Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 giugno 2007

PERÚ, 1536

O século XVI: 1536, segundo os datos aportados. En Perú. A primeira víctima coñecida de armas de fogo en América, por suposto, traídas polos conquistadores españois. Naquelas Españas, de variadas xurisdiccións, cunha Castela entregada á esquilma de América e cunha coroa de Aragón abismada ao Mediterráneo, a artillería era motivo moral de discusión. Ata ben tarde, matar desde lonxe con estas armas era considerado vileza indigna de homes rectos. Os cabaleiros, aqueles cabaleiros suxeitos aos códigos medievais (poucos ou case ningún), rexeitaban tal cobardía e preferían as afiadas espadas tempradas en Toledo. O fogo era, xa dentro da literatura de orde moral, propiedade dos deuses e empregalo, con ese enxeño que consistía en aprisionar fogo dentro do metal, era nada menos e nada máis ca unha ousadía contra natura, un pecado perverso de notoria soberbia. En todo caso, este pequeno e apenas visible furado derrota coa súa estampa cruel todos os discursos morais, por moi extraordinarios e sublimes que foran, coma os versos daquela execración contra o inventor da artillería que Quevedo escribira,

Derribará la torre y la muralla,
vencerá la batalla
y dejará burladas
mil confianzas de armas bien templadas;
será la gloria suya;
suya será también la valentía:
y sólo la osadía
y la malicia quedará por tuya.

4 commenti:

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

O artigo de hoxe de Bieito Iglesias ven ao pelo. Fíxense no seu comentario final, co laio moral sobre a escasa gallardía do moderno cazador.
Tiros
A semana pasada saltou a noticia de que, no sucesivo, para cazar cumprirá examinarse. Parece lóxico nunha época afeita ás aulas de instrución sexual e aos cursos preparto. Se as fontes da vida son cousa de peritos, tamén debe educarse un instinto de morte paleolítico.

A domesticación das cazatas empezou hai anos, ao establecérense coutadas, sitios vedados nos que os cazadores non poden actuar sen o pasavante dun carné de socio pagado relixiosamente.

Antes, toda a terra era dos homes da escopeta, que monteaban a vontade coa única condición de non tripar cultivos. Falamos dunha muda radical, semellante á producida no Oeste americano cando pasou dos fatos de vacas de cornas ganchelas pacendo a todel pola pradería, ás leiras pechadas con arame farpado. O xénero do western explica en varios filmes como os vaqueiros acostumados aos grandes horizontes levaron a mal esa mingua de liberdade.

Por idéntica razón, os cazadores deste Selvaxe Noroeste sufriron ao verse encortellados en coutos. Desde logo meu pai, perdigueiro da vella escola, sentiuno ben (Aos seus oitenta tacos, agardo que a ninguén se lle ocorra ensinarlle como encarar unha peza).

A caza, cando instintiva e non suxeita a currículum, viña sendo unha manifestación do carácter. Meu tío avó Avelino, un espírito pragmático, cazaba á espera os coellos que saían das covas ao romper o día para despreguizarse e asearse coas patas.

Meu avó Benito, de temperamento desconfiado e pesimista, tremía como vara verde ao levantar unha polada (Con pelresía e todo, lograba abater a perdiz); meu pai, de inclinacións anárquicas e festivas, tira de cachete sen apuntar apenas, antepondo a rapidez á precisión.

Presentemente as perdices críanse en granxa e sóltanse na tempada de caza. Así andan mansiñas polos camiños e non ten chiste tirarlle; pouco máis ten que matar unha galiña. Os domingueiros que saen das cidades para invadir os campos e abouxalos con armas automáticas de moitos tiros (lume no cano!) deshonran a antiga estirpe cazadora. Acáelles mellor o safari fotográfico.

Anonimo ha detto...

Teño que estar de acordo con Quevedo, inda que min as armas de calquera tipo é que me poñen malo.
Agora ben, sendo así, non me negara, amigo Arumes, a grandeza da resolución dada ao conflicto por Indiana Jones na mítica escena de En busca del Arca perdida na que o heroe opta, tras un intre de dúbida, pola rapidez en troques da gloria diante daquel espadachín con turbante. Certo é que o bo de Indiana andaba con algo de présa.

Anonimo ha detto...

Xa o comentei nas Uvas:

Creo que Bieito se trabuca nunha cousa. Para a caza, non están autorizadas escopetas de máis de dous tiros de cada vez. Daquela, non se poden usar automáticas de moitos tiros.

Nuca ha detto...

Un amigo facendo as milicias preguntoulle ó tenente que estaba a dar unha lección maxistral sobre armas de fogo lixeiras: ¿mi teniente a su entender de todas ellas cual mata mejor y produce más destrozo?

Costoulle unha semán no calabozo