Vin a semán pasada, libre das habituais recomendacións ou comentarios que adoitan acompañar as estreas cinematográficas, Catro meses, tres semáns e dous días. Apreciei a vontade do director de crear unha narración especial, a base de manter a cámara nun plano teatralizado e de deixar que as palabras flúan coa demora e o ritmo falsamente natural dun diálogo verista. Apreciei o sólido traballo das actrices, en particular o da protagonista, aínda que o silencio, a ollada perdida e o camiñar sen rumbo, cunha steadycam nervosa detrás dela, podan suliñar en exceso ese drama interior. Apreciei a grisácea descripción dun Bucarest hostil e a insinuación efectiva dun inverno moral e afectivo. Apreciei o retrato anodino dunha familia rumana expresado nun plano a propósito irritante no que apenas caben todos os personaxes. Apreciei a íntima repulsión das mulleres, apreixadas nun cuarto, nunha atmosfera abafante e sen saída.
Pero o conxunto non me gustou.
2 commenti:
Non cabe dúbida de que "aprecias" moito.
Tentei recoñecer certos méritos, por non ser moi negativo. Vontade do director (que non resultado). Traballo sólido (que non engaiolante nin atractivo, por veces insípido). Insinuación efectiva (que non continuidade). Falta o resto: nada menos que a propia historia, o guión cos seus diálogos, o ritmo, a estructura, o tema, o ton dramático, os asuntos tanxenciais. O que destaco son momentos concretos dunha película en xeral para min pouco interesante.
Convén mirala dentro de cinco anos. Se cadra, nun contexto reducido dunha producción anual poda chamar a atención, pero, mirada con tempo, non creo que deixe (esa é a miña impresión) máis ca estas marcas ailladas que destaco.
Posta un commento