Caxigalines nella Reguera'l Campizu

7 gennaio 2011

LEIS PARA A GALERÍA

A proposta dunha lei para a convivencia e a participación nas aulas ameniza o arranque do curso. A consellería, nun longo e repetitivo texto publicado na súa páxina web (cheo, por certo, de erros e algo desordenado) explica a necesidade de lexislar sobre a autoridade do profesor na aula, a celeridade para as sancións, a inclusión no plano xurídico do acoso virtual e a participación das familias no ensino. De xeito implícito, a consellería admite que non é capaz de resolver os problemas que xorden no día a día nos centros educativos. E para iso non atopa mellor xeito que elaborar unha lei que 1) outorga a condición nominal de autoridade pública, coa insólita e perigosa presunción de veracidade, ao/á profe; 2) convirte en sumarísimos os preitos e litixios internos; 3) engade o acoso en internet entre as faltas que pode cometer o alumnado; e 4) dá voz ás nais e aos pais en aspectos "concretos" (isto repítese dúas veces e aínda así non queda claro) do ensino.
Para lograr iso non é necesaria ningunha lei. Cunha regulamentación precisa sobre procedementos sinxelos (e, ollo, garantistas, porque o da veracidade concedida per se ao profesorado conculca certos dereitos) e prazos reducidos nos casos de leas internas (incluidos eses casos de ciberataques que semellan ser o miolo de toda esta intervención), co discreto apoio ao profesorado en caso de dúbidas (tal e como funciona na realidade: o que queira levar unha placa de autoridade pública no peito porque a necesita ou porque non é quen de levar unha clase que a leve) e coa promoción, se se quere, da participación das familias nos consellos escolares (existe esa posibilidade: outra cousa é que os nais e pais non participen) sería suficiente.
Pero non: convén aparentar estar a favor dun falso autoritarismo do profesorado (o da posibilidade de requisar obxectos resulta conmovedora), de estar preocupados polo auxe do perigoso e case diabólico invento de interné, de ser moi bós e xenerosos coa célula familiar e de procurar facer que se fai neste sensible terreo da disciplina educativa. Governen, executen (non son, logo, o executivo?) e deixen de lexislar permanentemente para a galería.

2 commenti:

Profe ha detto...

A presunción de veracidade é algo típico de calquera autoridade administrativa: o garda civil de tráfico ten máis credibilidade que o condutor e infractor das normas de tráfico. Nin máis nin menos. Que pode haber algún garda civil de tráfico descerebrado que poida impoñer a mantenta e só por amolar unha sanción incorrecta a condutor? Home, poder pode habelo, que de todo hai nesta viña do señor, pero non é o habitual. Daquela, quitámoslle a presunción de veracidade a todos o gardas civís de tráfico porque seica hai algún que abusa da mesma?

Pois no caso dos profesores de primaria e sencundaria vén acontecendo o mesmo. Ou é que neste corpo hai máis cabróns descerebrados que na garda civil de tráfico? Pensar isto só pode ser produto do prexuízo ou de extrapolacións fóra de lugar.

Polo tanto, conculcación de dereitos, onde? Trátase de algo moi común en moitos países europeos. E véxase que se trata de presunción de veracidade, non de total e absoluta carta branca para o profesorado para facer e acusar a quen lle saia das pelotas, como tampouco a hai para os gardas civís de tráfico.

En fin, nótase que vostede ten moi poucos alumnos e que traballa moi poucas horas dando clases á semana (é o que se deduce dun post posterior a este). Se é así é porque o sistema educativo o permite, non é culpa súa. Pero non veña dando leccións nin pontificando a un amplo número de profesores/as que teñen unha media de 18 horas de clases semanais durante todo o curso e clases cunha media de trinta alumnos por aula: cento e moitos alumnos en xeral, e con algúns deles con ganas de boicotear a clase e despois negar toda evidencia (poucos pero suficientes para torpedear o curso). Calquera instrumento, por pequeno que sexa, para atallar o incivismo destes elementos sempre será benvida, aínda que todos sabemos que non vai solucionar os problemas globais do ensino.

arume dos piñeiros ha detto...

Coñezo perfectamente o problema. Non dou leccións nin pontifico. Digo e sosteño que me parece unha esaxeración o de outorgar esa condición de autoridade e que pode conculcar certos dereitos. Ou é que ao profesor en caso de conflicto polo mero feito de ser profesor non se lle fai caso no 99% dos casos?
Que a vostede lle parece útil e que lle gusta e que o considera eficaz, pois moi ben. Eu non o vexo así e creo que cos instrumentos que ten un profesor hoxendía na clase pode facer fronte a estas situacións de boicoteo e de violencia nas aulas.