Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 marzo 2007

A RECONQUISTA

Mañán conmemórase en Vigo o famoso día da Reconquista. As crónicas repiten que se trata de celebrar o fausto día en que as forzas da cidade, encabezadas pola carcuncia conservadora, clerigalla e pobo armado, botan aos franceses de Napoleón fóra das antigas murallas da cidade, Laxe abaixo ata o mar. É conmemoración antiga, polo que se ve, e sempre aceptada, coma a da Independencia, polos poderes, especialmente de signo conservador, aínda que houbera tamén liberais naquelas liortas contra o imperialismo gabacho.
O preocupante é que dun tempo a esta parte, a Asociación do Casco Vello, como un xeito, sen dúbida digno de toda loubanza, de "dinamizar" (como se di agora) a precaria (máis que iso: miserable en moitos lugares) situación da parte vella da cidade, decidiu festexar o evento coa representación daqueles feitos. É dicir: uns cantos, a maioría, fan de cidadáns vigueses, vestidos á moda do século XIX, e outros, de soldados do exército francés. Libran unha (eso si) festeira batalla pola Praza da Constitución e levan aos franceses a paus (festeiros, sempre festeiros) ata o peirao. Iso serve para xustificar unha nova edición (o novo parque temático e portátil de Galicia) de feira medieval (do século XIX, claro está) onde se poden comer empanadas, chourizos ao viño e escoitar eternamente unha gaita polas rúas do casco vello.
Xa en tempos, o meu querido Ferrín fixo unha encendida diatriba contra esta conmemoración por entender que se trataba da exaltación do peorciño do espíritu reaccionario patriótico. E, por suposto, cun claro contido antifrancés e antilustrado. Viu o acto conmemorativo, e comparto plenamente aquela visión, coma unha peza extravagante, mesmo ofensiva desde unha perspectiva progresista, aínda máis se temos en conta que quen leva tal asunto (que xa digo ten un propósito lúdico-festivo e por iso merece mediana bendición) é unha asociación de veciños de nomeada traxectoria nacionalista, próxima ao BNG.
O importante, parece ser, é pasalo ben. O outro é accesorio. Eu, pola miña parte, aproveitarei para tomar un Saint-Emilion á saúde de Francia ou do que cadre.
[A Misa de Parida. Francisco de Goya y Lucientes, atrib. Entre 1812 e 1820. Óleo sobre folla de lata. (Museo Municipal de Vigo Quiñones de León. Nº inv. 456]

2 commenti:

Ana Bande ha detto...

Vou inaugurar eu os comentarios para sumarme a tódolos que levamos anos escapando desta cidade pola vergonza que sentimos perante unha conmemoración tan aldraxante como a ignorancia de tantos e tantos ...non me atrevo a dicir vigueses...aos que hai que aclarar ano tras ano que esto non vai de moros e cristiáns senón de franceses. É un bo día para marchar, por se non tendes plan eu vos diria de visitar un par de exposicións en Santiago. A de fotografía (colección de fotografía do Ivam, Man Ray et.al.) que está na Caixa Galicia e que xa comentou MORALLA no seu fermosísimo espazo, e tamén unha de pintura de Murado, no mesmo lugar. Boas festas e próspero ano novo a todos.

Mario ha detto...

Bufff, non hai máis que ler a literatura "galega" feita para animar ás tropas daquela época. E como dicía Otero Pedrayo: e nas mochilas dos franceses entraba a liberdade.