda doe máis.

Anonimo ha detto...

Ten boa pinta, aínda que eu non son moi bietiana.

Anonimo ha detto...

Eu, que si son de Bieito, recomendaríalle a Arume que non se metese a crítico nin a novelista.

É xusto e necesario.

Anonimo ha detto...

Moitas gracias polos consellos. Tereinos en conta para outra ocasión.

Anonimo ha detto...

Nin caso, Arumes dos piñeiraes.

Anonimo ha detto...

Ese que lle recomenda non meterse nin crítico nin novelista, ten toda a pinta de ser un que vive "na cova da autenticidade".

Ana Bande ha detto...

A post pasado e libro lido veño por aqui para agradecerlle este descoberta bieititarantiniana sen perder aínda un rictus, non sei se de incrible admiración por este dominio da lingua ou por esas imaxes da oria profunda que xa non se me quitarán da mente unha viaxe tamén a miña infancia esquecida e agora resucitada polas verbas vichita pozo maimón o tinteiro pan e coitelo o carrito e non sigo que afogo. Grazas Arumes, desta vez a crítica, maxistral coma sempre merecía estar na contracapa do pais, alomenos. ¡muac!

Anonimo ha detto...

Juan Cruz, gratamente impresionado por la novela de Bieito Iglesias

Anonimo ha detto...

Faime graza que o ghicho que fai este blog escriba que el é "crítico" cada dúas liñas. Dime de que presumes...

Anonimo ha detto...

Captou vostede como ninguén a ironía. Menos mal, porque igual me tiña vostede por un mandarín da crítica. E lonxe de min tal maldición.