Caxigalines nella Reguera'l Campizu

31 gennaio 2008

MERCERÍA SALDAÑA


Xa saben das miñas debilidades polos paseos matutinos polo centro das cidades cheos de mulleres que viven intensamente a rúa e polo ambiente inigualable das peluquerías tamén de mulleres ás que acudo con indisimulado interés. Hoxe veño do sancta sanctorum: a mercería Saldaña na rúa Progreso de Vigo. Fun mercar alí unha fita para a miña filla que vai de labrega medieval á festa da escola e, coma sempre, foi unha experiencia mística.

O local non é pequeno: é ínfimo. Atenden catro mulleres (polo menos hoxe: teño visto ata 6) nun espazo de non máis (e non esaxero nada) de 9 metros cadrados. En total: contado o territorio do cliente (palabra impropia para estes casos) e a fina liña en forma de l que serve para movemento dificultoso das dependientas (palabra aínda máis impropia: porque aquelas mulleres abranguen case todas as facetas do comercio, da saúde social e da felicidade humana).

Ese espazo vital, baleiro de caixas, debe de ser mínimo comparado coa trastenda, que un imaxina infinita e impenetrable. Só esas mulleres de espíritu heroico son quen de atopar botóns, medias, broches, engarces, acericos (non sei se en galego hai outro termo: este en castelán é ben fermoso), blondas, guipures, gasas (que, por certo, ten que ver coa Gaza palestina porque era dalí de onde viñan hai moito tempo) ou, agora co entroido, falsos fulares de marabú. Pero ademáis da súa memoria para reter e coñecer o lugar onde atoparen calquera cousa, son quen de adiviñaren na indefinición habitual do comprador o que o comprador desexa. Pero non quedan aí nunha eficaz demostración de comerciantes ideais: louban a petición da cliente ou melloran, con consellos sempre atinados, as súas decisións. Pero tampouco rematan cando a compradora queda satisfeita co trasego: cambian de tercio e falan do tempo (mentres lle pousan a man á clienta para que vexan o frío que teñen) ou, como hoxe puiden comprobar con emoción que agora transmito, eloxian o peiteado da clienta e mesmo lle preguntan a que peluquería vai. Todo isto nos apenas cinco minutos que un comprador para mirando o ritual.

Cando ía por este Vigo de hoxe, soleado e maravilloso, atopei na nova marquesina de Foster (non sei que ten de particular?: é elegante, pero nada doutro mundo) un anuncio dunha nova firma comercial na cidade, unha das máis grandes do mundo. Niso pensaba eu en medio de Saldaña. E pensaba que eses dous mundos han ser por forza perfectamente compatibles. Porque o que ofrece ese cumio da mercería (non todas poderán resistir os avatares do tempo, pero Saldaña si)nunca poderá ofrecelo ningún outro comercio do mundo.

7 commenti:

Anonimo ha detto...

As mercerías son o equivalente das ferreterías. Son auténticos diccionarios ideolóxicos. "Quero unha peza para poñer no teléfono da ducha, na parte que está na parede" di o cliente. "Vostede quera un soporte (por exemplo)resposta en décimas de segundo o ferreteiro. "Quero unha teliña para poñer dentro dunha solapa e que non se degole", di a clienta. "Unha entretela, pois" resposta a mercera.
O mesmo que falamos do meu médico ou a miña peluqueira, eu revindico "a miña merceira" ou "o meu ferreteiro". Eses si que saben entender á xente!

Ana Bande ha detto...

Vai vostede para cronista oficial da cidade de Vigo amigo Arumes, e lendo as súas crónicas danme gañas de imitalo, claro que eu terei que visita os sanctasanctorum masculinos, vou empezar polos talleres mecánicos e as tascas de Orillamar onde van tomar as tazas os traballadores dos astaleiros, non sei, dame que non van ser as miñas experiencias tan románticas, xa lle contarei. ¡apertas!

Anonimo ha detto...

Lula: moito me gustou esa metáfora do diccionario temático. O ferreteiro de cabeceira nada máis verme entrar xa sabe que é o que quero. Debo levar cara de ladrón ou de cáncamo.
Anabande: probe en Neumáticos do Berbés. Unha muller leva alí o negocio e dúas mulleres máis cambian as rodas desde hai xa bastante tempo. Eu xa son un devoto daquel eficacísimo e atento taller.

Anonimo ha detto...

Lula tiroume a analoxía da boca. Xa non teño nada que dicir.

Anonimo ha detto...

Acerico= alfineteiro. Tamén é ben bonita.

Anonimo ha detto...

Acerico= alfineteiro. Tamén é ben bonita.

torredebabel ha detto...

non me extraña que, cando menos aquí, non existan ainda mercerías nas que as dependentas desaparezan para deixar todo á escolla do cliente (como pasa coas farmacias, por exemplo). Calquera sabe que o máis importante nunha mercería non é o que un necesita senón a indicación (a educación) que as dependentas nos dan polo mesmo prezo. Territorios indómitos e femininos. Territorios fermosos.