Caxigalines nella Reguera'l Campizu

27 settembre 2010

APUNTES TOSCANOS 11


A celebración de calquera evento en Italia que reúna multitudes precisa da súa carga ostentosa de seguridade nacional. Non basta coa discreta protección de policías apostados en lugares algo ocultos: é necesario que a presencia sexa rotunda, intimidatoria. Carabinieri, policías, corpos de elite, armados ata os dentes, con chalecos antibalas de última xeración (sempre sen esquecer o corte elegante das prendas nin a prestancia xeral das telas, na inacabable tradición sartoria dese país), ocupan un lugar eminente nestes foros ata o punto de que un sempre dubida de se son eles precisamente o obxecto das ceremonias ou a honra das festividades. Os uniformes, neste extremo, importan moito máis ca eficacia do asunto. En ningún lugar do mundo (agás os ingleses en Buckingham Palace e estes coa severa tristura do que sabe que está a facer o parvo sen xustificación algunha), exhiben tal cantidade e tal calidade de indumentaria gallarda e solemne para calquera circunstancia.
Na foto non se apreza, pero un rasgo ulterior distingue a esta tropa de pomposos cabaleiros: unha faciana adornada con arabescos pilosos. Unha liña finísima de barba que circunda o rostro, construindo unha paralela á cinta que suxeita o penacho, unha patilla en forma de tobogán tamén de sutil anchura, unha perilla que suliña máis ca ornamenta os beizos, un moustache en forma de corda que comunica nariz con orellas, cando non todo por xunto e amplificado con tatuaxes ou rapaduras totais de cachola brilantes coma almazaras.
Se non fosen temibles na súa prestación cotiá (quen probou un carabiniero en estrada sabe de que falo), moverían a risa estes cromos, dignas estampas dun ridículo espectáculo de mascaradas.

Nessun commento: