Caxigalines nella Reguera'l Campizu

1 novembre 2008

L'ITALIA IN PIAZZA


Este último mes a Italia antiberlusconi saiu á rúa. A causa, xa sabida: as medidas da ministra Gelmini sobre a reforma educativa. A forza adquirida polo capo Silvio tras as últimas eleccións canalizouse nestes primeiros meses de acción política nunha iniciativa radical sobre certos aspectos centrais da vida pública italiana. Comezou con medidas de seguridade contra a delincuencia, cunha preocupante delegación de funcións en materia de interior aos propios municipios, o que provocou nalgúns casos a intervención arbitraria e antidemocrática de policías escasamente preparadas para un estado de dereito ou mesmo a participación insólita do exército (máis mediática ca outra cousa), tamén pouco preparado para labores de vixianza nas rúas. 
A complementaria persecución do emigrante e máis concretamente dos rom (o nome que reciben os ciganos en Italia), acompañada dun constante discurso de cores xenófobas, sen complexos de ningunha clase, alertou á opinión pública que principou por calificar de fascista a política en materia de asuntos interiores. 
Para satisfacer aos sectores da Lega Nord do goberno, favorables a un maior control por parte das rexións que controlan da recadación tributaria, il cavaliere deu pulo a unha lei de restructuración territorial da Facenda italiana, que en menos de medio ano (un tempo récord) foi presentada, en forma de borrador, á discusión parlamentaria, onde xa non falta a oposición radical (na bancada esquerdista) dos que ven nesa decisión unha forma de agrandar a fenda entre o rico norte e o depauperado mezzogiorno. 
En materia de política internacional, a resposta unitaria de Europa á crise impediu unha manifestación máis evidente das súas diferencias políticas (en materia de seguridade especialmente, pero tamén en nacionalismo económico como demostrou a intervención dubidosa do estado italiano no caso Alitalia) cos demáis países do entorno. 
Pero foi neste verán e co gallo da presentación das propostas da ministra de Educación cando a oposición, vencida e desnortada con respecto ao ímpetu (autoritario) de Berlusconi, decidiu prantar batalla. Ao principio, con certas dúbidas, xa que algunhas desas medidas podían contar co beneplácito da opinión pública (como as notas numéricas ou a chamada, un tanto demagóxica pero efectiva, a primar o esforzo con alicientes didácticos). Pero despois, coa mingua presupuestaria e a retirada dun número notable de profesores que presentaba a reforma Gelmini, o movemento hostil foi cobrando cada vez máis presencia nos foros públicos. 
O goberno desestimou, coa prepotencia que o caracteriza, estes en principio pequenos desacordos, que coa participación masiva da universidade, que ve tamén como os recortes afectan ao seu funcionamento diario, convertíronse en mareas organizadas contra a política educativa de Berlusconi. A mobilización hai unha semán en Roma do Partito Democrático en torno ao seu líder, Walter Veltroni, animou á oposición e contribuiu decisivamente a que nesta última semán a Italia antiberlusconiana amosara a súa forza "in piazza". 
Probablemente, vistos con perspectiva, estes días, estas case semáns de folga de estudantes (con violencia desacougante entre neofascistas e manifestantes en plena Piazza Navona), deban ser analisadas como a primeira manifestación do descontento xeralizado na sociedade progresista italiana que busca fórmulas e maneiras de se artellar contra un home e contra unha concepción corrupta da vida pública. 
As eleccións sempre mandan, pero convén regular o motor desa esquerda cunha continua presencia na rúa, para dar a entender que non se pode gobernar coa insultante arrogancia dunha maioría contra a outra mitade dun país receoso de receitas autoritarias. 

1 commento:

Ana Bande ha detto...

Como aquel plano de "El Gradudo", sustituíndo as patas equinas pola pernas da moza, claro.