Caxigalines nella Reguera'l Campizu

8 giugno 2009

UNHA MAN NO QUEIXELO


Que o PP gañe as eleccións en Galicia con certa facilidade non resulta estraño. O chan electoral do partido conservador é moi alto e a pouco que forcen a máquina e a oposición extravíe o rumbo conseguen esa marca de sempre en torno ao 50% que lles dá a hexemonía necesaria para gobernaren coa tranquilidade acostumada. Non convén esquecer isto nunca: é coma eses partidos contra o Madrid, nos que hai que xogar sempre por riba das posibilidades e aínda así non aseguras nada. Agora ben, se vas mirar as gradas do Bernabeu e a comer no asador donostiarra o día antes levas cinco, mínimo. O peor é ler as portadas do día seguinte e as medidas dos posteriores. Pa echarse a temblar, como di meu pai.
O PSOE, ou PSdG, segundo se mire, mantivo o tipo, que é máis pequeno, bastante máis pequeno, incapaz, a pesar de todo, de ser alternativa, por moita envergadura que lle engadan desde fóra. Para iso precisa de axudas complementarias en forma de coalicións ou, no caso de quereren, de integración no seu corpo electoral doutras sensibilidades esquerdistas e non sei se galeguistas, sen menoscabo das xa existentes no seu interior. A vella imaxe da manta curta pode valer para o PSOE. Ao mellor convén cambiar algunha vez de manta. O certo é que o seu apoio disminuiu e que non se albisca, polo de agora, melloría. A min me falta visibilidade do partido. Nunca tivo moita, pero agora, coa cabeza demasiado ostensible de Pachi Vázquez, necesita, ao meu xuízo, cadros máis rotundos, máis identificables en todas as partes. Por suposto, non falo de Caballero (tan ostensible coma o lider máximo, pero sempre baixo sospeita de divismo), senón dese nervio de grupo, con xente capaz de artellar un discurso alternativo, corpulento, serio e recoñecible. En fin, o que aínda non hai nin polo de agora se espera.
O BNG atópase nun momento crítico. Ou máis ca crítico: extremo. Os resultados da asamblea aliviaron probablemente as tensións internas ou digamos que aclararon o panorama (coas conseguintes decepcións, non resoltas) entre os seus militantes. Pero deixaron sen resposta aos seus votantes. A perda notabilísima de apoios (de 140.000 a 100.000 entre as dúas convocatorias europeas, con cambio eso si de coalición, que tamén puido influir) obriga non á reflexión (que xa está máis ca feita) senón a toma de decisións drásticas. Eu creo que Guillerme Vázquez non é o candidato ideal (por cousas que teñen que ver máis coa promoción cara o exterior do partido). Non podo falar polo 80-90% de non votantes do BNG, pero moito me temo que non sexa quen de arrimar apoios, se mesmo entre os seus sofre semellante debacle (un de cada catro deixou de votalos). Sería demasiado pedir a estas alturas demisións, pero non estaría de máis pensalo un pouco ou, como gustan dicir algúns dos seus militantes en instancias menores para litotes oportunas, darlle unhas voltas ao asunto. Pero non moitas, porque a ameaza de ruína é inminente.
Esquerda/Izquierda Unida segue o seu particular paseo polas mesmas porcentaxes, o cal pode compracer aos pesimistas (lexión entre os seus) e non incomodar demasiado aos optimistas (especie en extinción en tal coalición). O malo deste deambular é o de crer que ese é costume arraigado e non facer nada por mudalo. En Galicia, falta, coma sempre, corpo e se me apuran mesmo esquelete que poida engordar algo segundo as circunstancias. E iso que o sistema electoral neste caso podía favorecelo.
O éxito de UPyD é o éxito das campañas intelectuais desde certos xornais: que Savater teña tribuna en EL PAÍS ou que desde EL MUNDO simpaticen con Rosa Díez e a súa teima centralizadora explica ese medio millón de votantes descontentos, entendo, coas coalicións pesoísticas cos distintos nacionalismos. Entendo, non obstante, que para UPyD (aplicable á propia Esquerda Unida, pero sen tan bós resultados) o distrito único representaba unha oportunidade mellor, xa que calaba precisamente nun electorado que prefire esa unificación do país. Non sei se as eleccións por provincias electorais outorgaría semellante premio. 
A Galeusca que desestimou o BNG non aproveitou a baixada do PSC, nunha Catalunya (outrora paradigma proeuropeo) moi abstencionista. O PNV tampouco axudou moito. O cambio do BNG por Coalición Canaria non supuxo perda algunha no resultado final. Izquierda Internacionalista obtivo o resultado esperable (en Navarra moi alto, por certo) para calibrar o peso no País Vasco tras a campaña anterior onde non participou. Curioso resulta saber que en Madrid (como Alacant probablemente polo censo de vascos empadroados nestas zonas) ten máis votantes que en toda Galicia ou que en provincias coma Valladolid teñen máis votos que en Lugo e Ourense xuntos con menos números de votos. 
Serán duros os días que veñen porque os almuecíns han rogar cinco veces ao día por eleccións anticipadas, mocións ou ameazas permanentes de mocións de censura. Han chamar a rebato un día si e outro tamén e así ata o voto final. Mentres tanto, un moito de intelixencia e un apretar de dentes adoita ser conveniente: prudencia e vehemencia a partes iguais e Maquiavelo sempre no horizonte. Avante toda.

6 commenti:

Anonimo ha detto...

A inminente independencia de Escocia será un terremoto que moverá os alicerces de Europa e os seus estados.

Braveheart ha detto...

:-O

Turmano ha detto...

A min o que máis me preocupa é esa ansia enfermiza por gañar. Antes daba a impresión de que o único que lles importaba era facerse co poder para repartilo entre os deles. Agora xa non cabe a menor dúbida de que é así. O demais non importa. Xa hai algún tempo que desapareceron as ideoloxías (falo de ideas mínimamente artelladas) e agora imos asistir á desaparición dos programas.
Chegou o tempo de Berlusconi e de Sarkozy, xente que se vende a sí mesma sen necesidade de andamiaxe mental ningún. Si, xa sei que hai ideoloxía detrás, pero é tan merdenta que colle nun puto folio. E sobra folio.
Amigo Braveheart: eu tamén estou sorprendido ou sorpreso co que hai que ler.

Iacobus Von der Stein ha detto...

Si home sí, houbo unha guerra que durou catrocentos anos e os irlandeses non conseguiron a unificación e van os escoceses conseguila independencia. Nin cheos de blended.

Arume ialle chufa-lo comentario pero preferín tomarme unhas pinguiñas de escocés no coffe.

Anonimo ha detto...

Clicar

Turmano ha detto...

Entendo que son os ingleses (68%)os que están máis interesados en independizarse os escoceses (58%) que viceversa. Non esquezamos que a unión entre Escocia e Inglaterra (Reino Unido) foi froito dun acordo entre ambos paises que levou á desaparición dos parlamentos inglés e escocés e á creación dun novo mixto.