Caxigalines nella Reguera'l Campizu

2 marzo 2007

O FUTURO DOS XORNAIS

O outro día falaba da posible desaparición dos xornais en papel. Nunha conversa amable con xente que leva tempo nesto dos xornais de papel, decateime de que andan preocupados polo xeralizado descenso de ventas. Saiu o tema dos xornais gratuitos como causa probable dese descenso, pero o meu interlocutor, a quen dou máxima fiabilidade neste asunto, afirmaba que tamén estes perigan porque ven baixar a afluencia de publicidade ás súas páxinas. Eu falei da miña experiencia de lector avidísimo de diversos xornais electrónicos ou, mellor dito, da miña condición de lector constante, mentres traballo no ordenador, de noticias que van aparecendo nas pantallas minuto a minuto. Os meus interlocutores, dunha idade maior ca miña, ignoraban a dimensión deste fenómeno, como probablemente me pasa a mín. Eu intúo, pola lectura destes diarios e a participación en blogs ou foros, que hai moita xente, especialmente xoven, que só le os xornais a través das pantallas. A inmediatez, a facilidade de acceso converte os xornais en papel en antigüidades cando imos compralos á primeira hora da mañá. Eu recoñezo que son un colgado dos xornais; nacín con este vicio, con esa zuna (esa fermosísima palabra que só escoitei empregar a miña nai e que xamáis lin, agás no diccionario). Pero admito que esmorece fronte á realidade dos xornais electrónicos. Ler o New York Times (ou só velo, sen saber nada de inglés), EL PAIS (despois de que eliminaron o pago, que lles impediu medrar), La Repubblica (un dos que mellores reportaxes gráficos e novas interesantes publica), mesmo EL MUNDO (tan alonxado do seu homónimo papeleiro) é unha ledicia. La Voz de Galicia fixo un esforzo notable, pero ao cabo duns meses parece esgotado e precisa innovación. El correo gallego tiña unha boa versión dixital, pero parece que recortaron gastos na súa difusión e pode pagalo. O Faro de Vigo publica unha versión semellante á de papel, pero non actualiza coa rapidez e celeridade dos outros xornais: precisa dunha inmediata (e nova, porque a derradeira é de hai poucos meses: así de veloz corre o tempo para estas cousas) renovación. Os xornais galegos viven de novas locais e de publicidade local (os anuncios por palabras son fonte de ingresos notable), pero deben deslocalizar aos seus xornalistas das páxinas papeleiras e levalos ás actualizacións renovadoras das súas respectivas versións dixitais.
Para outra ocasión, a desaparición da televisión tal e como a concebimos hoxendía. O internet vai matando aos poucos as estrelas da televisión.

NOTA: Recibo a nova de que o xornal 20 minutos suprimirá os anuncios de contactos sexuais (enténdase comerciais). Algún dirá que se trata de fórmula moralista e hipócrita; outros celebrarán a decisión. Entre a legalización da prostitución e a súa persecución, nin siquera os/as feministas nos poñemos de acordo.

4 commenti:

Xosé M. González ha detto...

Arume, igual lle gusta saber que "zuna" (coa acepción "aversión", "teima") é palabra que eu uso gorentosamente por oral e por escrito. Canto aos xornais, supoño probable que leven ese camiño; a diferenza dos libros, ou polo menos iso espero.

arume dos piñeiros ha detto...

Pois non sabe ben canto me gusta saber iso, porque como digo é palabra que nunca escoitei fóra do meu círculo familiar, miña nai, concretamente, de orixe asturiano. Na miña casa significa sempre vicio ou teima, efectivamente, pero sempre cun sentido un pouco (non moito) negativo.

a randeeira ha detto...

Os xornais en papel non creo que desaparezan pero terán que pasar por unha profunda reconversión para poder loitar coa competencia dixital. Tal vez teñan que dar máis protagonismo ás seccións de opinións e reportaxes porque nas noticias de axencia nunca acadarán a rapidez. Persoalmente cada vez que merco un xornal impreso penso que estou comprando algo atrasado, que as novas son moi vellas (a mesma paranoia lévame a pensar o mesmo dos telexornais).
Antes sempre tiña na casa prensa escrita variada, agora so compro El Progreso e A nosa terra ... e iso porque os equivalentes dixitais son penosos.
Por certo na miña bisbarra (A Mariña luguesa) a verba "zunado" é de uso común como sinónimo de "tolo".

De la Highway 61 ha detto...

Eu penso que o "inimigo" da prensa escrita non é a dixital, senón esto mesmo que estamos a facer agora: a comunicación directa entre persoas coñecidas (ou descoñecidas). Para mín é sinxelamente que a noticia tal e como se formulou até agora vai morrer, inda que non teño nin idea de qué é o que a vai sustituir (e quen diga que o sabe, minte). O asunto vai, como ben di arume, pola xente nova: un cativo que aprende de pequeno a buscar unha palabra nun dicionario dixital non mercará nunca un dicionario en papel. É lóxico. Algún dirá que o tacto do papel, que se isto, que se o outro... Será un vello (40+), seguro. Un novo non dirá nunca. Co periódico pasará igual, e non hai que darlle máis voltas: segundo vaian (vaimos) morrendo os que nos criamos co "papel", irán morrendo os compradores do periódico. É un feito. Pensar noutra cousa é perder o tempo, cousas de filósofo de baratillo. Así que vós, lectores de periódicos, xa podedes ir poñendo a dentadura en calgonit... (En realidade, se puxen este pos non foi máis que por poñer esta última frase).