Ir sempre en verán usurpa outra visión do país. Algunha vez teño viaxado en decembro a Siena ou a finais de febreiro a Ferrara e a Venecia. Pero sempre Italia aparece asociado a un ceo limpo, a unha calor alta (a piques de resultar abafante) e a un clima, como eles din, sereno. De cando en vez salta a treboada de verán e todo semella tranformarse nunha especie de furacán en miniatura. Este ano tocou en Perugia. Facía mesmo fresco e houbo que mercar calzado e paraugas de mentira para sobrevivir á intensa chuvia (descontada a protección dos spritz de media tarde no elegantísimo Caffè di Perugia). Cando regresabamos ao hotel, tivemos que refuxiarnos ao lado da catedral. Desde ese recuncho mirei así a praza principal, onde desemboca a extraordinaria via Vanucci, e onde se poden albiscar os mármores perfectos do Palazzo dei Priori e a Fontana Maggiore relucinte coma un sol en medio desta fermosa umbría.
Nessun commento:
Posta un commento