Caxigalines nella Reguera'l Campizu

20 aprile 2008

ELEXÍA PEDANTE

Fun onte ver un fiasco pedante e insulso. As películas convencionais norteamericanas son previsibles, pero, porén, non engañan. Amosan as súas cartas desde o principio e, como espectador, aceptas as consecuencias. En Elegy, a última peli de Coixet, todo resulta insoportablemente pretencioso. A mitade da película, como se a propia Coixet fose consciente do despropósito, fai dicir a unha personaxe (e digo ben porque os personaxes están sen construir ao capricho da directora): "Esta situación resulta ridícula". Ou é unha palabra de náufraga en mitade dunha encarga incómoda ou de forma involuntaria analizaba a mesma película.

Cuns diálogos forzados para non parecer verosímiles (El: "Tes uns peitos moi fermosos"; Ela: "Gústanche os meus peitos?"; El: "Venéroos"); cuns personaxes sen ferver, completamente planos; cunha fotografía deliberadamente oscura pero sen máis función cá de parecer cool; cunha música de recebo (pianito romántico e unhas concesións a un jazz de fío musical); e cunha historia increíble dun profesor vello, cunha sabiduría sobreactuada ata a cretinez, capaz (?) de namorar coas súas topicadas sobre Goya ou sobre a figura central das Meninas a unha estudante cubana (unha Penélope Cruz que fai de Penélope Cruz, pero se chama "simbólicamente"? Consuela) de clase alta e de insólita escasa cultura (por moi pouca que poida ter as chorradas do profesor non poden seducir: se aínda tivera unha habilidade eróticofestiva, pero nin eso) que queda prendada dun tipo cun parecido notable a Gandhi.
As esceas eróticas (un dicir) son directamente patéticas e a exhibición do corpo e dos fermosos peitos de Penélope (que ao parecer remite ao libro de Philip Roth en que se inspira o filme, co cadro de Modigliani de referencia) só serven para recoñecer o esforzo da actriz española por saír dunha situación, en efecto, ridícula. Só a aparición dun Dennis Hopper elegante no seu avellentamento alivia o penedo que nos vai caindo por riba. Para máis inri, a película dura unha eternidade con repeticións de planos completamente inservibles, que rozan o cursi e dan de forma certeira na pedantería.

Non sei se Coixet puxo algo da súa parte (quizáis esa teima polo dramón con enfermidades terminais e anuncios da morte, presentado cunha demora intragable) no que parece unha encarga de estudios. Entre o convencionalismo americano e a suposta alta cultura europea que aporta o nome da directora española, quedámonos cun producto inútil, cunha culturetada aburrida e perfectamente prescindible.

Terei que ver hoxe Un día en Nova Iork para sanarme.

2 commenti:

Anonimo ha detto...

Fun ver hoxe Pradolongo. Podería escribir as verbas á inversa. Unha película sen pretensións e que acada unha factura dignísima, cunha historia moi verosímil, cuns personaxes, se cadra un tanto estereotipados, pero convincentes, e mesmo cun hábil montaxe que a convirte nunha pequena delicia. Non é unha grande película pero si unha boa película: moito mellor ca de Coixet. E, ollo, as rapazas e os rapaces que alí saen posúen un morbo erótico moi notable.

[A considerar unha cousa: non chove na película!!!]

Anonimo ha detto...

A ver se lemos máis, colega, porque moitas das chatas que lle após á película pertencen ao libro de Philip Roth. A ler, que hoxé é día do libro.