Apreciara na mocidade a literatura de Esther Tusquets. Lin varias novelas dela e recordo que estimara moito El mismo mar de todos los veranos, unha narración que ela mesma presentaba como medio autobiográfica. Agora teño unha leve noción daquela obra: o ambiente descrito dunha Barcelona adolescente (e dos seus veraneos prolongados a carón ou dentro do mar) que vai deixando paso a unha mocidade crítica e rebelde, na que os sucesos políticos e o descubremento do sexo e das relacións humanas complexas, vai mudando esa elegante forma de vida. Lembro tamén unha sintaxe envolvente, sinuosa, que naquela época parecíame o colmo da sofisticación estilística. Non sei se era literatura para a mocidade, pero gardo unha lembranza moi positiva daquel libro: non me atrevo siquera a relelo por medo a perder esa imaxe primaria. Non estaba fóra dese interese meu a súa deliberada proposta feminista que me atraía moitísimo e que, de modo case automático, relaciono sempre con Tusquets (editora ademáis de Virginia Woolf).
Daquela o mundo contado por Esther Tusquets semellaba de tan lonxano, atractivo. A miña fascinación por Barcelona, que descoñecía, quedaba satisfeita. Máis tarde, amei a literatura a través de textos que falaban desa mesma Barcelona, con idéntica paixón e sentimentalidade. Os Goytisolo (gustábame Juan, pero non despreciaba nin moito menos a Luis, máis intelectual e frío, pero tal vez máis riguroso; e lía a José Agustín, a pesar de los pesares) ou Marsé (todos os seus libros forman parte da miña educación) contaban aquel tempo. Despois, Mendoza, Montalbán ou a poesía de Biedma ou Gimferrer (tamén os seus artigos) pintaron outros mundos, así como as memorias de Terenci Moix ou de Carlos Barral contribuiron a perfilar aínda máis aquel espacio e aquela memoria.
Por todo isto voltei a Esther Tusquets. Onte rematei de ler Habíamos ganado la guerra. De lectura moi doada (demasiado, para min que tiña a Tusquets como exemplo de complexidade), o libro preséntase como unha clarísima confesión case de culpa. Axuste de contas con ela mesma tamén pode resultar acaído, á vista sobre todo da impericia ou do aparente desorde con que narra a súa vida. Como se pretendera descargar da súa conciencia todo o seu pasado de golpe. Sen tomar folgos. Tusquets parte da idea de que non todo o mundo perdeu a guerra: ela e a súa familia gañaran a guerra. Eran os vencedores. Pai e nai franquistas que baixaron á rúa para dar a benvida ás tropas nacionais. De clase media alta, viviron nos mellores inmobles do Eixample barcelonés, con servicio incluido ao que trataba cun clasismo evidente, tal e como a propia Tusquets describe. Conta tamén o seu paso polo Colexio Alemán xusto despois da guerra por vontade da súa nai xermanófila, as veleidades do seu tío Juan co nazismo, o gusto burgués (a súa paixón polo Liceu) cifrado en veraneos eternos (dos que xa falara nas súas novelas), o seu carácter susceptible durante a nenez e o seu despertar á política ou á relixión, coa xa coñecida militancia falanxista ou a súa devoción cristiana difícilmente canalizable nos tempos escuros da represión. O libro conclúe no momento en que ela se decata (por un pulo radical que ela mesma define) de que o mundo no que vivía pertencía aos vencedores e que ela xa non pertencía a ese mundo, esfarelado en anacos e en pequenas crises de identidade social. Como ela confesa ao final do libro, a súa vida foi un tránsito, ao parecer doloroso se xulgamos a vehemencia con que conta todo, da exaltación da victoria ao recoñecemento íntimo (compartido cos amigos, coa xente que foi coñecendo pouco a pouco) de ser tamén ela unha derrotada.
Non é un gran libro de memorias, pero cumpre con eficacia o propósito explícito de desafogo persoal que todo lector sempre agradece. E que eu lle agradezo.
7 commenti:
Excelente e brillante comentario. Só un pouquiño afeado por unha incorrecta colocación do pronome en galego ("... en que ela se decata... de que..." sería o correcto).
Non estou seguro, sobre todo porque o pronome tónico permite a colocación usual posterior. Pero se vostede o di, non dubidarei nin un instante.
E gracias polo eloxio.
Consulte cun entendido que llo poida explicar correctamente, pero coido que non leva razón no do pronome. Eu non sei ningunha regra: téñoas interiorizadas de xeito automático, pero a experiencia dime que, nesa oración concreta, hai que colocalo antes.
O comentario é excelente e brillante porque é talentoso: ten unha impronta persoal, non abunda en expresións tópicas e ocas, nótase que se leu realmente (cantos comentarios se fan lendo pouco máis que as lapelas!), non alardea de erudición pero amosa coñecemento preciso, e está moi ben redactado. Como non o ía eloxiar!
Por certo, non deixe de ir ao convite. En vivo e en directo, a unha mesma mesa e mantel, o P. gaña (ou gañaba) moitos puntos. E até é (ou era) ben agradable, nada ríxido nin impostado. Xa me contará.
Veremos, pois. Mantereino ben informado.
Xa arranxei o erro, pero creo que esaxera coas loubanzas. Tomareinas como froito da amistade, que tampouco está nada mal.
Tiña o libro para compralo dende que saliu a sua reseña. Ahora ,maña mesmo librería e a disfrutar da sua lectura.
Son fan de MONTALBAN (50 seus conto,teños na librería enfrente)/Solo lle conseguín que me firmase unha docena .
De Marse tamen varios, e tamen de Juan Goytisolo (Na visita a Ourense, solo lle saquei firma nos libros).
Gusto de Barcelona coma vostede.
E logo non leu CARVALHO GASTRONOMICO? (Sibarita tamen, hasta Vd e Apicultor lles gustará.
A miña cultura e pequena, pero sei disfrutar das suas referencias.Acabo de leer "Una novela de barrio":Fco GONZALEZ LEDESMA.:BARCELONA pura!
Un Saudo.
Trebi
Eu, de Vázquez Montalbán, lin todas as novelas (menos as dúas últimas) do ciclo de Pepe Carvalho. Aínda son unhas cantas. Ah, e tamén "Crónica sentimental de España".
Posta un commento