La bella Italia vai ás urnas esta fin de semana. En litixio, o desempate. Máis ca hexemonía dun país profundamente dividido. Berlusconi ofrécese no Polo das Libertades xunto aos seus alaídes complementarios: pola banda centralizadora e republicana, il Fini, de Alleanza Nazionale, o grupo derivado do movemento misino, descendente á súa vez do partido fascista e agora aggiornato nun partido de dereita pura coa imaxe sempre repulidísima do seu líder; pola banda descentralizadora, o secesionista Bossi, a quen Berlusconi prohibiu durante a campaña baixar máis aló do fiume Po e que reclama as armas no caso de derrota nas urnas, teima que levamos escoitando desde hai máis dun ano, moi pouco despois de que saíra dunha parálise cerebral que o mantiña alonxado da acción política. En torno ao líder septuaxenario (con acenos, suliñados polos xornais, mussolinianos), estes dous compañeiros de viaxe, tan contrapostos como afíns na súa desmedida ambición política, aspiran a recobrar o poder perdido durante estes tres anos de breve goberno de Prodi.
No lado esquerdo, emerxe a figura do actual alcalde de Roma, secretario xeral do novo Partito Democratico, elixido tras unha longa campaña de construcción interna dun partido aglutinador da esquerda moderada. Non é exactamente a Unione que deu vía a Prodi, pero aproveita a súa cerna. Cunha ousada novidade ou cun risco calculado, segundo se mire: a de concorrer ás eleccións sen alianzas con outros partidos da esquerda máis radical.
As enquisas dan un empate, lixeiramente inclinado cara a Berlusconi, despois de comezar o proceso, desde a demisión de Prodi, cunha diferencia moito máis notable para il Cavaliere.
A esquerda confía que, na recta final, a xuventude, sobre todo, pero tamén o país máis canso coa situación actual outorgue a unha fórmula máis homoxénea cas anteriores, como é o caso de Veltroni, o necesario voto para cambiar o país. Aínda que Veltroni non suscite un entusiasmo unánime, a esquerda plantexa a consulta como unha nova páxina, unha especie de non ritorno dunha casta política que avergonza ao país.
Pero non está nada claro e todo apunta a que, de novo, coa mesma estéril estructura electoral, Italia pase outros anos non sen goberno (xa pasou por estas e medraba o país), senón sen rumbo nen forza social que dinamice o que ven sendo, por riba de todo, o país máis fermoso do mundo.
[Na foto, o café Sant Eustachio, o paraíso]
1 commento:
Qué interesante análise. Xa sei que parece un tópico, pero para mín resulta incomprensible que un país tan caótico e mesmo indolente, cunha estructura estatal tan apodrecida e corrupta poida manterse como a sétima economía do mundo. Se cadra sentóulles moi ben que na súa posguerra tiveran un partido comunista tan potente.
Posta un commento