1. Establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega, conforme o disposto na Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, do Parlamento de Galicia, nomeadamente: a) A elaboración da norma gramatical, ortográfica e fónica. b) O inventario do léxico e a proposta dun dicionario de uso. C) A modernización e actualización do léxico.
2. Estudar e propor a restauración da onomástica galega.
3. Velar polos dereitos do idioma galego.
4. Defender e promover o idioma galego.
5. Asesorar os poderes públicos e institucións sobre temas relacionados co uso correcto da lingua e coa súa promoción social.
6. Estudar e dar a coñecer o patrimonio literario e documental da institución.
7. Decidir a personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Os puntos do 3 ao 7 precisan do traballo voluntario dos académicos (sexan de número ou os correspondentes), pero os dous primeiros, coas correspondientes epígrafes, deben contar cun orzamento propio e cunha estructura fixa de persoal. Para iso e para non vivir da beneficiencia, como dixo o presidente recén elixido, convén creo que se planteen as seguintes opcións, entre outras moitas que de seguro se me escapan:
1. Crear unha Fundación Pro-Lingua galega a imaxe e semellanza da española. A pesar do que pode parecer nun primeiro momento, estou seguro de que as principais empresas deste país (sexan ou non de capital en mans de persoas galegas) ou particulares con desexos de colaborar nunha tarefa semellante e, sobre todo, con cartos dispoñibles para tal misión, axudarían considerablemente a nutrir ese presuposto.
2. Restructurar, se se quere dotar á Academia dun maior valor como institución capital (non todo o mundo está de acordo co modelo académico francés e prefire a liberdade normativa dos países anglosaxóns ao respecto), o sistema investigador sobre a lingua e a literatura galegas: é dicir, converter o ILG, agora instituto da USC, e o Centro Ramón Piñeiro, na parte correspondiente aos estudos directamente vencellados ao proposito central da RAG, no viveiro principal dunha nova institución ou Instituto, cun orzamento estable, que dependa orgánica e estructuralmente da Academia. A conversión non sería nada difícil se temos en conta que na RAG están os membros principais de tal instituto, malia seren a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago quen decidan a transformación dun instituto universitario nun instituto de alcance galego e malia ser a Xunta de Galicia a responsable do funcionamento particular do Centro Ramón Piñeiro. A vontade política de optimizar os recursos existentes faría fácilmente satisfeita a demanda de Ferrín sobre o presuposto da Academia.
Ferrín ten un reto fundamental nesta nova etapa: a de construir un equipo de traballo propio da Academia que dea resposta aos seus obxectivos esenciais. A preparación dun Diccionario (de Autoridades, se se quere) da Lingua Galega e a elaboración, cos vimbios que hai na universidade galega, especial pero non necesariamente, dunha gramática de uso que sirva de referencia a toda a sociedade. A min, que non participo de entusiasmos académicos de ningunha clase e si dos traballos excelentes que de tales institucións poden saír cos cartos de todos os contribuintes (é dicir de resultados tanxibles e non das ceremonias e elocuencias retóricas que tanto compracen), nada me satisfaría máis. Non fai falta dicir que xenerosidade e decisión política é o que fai falta.
Refactura dun comentario a un post d'As uvas na solaina.
1 commento:
Pois comento logo aquí o que ao principio tiña pensado dicir aló.
Vexo varios problemas asociados á cuestión. Primeiro, as tres institucións maiores vinculadas á actividade lingüística e filolóxica xorden en diferente momento histórico e non sen relación coa conxuntura política: a RAG, como primeira institución-ferramenta; o ILG, cando aquela estaba moi condicionada -non propiamente dirixida- polo franquismo e envellecida; o CIRP, cando o fraguismo carecía de control sobre a primeira e a segunda. O proceso de converxencia persoal ao que se refire vde. achegou RAG e ILG; paréceme que o 'Ramón Piñeiro' non está tan vinculado.
De poder abordarse a cousa con carácter permanente, á marxe de quen goberne, a optimización sería grande: o Centro no labor filolóxico, histórico e literario; o Instituto na investigación lingüíistica e oralidade; a Academia coa función prima que lle outorgan orixe e obxectivos expresos.
En tal sentido, eu podería cadrar bastante conforme no que vde. di canto a traballo voluntario; con excepción se cadra no tocante ao punto ou obxectivo 5, onde a función asesora debería estar contemplada, protocolizada e dalgún modo remunerada polas institucións políticas: Xunta, deputacións (mentres haxa) e concellos.
Xaora, madia leva, non encontro óbice para os aspectos referidos a orzamento e persoal; con base en observación e algunha conversa, teño impresión bastante fundada que non hai posibilidade próxima xa non de Dicionario de Autoridades, tan sequera de dicionario académico cun número presentable de entradas (digamos, camiño das cen mil); e moito menos gramática (digamos) normativa, en tanto non se cubran tales aspectos infraestruturais con garantía de permanencia.
E aí, por suposto, unha achega privada xenerosa non só sería adecuada; supoño que a estas alturas parece máis ca aconsellable. Sen outra dependencia có resultante dereito a recoñecemento público.
Posta un commento