Caxigalines nella Reguera'l Campizu

23 marzo 2007

ITÁLICAS

Itálicas
Nora Martini

Canto a célebre cólera de Aquiles
mentres buon mercato admito
unha imitación barata do pontevecchio en cortiza,
mentres devoro
esa pizzamargherita de pan e pomodoro triste.
Ao pe do Arno o Lungharno,
Lorenzaccio, Minturno, Perugino,
ao fin e ao cabo nomes, oracións
que cruzan o río con colares delincuentes,
con maromas sen purificar,
con apenas unha media libra de fígado de Venecia.
Ascendo ao secondo piano dos Oficios
e o spinario concede tregua
ao camiñante: a sombra do plátano
da Academia non viría mal nestes casos.
Pecho os ollos na tribuna,
para non ver retratos de xílgaros ao Bronzino,
e adquiro sotto voce
unha pianta que abanea,
con letras capitais e lobas capitolinas,
inútilmente a conciencia.
Estro polos mármores de Arezzo
toda a dor de pes
de Mantegna, as escumiñas
do Botticelli, a poalla infame
de fra Angelico.
Saio á praza de noite:
na terraza do giubbe rosse
non sei quen son
nin qué carallo fago eu en Florencia.

2 commenti:

Andrederabal ha detto...

E logo ti, como é que sabes tanto de Italia?.Xa vin neste blogge varias entradas referentes a esta.

Manuel Ángel Candelas Colodrón ha detto...

Porque é o meu país preferido. Vou sempre que podo. Alí son feliz. Inmensamente feliz. Esa é unha boa razón.