Caxigalines nella Reguera'l Campizu

24 settembre 2010

APUNTES TOSCANOS 9


A Mario, Xabi, B. e N.; a I., Ce e Ca.
Non existía aínda Martín, pero andaba de camiño. Aquel verán foi de antoloxía (todos os veráns tenden a selo): compartiamos casa e ledicia en Pergognano e compartían as nosas fillas mangueirazos no xardín reseco xunta o pozo con Xabi e Mario. Aquel verán fixemos visita dun día ao lago Trasimeno e a Perugia. Intentamos bañarnos nas augas quentes do lago, pero apenas cubría. Comimos en Castiglione, unha fermosa vila sobre a panorámica do lago, e fomos á rampante Perugia. Demos unha volta por aquelas rúas algo escuras, estreitadas por edificios máis altos do habitual que parecían enlazados ademáis por arcos e complexos reforzos. Nun desvío do mapa demos nun mirador da cidade, o que dá ao barrio universitario, fóra da extraordinaria porta etrusca. O edificio principal da universidade coa escaleira que baixa formaba un pano de fondo único. Mario e Carolina entenderon de forma natural o pracer de sentarse a mirar o espectáculo.
Varios anos máis tarde, este mesmo verán de 2010, nun luscofusco de chuvia, Carolina, desta vez sen Mario, volveu ao mesmo lugar. E sentou no mesmo chanzo. E mirou o horizonte. Non sei cifrar esta doce e misteriosa melancolía.

Nessun commento: