Rizzo e Stella foron galardonados onte cun premio do xornal EL MUNDO. Nestas páxinas reseñamos o seu libro capital sobre a casta política, aínda que debín engadir este ano o novo, con título semellante, La deriva. Perché l'Italia rischia il naufragio, e continuación do anterior.
Pero nesa mesma celebración atopábase un grande do xornalismo: Manu Leguineche, postrado en cadeira de rodas, con mostras dunha grave doenza. Entristece lembrar agora aquel Leguineche que chegou a Santiago, á aula de Cultura de Caixa Galicia, chea ata o propio esceario para escoitalo con devoción. Alí estabamos os estudantes, sentados mesmo no chan, de pé, apoiados na parede para reverenciar a aquel home entusiasta, lúcido, intelixente, benhumorado, simpático e encantador, que falaba das súas viaxes, dos seus reportaxes, da súa visión do mundo como un lugar tráxico, terrible, onde sempre hai espazo para a tenrura e a poesía. Falamos tantas veces de Kapuscinsky e, en efecto, o xornalista polaco (tamén adorado no seu país) ofrece lecturas apaixoantes, pero se cadra esquecemos a este Manu Leguineche que foi quen de suscitar a mesma estimulante literatura xornalística capaz de comprender (ou aprender) o mundo. Só polo relato de Los topos, tamén glosado nestas páxinas porque ofrecía o caso dun familiar noso non moi lonxano, alcalde de Rueda, pechado na súa propia casa de Valladolid, merece entrar na gloria do (que eu entendo por) xornalismo.
Eu, desde este pequenísimo recuncho dese mundo que coñece tan ben Manu, mándolle o meu recoñecemento e unha afectuosísima aperta.
Nessun commento:
Posta un commento