Caxigalines nella Reguera'l Campizu

15 settembre 2010

DARSE DE BAIXA

Darse de baixa non soa ben, sempre desacouga. Pero se por riba un quere facelo de plataformas dixitais, telefonías supersónicas, aseguradoras ou cousas polo estilo, está perdido. Non quixera eu martirizar co conto das chamadas a números 902 feitas e resoltas en bucles nada melancólicos. Nin tampouco coas horas perdidas en buscar nas páxinas webs de empresas punteiras en telefonía (Orange, para que agochalo!) un simple teléfono a quen chamar para facer o trámite. Nin tampouco co absurdo de atopar ofertas sensacionais para quen desexa entrar neste inferno ás que non pode acceder o que xa está dentro e quere aliviar a súa pena. Nin coa paranoia seguro que falsa que se acende cando descubres que tras chamar a eses números dan contigo outras compañías que che ofertan o ouro e o mouro para visitar o seu averno. Nin co fácil que resulta contratar absolutamente todo cun clic do rato, sen que teñas que asinar ningún papel, e o difícil que resulta desfacerse de todo, con visitas analóxicas ás oficinas de empresas para asinar o que nunca asinaches.
Houbo momentos de franca desesperación na que me sentín inmerso nun cadro de Jackson Pollock, lanzamento de obxectos de alta tecnoloxía ao chan incluido. Aínda está por ver que todo conclúa ben: entrega de aparatos, autógrafos a tutiplén, recibos non recibidos máis. O único que quitei en limpo foi a sinceira resposta do vendedor de conexións múltiples de teléfono, televisor, internet cando lle dixen que xa estaba con outra compañía: "Ah, señor, xa está atado: non o molesto máis, un saúdo e boas tardes".

1 commento:

ms ha detto...

Cómpre loitar contra o sistema coas (poucas) armas que temos: ter un telefono de tarxeta para chamar a determinados números, utilizar o skype para o resto de chamadas, mangarlle o wifi a un veciño descoidado (ou organizarse para compartilo), piratear todo canto se poida (pelis, música, libros...) para que se fodan os disqueiros e algúns editores...

Outra estratexia é non deixarse enganar polo primeiro mancontro ou tableta internáutica que che metan polos ollos. Cómpre agardar a que outras empresas, menos coñecidas mais solventes, saquen produtos parecidos a metdade de prezo, pois non nos sae do nabo pagar produtos "overpriced" por moito "hype" e moito deseño "designed in California" que nos queiran facer tragar.