Caxigalines nella Reguera'l Campizu

9 ottobre 2008

O NON TURISTA


O turista que chega a Venecia acubilla a fantasía de non selo. Cando pon os pes no Piazzale Roma ou na estación de santa Luzia mira un mundo de persoas exactamente iguais a el, mais tende a pensarse único espectador dunha comedia na que non participa. Cruza a ponte dos Scalzi ou a das Guglie coa firme determinación de ser invisible ou, en todo caso, a de agocharse camuflado entres as multitudes coma un estraño. Algún deles mesmo aventuran unha súbita transformación en venecianos de estirpe dogal para semellaren indiferentes ao mansedume da grei turística.

A teima do turista por borrar a súa condición require dunha estratexia exhaustiva. Despreza os lugares comúns, os tópicos endeusados polas postais ou polo folclore globalizador. Cando detecta moreas demasiado ordeadas bule cara escuras calellas onde ninguén camiña. Elixe, para camiñar sottoportegos a ningures, cortes que dan acceso a varias vivendas pero sen saída, que obrigan sempre a voltar sobre os mesmo pasos. Desimulase a sí mesmo coa detención en insólitos detalles: un par de botellas de agua para alonxar gatos no limiar das portas, a cancela de ferro batido en Gorizia, os picaportes co rostro de dous mouros con turbante ou a pétrea distribución dos timbres e dos chitófonos das casas.

Escolle a periferia para o risco. Ama as fondamente baleiras, mesmo de venecianos, desparecidos pola calor tras as xanelas fechadas, aínda que un sol de chumbo quente acrisole a súa cachola evaporada. Cando chega, por exemplo, á praza de diante de sant Alvise e entra na igrexa, detense á entrada, separada do interior por unha maroma tan basta coma a que empregan no vaporetto e por unha ventilada biglieteria onde figura o prezo para o turista que el non é. Confórmase con admirar a bóveda desde a porta a pesares de que o trampantollo engana máis a vista do necesario. Pero o non turista xamáis paga a cuota, non por indignación cristiá contra os mercaderes do templo ou por unha contestación secular contra o monopolio da beleza, senon por non contribuír á impostura turistizante con aquel décimo actualizado para transeúntes.

Abandona o non turista aquel inhóspito templo cando advirte que más de dúas persoas de parla dálmata ou cabeleira tudesca irrumpe nese territorio que aventuraba incógnito e preparado só para el. E procura a estación do vaporetto máis afastada, aquela que mira as refinerías de Porto Marghera ou os guindastres de Mestre. O horizonte fabril da terraferma que miran os seus ollos aumenta a sensación de autenticidade, de verismo axeitado á súa obsesión evasiva, pois conduce ao backstage dun esceario que el, por suposto, detesta. Pero dubida se resulta satisfactorio, porque a lagoa brila cunha cor cincenta e o reflexo do ar provoca nel un estupor que identifica (ou cre identificar) co que sinten os miles de turistas que buscan calquera panorama. 

3 commenti:

Anonimo ha detto...

Perfecto. So agardo que moitos "non turistas" lean esto e se sintan identificados, non vaia ser o demo e crean que nin "non turistas" son.

Anonimo ha detto...

Ser "non turista" é a máxima expresión dun determinado subtipo de turista. Algo típico das clases medias máis ou menos (semi)ilustradas.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Diso falarei noutras entregas.