Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 marzo 2008

BARES DE VIGO: O NISIO


No miolo de Teis. Enfrente da porta de Vulcano. Rúa Santa Tegra. Dez e media da noite dun sábado de Marzo. O bar ten o rótulo no cristal biselado da entrada. Antes nada anunciaba nada. Entramos e preguntamos por unha mesa xa reservada. O terrazo é novo, pero aínda perviven as fotos de xogadores do Celta na parede, recén pintada. O camareiro tras a barra pregunta se reservaramos arroz con bogavante, cocochas ou fideos con ameixas, especialidades da casa. Non, respostamos. Logo, por aí. Pensei que nos castigaba porque nos mandou ao comedor de abaixo. Á dereita, según baixamos naquel zigurat imposible, vemos a cociña e dentro varias mulleres traballando. Entramos no comedor e acomodamonos nunha mesa para catro. De primeiro, bruños. De segundo, peixe miudo. Miramos as paredes: camisetas de Berges, Djorovic, Tomás e dúas de Salgado (unha do Celta e outra da selección); estamos na sede da peña futboleira que leva o seu nome. O local é ruidoso, pero así conversamos con total intimidade a berros. Tanto o marisco (ben cocido) coma o peixe (ben fritido, que é muito máis difícil), fresquísimos. O postre (flan de café e tarta de noces) moi pasable; excusamos o café (de pota). Ao saír, a conta de viva voz: 85 euros.

Eu non ía con moi boa gaña porque fora xa varias veces con colegas e atopaba o seu modo de entender a restauración un tanto primitivo e anterior a calquera relación comercial. Ás veces, resultaba imposible saber canto van cobrar; outras, saber se hai mesa; e outras, saber mesmo se estás nun bar ou diante do dono dun restaurante. Algunhas veces teño rexeitado comer alí por falta de concreción do jefe (que adoita un aceno de lacazán mentres as mulleres llevantan o bar co seu traballo).

O bar millorou un pouco coa reforma, pero segue a manter o nivel cutre que o caracteriza. Á xente gústalle así: mirao como un bar especial, co encanto do bizarro. A min non tanto. A casa contén un par de cuartos para comedor, construidos coa maña e o escaso control urbanístico e arquitectónico do concello, sobre espazos inverosímiles e con materiais de derribo. A última vez que comeramos alí tiñan caixas polo chan e roupa esquecida por riba das mesas inutilizadas. Agora adecentaron algo aquilo e parece outra cousa. Non moi diferente do anterior, pero algo millor si. ¿Para voltar? Xa veremos.

Se sae nesta sección é porque é un dos currunchos célebres na cidade por ofrecer marisco e peixe fresco (moito ven directamente do barco sen pasar por lonxa como contribución dos mariñeiros que pasan por alí coas conseguintes doses de abuso) nun ambiente abigarrado e rebulinte. Non popular, ollo, variopinto, de xente de toda clase social que apreza a casa de comidas informal, un pouco a monte, que agocha un producto de primeira calidade e a moi baixo prezo. Que os do Celta (cos soldos que se gastan) o teñan como lugar de encontro fala ás claras do seu éxito interclasista. O Nisio, en dúas palabras.

11 commenti:

Nuca ha detto...

co requintado que é vostede e frecuentando o Nisio!!!

Cousas veredes...

Anonimo ha detto...

Tiven que marchar correndo para o Lounge-Bar e o Van Gogh para compensar o ácido úrico cun cóctel cool de zafiro con tónica.;)

Xaime ha detto...

Que teña feliz cumpreanos, amigo

Nuca ha detto...

moito más chic e fachion a segunda parte da xornada

Anonimo ha detto...

Que faga moitos máis: quero mellor dicirllo aquí ca aló.

Anonimo ha detto...

Feliz cumpreanos.
E logo cando visita: Pazo da Escola, en Gondomar e mais o Gozoso Paco en BAIONA?/Esperamos seu comentario.Saudos

Anonimo ha detto...

Parabéns polo cumpre: Forever Young!

Outra cousa. Mirou algo para Londres en SS? Eu mirei na rede en Halcón e non había xa voos libres. Nin tampouco para Roma.

España adiante, pois. Que me recomenda nun radio non maior de 400/500 quilómetros? Para sete días. Lugares menos tópicos e coñecidos. Grazas.

Peste de non programar as cousas con antelación!

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Eu vou a MURCIA capital!!.
Coa seguinte ruta hispánica: Salamanca, Plasencia, Cáceres, Trujillo, Almagro, Villanueva de los Infantes e Murcia. Na percura de calor e procesións (unha das miñas debilidades de ateo). Xa lles falarei.
Sobre 400-500:
1. Nortada: Asturies, Cantabria. Sen palabras.
2. Surada: Portugal (Nazaré, Óbidos, Cascais) un clásico.
3. Castelada.
a) León, Palencia (ruta xacobea á inversa: Sahagún, Castrogeriz, Carrión de los Condes...)
b) Valladolid, Ribera del Duero.
c) Zamora, Salamanca, Ciudad Rodrigo, Alberca, Hervás.
4. Extremadurada: Jerte, Plasencia, Trujillo, Cáceres. No límite dos 500 kms.
A Semana Santa no interior de Castela-A Mancha ou en Extremadura (xa non digo en Andalucía onde é un esplendor) é unha experiencia marabillosa. Procesións si, pero festa para celebrar a chegada da primavera.

Anonimo ha detto...

Mire por onde, unha das ideas que temos é a de Extremadura. Ao mellor até coincidimos e todo. Nese caso, a primeira ronda págoa eu.

Anonimo ha detto...

Con sorte poden coller o extraordinario espectáculo do Valle do Jerte en Flor.
Co disfruten moito.
TREBI
Arume:Coido que cambiaría , pero se pode AGUILAS merece verse

Unknown ha detto...
Questo commento è stato eliminato da un amministratore del blog.